Feijóo bloquea un Pacto social contra a corrupción con luz e taquígrafos no Parlamento

Feijóo bloquea un Pacto social contra a corrupción con luz e taquígrafos no Parlamento

Feijóo bloquea un Pacto social contra a corrupción con luz e taquígrafos no Parlamento

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, criticou que Feijóo onte “rexeitou formalmente un pacto social contra a corrupción con luz e taquígrafos no Parlamento de Galicia” proposto polos socialistas galegos. O responsable socialista considera que o documento presentado por Feijóo a Besteiro o mércores é en realidade un “corta e pega” de numerosas medidas que foron propostas polo PSdeG pero do que “por sorpresa” desaparecen diversas “iniciativas importantes”.

Entre esas iniciativas socialistas que non figuran están, por exemplo, a necesidade de facer públicos os nomes e a totalidade das retribucións e funcións dos asesores e cargos de confianza do goberno, os gastos en publicidade e convenios cos medios de comunicación, os datos de todas as viaxes dos membros do goberno e os altos cargos realizadas con cartos públicos e os seus custes, obxectivos e resultados ou a obriga de comparecencia dos conselleros que non faciliten a información requerida na Cámara, entre outras.

Méndez Romeu censurou que o presidente da Xunta pretenda acordar fóra do Parlamento, “que é onde pode existir participación, seguimento e responsabilidade por parte do goberno”, só algunhas medidas logo de telas rexeitado sistematicamente dentro da Cámara, de ter bloqueada a Comisión de Estudo para previr as causas da Corrupción e de ter negado a súa comparecencia e dos seus conselleiros vencellados nas investigacións xudiciais que apuntan ao financiamento irregular do PP.

Sinalou que a día de hoxe “ningún membro do goberno ten comparecido para ofrecer unha explicación minimamente crible” do que se ten publicado nos sumarios abertos que apuntan ao financiamento irregular do PP e nos que aparece citado varias veces o propio presidente da Xunta.

Tampouco ten comparecido o presidente da Xunta, dixo, para explicar se a súa relación persoal co suposto “conseguidor” da trama de irregularidades investigada na Operación Zeta lle “supuxo algún tipo de beneficio”. Cando se fala dun “mecanismo de financiamento ilícito”, dixo, “o goberno debería ser o primeiro interesado en dar unha explicación e garda silencio, o presidente da Xunta cala, e o silencio normalmente otorga e dá verosimilitude”, unha actitude na que ve unha “estratexia deliberada de silencio” do PP como con Bárcenas ou Pablo Crespo, “como se non falar deles significase que non existisen”. Romeu reclamou que deben explicar “como é posible que se estea utilizando a proximidade ao presidente da Xunta para beneficio particular u operacións que teñen carácter delictivo”.

O portavoz socialista reivindicou hoxe o “extraordinario nivel de esixencia ética” imposto polo goberno socialista en Galicia, que foi “suprimido” polo goberno de Feijóo. Lembrou que os socialistas aprobaron por vez primeira en Galicia e no Estado unha Lei de Transparencia pola que se fixeron públicas a totalidade das subvencións concedidas polo Executivo, uns datos que “hoxe están restrinxidos”, e que chegou a cesar a un alto cargo logo de coñecerse unha carta de recomendación.

Predicar sen exemplo

Méndez Romeu lembrou a presenza do presidente da Xunta nun cumio sobre bo goberno que se vai celebrar esta fin de semana en Extremadura, coa participación do propio Feijóo, Dolores de Cospedal e o presidente daquela Comunidade Autónoma, José Antonio Monago e ironixzou con que “promete ser interesante”. Dixo que o presidente da Xunta “predica pero non precisamente co exemplo” ao falar de boas prácticas fóra de Galicia cando evita dar explicacións sobre a súa situación.

”Feijóo poderá ir a Extremadura a falar do bo goberno pero en Galicia non quere falar”, dixo, “e non nos extrañaría que alí lles aporte aos seus colegas algunhas reflexións novidosas; todo menos ofrecerlle á sociedade galega un marco de solucións, unha estratexia de prevención e un pacto calro con todos os que están chamados a combater este problema”. Tamén fixo mención á “situación paradoxal” de que na Cámara galega haxa hoxe unha conferencia sobre a corrupción en Europa mentres non se fala do que está a suceder en Galicia.

O responsable socialista ironizou coa coincidencia das declaracións da secretaria xeral do PP, Dolores de Cospedal, que cualificaba a Podemos como un “perigo para a democracia”, mentres Feijóo confesábase “mais de Podemos que os de Podemos”.

Preguntou así se “debemos concluír” que Cospedal “considera que Feijóo é un perigo para a democracia”, ao tempo que cualificaba as palabras do presidente galego de “frivolidade” dentro das súas recentes alusións ás súas orixes “non sabemos se porque ten algún tipo de problema persoal con iso”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar