Feijóo "chulea" aos galegos e galegas

Feijóo "chulea" aos galegos e galegas

Feijóo "chulea" aos galegos e galegas

Méndez RomeuMéndez Romeu subliña que o propio presidente da Xunta desacreditou no de onte Consello as súas propostas de transparencia e loita contra a corrupción presentadas o martes no Parlamento.

Acusa ao PP de utilizar pola porta de atrás o coche oficial para os seus membros na Mesa do Parlamento logo de acordar a súa supresión hai tres anos.

Feijóo ten secuestrado dende hai dous anos o informe da Comisión de Expertos para analizar o municipalismo galego e advirte que incumpriu totalmente o seu programa electoral municipal.

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, acusou hoxe a Feijóo de “chulear directamente” aos galegos e galegas con promesas que “son falsas ou son mentira”. O responsable socialista preguntouse en rolda de prensa “para qué serve acordar nada co goberno cando logo fai o contrario e os acordos derivan sistematicamente en engano”.

Méndez Romeu puxo como exemplo o acordo da Mesa do Parlamento impulsado pola presidenta no mes de setembro de 2011 para limitar os coches oficiais aos seus membros -agás o da Presidencia- a actos representativos. Dito acordo foi roto “de facto” polos dous membros do PP na Mesa, que utilizan os vehículos a diario, e puntualizou que “os únicos que cumpren son precisamente os membros da oposición”.

Amosou a súa “perplexidade” cando Feijóo fuxira onte de dar explicacións ao ser preguntado sobre este asunto logo da reunión do Consello, ao tempo que daba unha mostra de que as súas promesas “son papel mollado”. Nin tres días tardou o presidente da Xunta, entre a súa comparecencia no Parlamento e a reunión do Consello, en desmentir o contido do seu discurso na Cámara sobre corrupción e transparencia.

O Goberno galego, dixo, aumenta o número de proxectos que deriva ao seu grupo parlamentario para así burlar os controis internos que ten que facer o goberno sobre os textos lexislativos, e adía ao mesmo tempo as primeiras propostas ao mes de marzo, en pleno período preelectoral.

Criticou que o presidente da Xunta ofreza unha reforma dos servizos xurídicos da Xunta sen ningún sentido, xa que estes servizos son alleos aos casos de corrupción que afectan ao goberno galego.

O mesmo sucede coa anunciada modificación da relación de postos de traballo “cando o problema da corrupción está na cúpula política, nun director xeral que concede cursos irregulares, unha conselleira que o tolera e o amigo conseguidor do presidente da Xunta”, en alusión á trama desvelada pola Operación Zeta.

Feijóo engana ou minte, dixo, cando continúa anunciando a reorganización e supresión de órganos e administración paralela da Xunta, como constata o ultimo informe do Ministerio de Facenda, que evidencia que os órganos suprimidos en Galicia son apenas o 1 por cento do resto do Estado, cun aforro tamén do 1 por cento. Galicia, que era a sexta autonomía en número de órganos administrativos, hoxe é xa a cuarta.

Informe secuestrado

Méndez Romeu urxiu ao presidente da Xunta a presentar no Parlamento o informe da Comisión de Expertos sobre municipalismo convocada en maio de 2012, a instancias dun acordo presentado polos socialistas galegos e aprobado no Parlamento, coa participación de quince membros nomeados pola Xunta, Fegamp e grupos parlamentarios.

Dita Comisión, encargada de analizar a mellora da cooperación municipal, o impulso das fusións, a racionalización dos servizos e a mellora das facendas locais, ten o informe “secuestrado” polo goberno galego dende hai dous anos. Méndez Romeu subliñou que “quizás sucede que as opinións dos expertos son diferentes ás do goberno e están mais avanzadas”.

O mesmo camiño deste informe seguiron tódalas propostas electorais presentadas por Feijóo nos anteriores comicios municipais, nos que prometeu unha nova Lei de Réxime Local que “non existe”, fomentar a intermunicipalidade ou constituír a Área Metropolitana de Vigo “sen Vigo”, puntualizou. Tampouco se sabe nada da coordinación de servizos nas áreas urbanas e periurbanas, pero si que se coñece que as transferencias non condicionadas da Xunta aos concellos diminuíron un 12 por cento, de 134 a 117 millóns.

Outra das promesas que quedaron en nada é a da fusión de concellos, mais alá, lembrou Méndez Romeu, do “esperpento” do concello de Oza – Cesuras, ao que o presidente da Xunta vén de amosar onte a súa “solidariedade”. O responsable socialista precisou que Feijóo estase a solidarizar cun alcalde que dimitiu por estar imputado, un expresidente da xestora condenado a 6 meses de inhabilitación e un presidente e alcalde en funcións que “o primeiro que fixo foi triplicar o seu salario”.

Tamén se solidariza, engadiu, coa “discutidísima tala no parque do sanatorio cun incremento do 280 por cento nas partidas previstas”, ou con que os membros da oposición aínda non reciban as actas das xuntanzas da Comisión de Goberno do Concello.

Feijóo fuxe, incumpre e engana, remachou, cando acorda coa oposición a reforma da Lei da CRTVG para deixar a continuación ao ente na ilegalidade durante tres anos, sen nomear o Consello de Administración, sen mudar ao director xeral e sen mandato marco. Mentres, a audiencia baixa do dez por cento e a televisión pública “camiña cara á privatización”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar