Feijóo apoia o "ataque directo contra a universidade pública" perpetrado polo ministro Wert

Feijóo apoia o "ataque directo contra a universidade pública" perpetrado polo ministro Wert

Feijóo apoia o "ataque directo contra a universidade pública" perpetrado polo ministro Wert

Concepción Burgo esixe respecto á opinión dos reitores galegos, que rexeitan a reorganización do sistema universitario.

Reclámalle ao presidente galego que “deixe de apoiar a implantación das universidades privadas” e defenda un sistema público que garanta a equidade e igualdade de acceso.

A portavoz de Universidade do Grupo Socialista, Concepción Burgo, acusou hoxe ao presidente da Xunta de “apoiar o ataque directo contra a universidade pública” que está a encetar o Goberno central a través do ministro Wert. A deputada socialista presentou unha batería de iniciativas parlamentarias fronte á reorganización do sistema universitario.

Burgo sinala que os cambios encetados polo goberno central co apoio de Feijóo van en contra da equidade e da igualdade de acceso á universidade ao encarecer os estudos, empeorar a calidade do ensino e facilitar a chegada das universidades privadas. Esixiulle ao goberno galego que convoque aos reitores galegos para analizar a nova reforma á que se teñen oposto e defender a súa postura diante do goberno central.

Concepción Burgo explicou que a iniciativa de cambiar o sistema de ensino de 4 anos de grao mais un de master por tres anos de grao mais dous de master supón un “despropósito” que encarecerá os estudos, provocará “problemas de xestión importantísimos” e un novo freo no acceso dos estudantes ao ensino.

Advertiu que esta proposta supón unha medida de aforro descarada, e como tal figura no número 108 das 255 medias de recorte presentadas polo goberno de Rajoy para reducir o gasto a costa dos alumnos, xa que cada ano de master multiplica por tres o prezo dos estudos de grao.

En suma, dixo, supón unha medida “clarísima a favor da desregularización neoliberal”, ao igual que o novo decreto de redución drástica dos requisitos para a implantación das universidades privadas. Lembrou que Galicia é xa terreo abonado para a chegada destas universidades grazas á Lei do Sistema Universitario Galego aprobada polo PP na Cámara autonómica.

O obxectivo, sinalou, é permitir a chegada de universidades virtuais semipresenciais que carecen dos mínimos requisitos de calidade pero “si que contan cuns prezos moi altos”. Ao mesmo tempo cambian os requisitos de calidade de investigación e docencia para os profesores universitarios introducindo o novo criterio do mérito profesional precisamente para abrirlle aos profesores da privada a porta de entrada á universidade pública.

Financiamento

Burgo reclamoulle ao presidente galego que “deixe de apoiar a implantación das universidades privadas” e comece a defender os intereses dos galegos e galegas a través dun sistema universitario público que garanta a equidade e a igualdade de acceso a tódolos galegos e galegas. Dixo que o presidente galego ten que defender a universidade pública garantindo o seu financiamento e freando a perda de profesores.

A deputada socialista apuntou que o Sistema Universitario Galego perdeu un 15 por cento do seu orzamento dende a chegada de Feijóo, co que de manterse os niveis de 2009, en 2013 contarían con 238 millóns de euros mais. O seu nivel de financiamento, dixo, atópase actualmente a niveis de 2007, si ben “en termos constantes –tendo en conta a inflación- a xestión de Feijóo devolve ás universidades a 2005”.

Subliñou que as universidades galegas “o que realmente necesitan é un novo Plan de Financiamento e que o presidente do goberno cumpra as súas promesas” en lugar de apoiar ás universidades privadas e estrangular os seus orzamentos.

Profesorado

Tamén advertiu que o goberno galego ten provocado a perda de 500 postos de profesores e investigadores da Universidade de Santiago de Compostela –USC- entre 2011 e 2013. Ademais, de acordo coa Memoria de Responsabilidade Social, a propia USC perdeu un 24 por cento do seu persoal docente e investigador entre 2011 e 2012.

A perda de persoal, dixo, resulta en todo punto “inaceptable” e sitúa ás universidades galegas en perigo de cumprir cos niveis mínimos de docencia e cuns niveis de investigación de calidade.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar