Feijóo cambiou a reivindicación radical do AVE por un silencio vergonzante

Feijóo cambiou a reivindicación radical do AVE por un silencio vergonzante

Feijóo cambiou a reivindicación radical do AVE por un silencio vergonzante

O deputado socialista Abel Losada interpelou ao goberno galego sobre o seu “milagroso cambio de posición” ante o desenvolvemento das obras do AVE, e sobre o compromiso da súa entrada en servizo en 2018. Losada afirmou que Feijóo cambiou a “reivindicación radical” por un “silencio vergonzante” e unha postura sustentada “na fe e na esperanza” desde a chegada de Rajoy ao goberno. O socialista pediu a reacción da Xunta ante a “estratexia de engano” de Fomento. “Cando lles mintan, díganlles que lles están mentindo”, reclamou.

Abel Losada lembrou a “pulsión reivindicativa” do PP co goberno presidido por Zapatero pedindo “unha aceleración case milagrosa” da alta velocidade, e a sinatura do Pacto do Obradoiro co ministro José Blanco como “un feito impescindible para o desenvolvemento de Galicia”, ata a “transmutación” de Feijóo e a “sensación balnearia” co tema no goberno Rajoy. “Seguro que na intimidade llo reivindcaba á ministra Pastor”, ironizou.

Losada asegurou que o ministro De la Senra “verbalizou o que Pastor tiña agochado” e reclamou un AVE para Galicia “perfectamente homologable cos do resto de España”, así como “reunións, unha axenda política do AVE e o acceso á evolución das obras”, como sucedía ata 2012, cando se coñecían os niveis de execución pública a tempo real a través da web de Fomento, unha información que o goberno popular eliminou.

O socialista advertiu de que “o problema das obras do AVE non é adxudicar orzamentos, senón executalos”, o que non sucede en niveis aceptables coa “xestión nefasta” do goberno do Estado, que puxo “a crise como desculpa” que foi aceptada por Feijóo para non avanzar nas obras. Tamén denunciou cambios como a eliminación da terceira vía de ancho ibérico e o acurtamento de tramos e viadutos que conleva unha menor velocidade media. Ou a supresión do salto de carneiro en Oia que permitía deixar aberta a conexión futura co tramo Ourense-Monforte-Sarria-Lugo, que “Feijóo prometeu pagar el se non o facía Fomento” en 2009, lembrou.

Losada destacou a “ralentización obxectiva” que se está a producir nas obras en Ourense –“a non ser que estean facendo obras subterráneas, nas que son expertos, como na PLISAN”, ironizou- e reclamou unha reflexión sobre a entrada en Santiago. “Non repitamos erros de facer trazados que non serven para a alta velocidade e poden ter moitos custos”, advertiu.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar