Feijóo, cómplice co veto á transferencia da AP-9 ou "politicamente impotente"

Feijóo, cómplice co veto á transferencia da AP-9 ou "politicamente impotente"

Feijóo, cómplice co veto á transferencia da AP-9 ou “politicamente impotente”

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, censurou hoxe o “desprezo ao Parlamento de Galicia” por parte de Moncloa ao intentar vetar o debate da transferencia da AP-9 baseado en “falacias e argumentos falsos”. O responsable socialista sinalou ao presidente da Xunta, que debe explicar “se é ou ben cómplice ou ben politicamente impotente”.

Fernández Leiceaga criticou o “desprezo ao Parlamento de Galicia” por parte de Moncloa, nunha resposta que demostra un “rexeitamento claro a Núñez Feijóo por parte do goberno de Mariano Rajoy”. Acusou ao presidente galego de demostrar unha absoluta “impotencia política” para romper co bloqueo por parte do goberno central a esta iniciativa.

Do contrario, engadiu, ten despregado unha “estratexia de cinismo e hipocresía política” exercendo de “cómplice” necesario ao apoiar a proposta en Galicia sabendo do veto do goberno central e do PP no Congreso.

Esixiulle que “exerza de presidente do PP de Galicia” para romper con este bloqueo que tan só precisaría do voto da pontevedresa Ana Pastor na Mesa do Congreso para continuar cun trámite a pesares do pronunciamento en contra do Goberno central. Lembrou que outras iniciativas, como a supresión da Lomce, continuaron adiante rompendo co veto imposto por Moncloa.

Datos falsos

O portavoz socialista acusou ao goberno central de apoiarse en “datos falsos” para “disfrazar como técnica e financeira unha decisión que realmente é política”, no que considera unha manobra “burda” en base a “falacias sen nada razoable detrás”. O goberno, explicou, alega que a Lei suporía un custe engadido aos orzamentos, cando precisamente a iniciativa foi reformulada para evitar o dito sobrecuste.

Fernández Leiceaga acusou ao Executivo de “inflar artificialmente o custe” al estimar o rescate da infraestrutura en 4.000 millóns de euros, cando só estima os gastos da operación pero evita calcular os ingresos que suporía. Ademais, alega uns compromisos de 500 millóns de euros que en realidade corresponden a compromisos de financiamento ata o ano 2048, polo que “en ningún caso tería consecuencias para o orzamento vixente”.

220 preguntas

Fernández Leiceaga explicou hoxe que o Grupo Socialista ten comezado a incluír nas comisións parlamentarias as preguntas escritas que o goberno non quere responder, e que “atópanse amplamente fora de prazo”. Así dun total de 300 iniciativas acumuladas durante o período de sesións, as últimas comisións que se celebrarán no mes de xullo incorporarán en torno a 220 preguntas do Grupo Socialista.

Fernández Leiceaga advertiu que isto supón un “aviso de que o goberno non pode deixar sen responder as preguntas dos deputados, e que debe tratar ao Parlamento coa importancia que merece”. Explicou ademais que as preguntas que sexan respondidas antes da sesión serán retiradas, co que “agardamos contar con resposta ao conxunto das iniciativas para non bloquear o funcionamento da institución”.

Deste xeito sucedeu xa na Comisión de economía celebrada o pasado venres, que incluía unha ducia de preguntas socialistas que foron retiradas case todas, demostrando que “o goberno si que podía responder” e ofrecer información cuestións específicas. Advertiu que a Comisión de Agricultura de mañá incluirá así 16 preguntas, e a de Sanidade do próximo mércores sumará 82 preguntas do Grupo Socialista.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar