Feijóo aplica un "imposto aos maiores" en Galicia

Feijóo aplica un "imposto aos maiores" en Galicia

Feijóo aplica un “imposto aos maiores” en Galicia

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, acusou hoxe a Feijóo de aplicar un “imposto aos maiores” coa súa política residencial. Na sesión de control ao presidente, acusouno de forzar aos maiores a desfacerse do seu patrimonio para poder pagar unha residencia privada, xa que “entrar nunha residencia pública é misión imposible en Galicia”.

O responsable socialista puxo como exemplo a perda da maioría absoluta pola premier británica Theresa May “entre outras cousas por popularizar o imposto á demencia”. En Galicia, dixo, “vostede está aplicando un imposto non dito, non formulado, aos maiores coa política residencial obrigando a optar pola libranza ou por unha residencia privada” imposible coas pensións máis baixas do Estado, abocándoos a vender o seu patrimonio.

Os maiores galegos, que contan cunha pensión media de 732 euros para os homes de entre 75 e 79, e de menos de 600 para as mulleres, deben acudir a unhas residencias privadas que custan entre 1.500 e 2.000 euros, logo de que a inacción da Xunta deixe “o campo aberto ás actuacións privadas”. Mentres, lembrou, os hospitais “buscan fogar para centos de maiores” que necesitan atención continuada e non poden volver á casa.

Fernández Leiceaga criticou a “xestión morosa e cicatera” de Feijóo na política de atención aos maiores, que resulta “particularmente dramática” no caso das residencias de maiores. Explicou que mentres o presidente da Xunta anuncia 900 novas prazas, a realidade é que “necesitamos 3.755 prazas para igualar a media española en financiamento público”.

Reclamoulle por iso que a curto prazo “abra as residencias públicas xa construídas e que levan bastante máis de un ano pechadas”, para concertar 1.000 prazas para dar saída á lista de agarada. Puxo como exemplo os casos de Baleira –Lugo-, Foz, Paradela, a ampliación de Carballiño, Cervo, e reclamoulle que desbloquee o convenio coa Deputación de Lugo, que “está poñendo a disposición 13 residencias na provincia”.

A medio prazo, dixo, urxe un programa de residencias públicas con 2.000 prazas que precisaría 50 millóns de euros” mentres Feijóo “está renunciando a 60 millóns de endebedamento público que podía aplicar aquí”, en referencia ao límite de gasto autorizado no último Consello de Política Fiscal e Financeira.

Atención aos dependentes

Fernández Leiceaga cualificou tamén de “morosa e cicatera” a xestión da atención aos Dependentes, nomeadamente a atención aos dependentes, que de acordo co último informe da Valedora do Pobo rexistra “frecuentes atrasos nos procedementos de dependencia, residencias, discapacitades, etc.”. Dixo que “con demasiada frecuencia pasan máis de dous anos dende que se inicia o procedemento ata que se remata”.

Ademais, de acordo tamén coa Valedora, os servizos residenciais en lista de espra “prolónganse moito tempo”, e mentres os beneficiarios da Dependencia aumentaron nun 35 por cento nos últimos 5 anos, as prazas residenciais só o fixeron nun 9 por cento.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar