Feijóo aplica un "discurso tramposo" ao presumir de xestión mentres agocha 240 millóns de euros de facturas impagadas

Feijóo aplica un "discurso tramposo" ao presumir de xestión mentres agocha 240 millóns de euros de facturas impagadas

Feijóo aplica un "discurso tramposo" ao presumir de xestión mentres agocha 240 millóns de euros de facturas impagadas

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, denunciou hoxe o “discurso tramposo” de Feijóo por “presumir” de que a Xunta paga cada vez en menos tempo cando a realidade é que “almacena facturas pendentes” e pecha o exercicio contable “cada vez antes”. O responsable socialista presentou as iniciativas socialistas que serán levadas ao próximo Pleno.

Méndez Romeu aludiu á acumulación de 240 millóns de euros de facturas impagadas por parte do goberno galego e ao peche do exercicio contable en setembro, impedindo a entrada de novas facturas catro meses cada ano, desprazándoas ao exercicio seguinte. Censurou así que o presidente da Xunta se presente como un xestor eficaz cando a realidade é que trampea as contas mentres carga á cidadanía os custes da crise.

O responsable socialista sinalou que o próximo Pleno incluirá unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para reclamar un debate en profundidade sobre unha reforma fiscal aprobada polo PP que “elimina a progresividade e impón unha maquillaxe inaceptable”. Aludiu así ao castigo ás clases medias e ás menores rendas mentres beneficia ás grandes fortunas.

A realidade, dixo, é que o modelo fiscal do PP supón “retroceder 2 anos” aos niveis de 2011 mentres anuncian un novo Pleno para finais de xullo e comezos de agosto que fixe o teito de gasto para 2015. Dito teito suporá unha nova redución de recursos, que incidirá sobre o recorte xa aplicado ao gasto social por parte de Feijóo logo de terlle reducido xa oito puntos do orzamento.

Conselleiro pintoresco

O responsable socialista cualificou hoxe de “pintoresco” ao conselleiro de Educación logo das recentes sentenzas xudiciais en contra da segregación de alumnos por sexo e a anulación do concurso de traslados. Os dous casos, dixo, derivan de problemas xerados polo propio conselleiro, que “provoca conflitos onde non os hai”, demostrando unha posición “absolutamente irresponsable”.

Precisamente a anulación do concurso de traslados será levado á sesión de control do próximo Pleno do Parlamento en forma de pregunta ao conselleiro de Educación. Mentres, unha moción socialista pedirá a suspensión do concurso convocado pola Xunta para a edición de libros de texto en formato dixital e a plataforma informática, que exclúe deliberadamente ao sector editorial galego.

Comparecencia de Feijóo

Os socialistas galegos reclamaron a comparecencia do presidente da Xunta para dar conta do seu desleixo para impulsar o mercado laboral galego, logo de que os últimos datos revelaran que o 93 por cento dos novos contratos asinados en Galicia son temporais. Ademais, engadiu, unha terceira parte dos traballadores forman parte da hostalería ou dos servizos, un modelo que “dista moito de ser sostible no futuro”.

Méndez Romeu tamén reclamou a presenza do presidente da Xunta para dar conta da paralización do funcionamento dos órganos institucionais, logo de constatar que o Valedor do Pobo permanece en funcións, as prazas do Consello de Contas están vacantes, o Consello Consultivo paralizado e a Lei da CRTVG paralizada dende hai dous anos. Acusou ao presidente da Xunta de situar as institucións “ao servizo do grupo maioritario”.

Corrupción

O responsable socialista criticou ademais que o acordo para habilitar o mes de xullo para o normal desenrolo da actividade parlamentaria, a proposta dos socialistas galegos, non incluíra, por causa do veto do PP, a convocatoria da Comisión de Investigación sobre a desaparición das caixas ou da Comisión de Estudo sobre a corrupción, as dúas conxeladas á espera de aprobar o ditame final.

Méndez Romeu chamou ao PP galego a superar as súas dúbidas sobre os criterios a aplicar diante dos casos de corrupción e unirse ao criterio aplicado polos socialistas galegos que foi defendido polo propio portavoz do PP no Congreso, Carlos Floriano. Considerou necesario “falar e acordar” para limitar estes casos, tal e como sucedeu no seu día co Pacto Antitransfuguismo.

Iniciativas

O Pleno da próxima semana incluirá ademais unha moción socialista para pedir a retirada da reforma xudicial e o mantemento dos 45 partidos xudiciais en Galicia, unha interpelación sobre os retrasos na concesión da Renda de Integración Social de Galicia –Risga- e a discriminación dos concellos no reparto das partidas.

Tamén será debatida unha pregunta oral sobre os brotes de parasitos no Hospital de Lugo, un caso “inconcebible e directamente relacionado coa redución de persoal dos servizos de limpeza e mantemento.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar