Feijóo amosa a súa indiferencia cara a Vigo e o PP impide unha estratexia de consenso para os aeroportos galegos

Feijóo amosa a súa indiferencia cara a Vigo e o PP impide unha estratexia de consenso para os aeroportos galegos

Feijóo amosa a súa indiferencia cara a Vigo e o PP impide unha estratexia de consenso para os aeroportos galegos

O parlamentario socialista, José Luis Méndez Romeu, ven de defender na Comisión de Política Territorial unha proposición non de lei do seu grupo pola que se instaba á Xunta a elaborar, no prazo de tres meses e presentar no Parlamento unha estratexia de desenvolvemento aeroportuario, a partires da evolución de cada aeroporto, do seu potencial de crecemento, da complementariedade da oferta e da competitividade.

O parlamentario socialista salientou a actualidade do asunto a debate tras a manifestación cidadá en Vigo, non para esixir o habitual nestes tempos, “emprego, medidas de reactivación económica”, senón, subliñou Méndez, para “algo tan abstracto” como a mellora dunha infraestrutura. Conclúe o deputado do PSdeG que os veciños de Vigo consideraron que o aeroporto era “fundamental como panca para o desenvolvemento” da cidade máis grande de Galicia e que representa, co seu entorno metropolitano, un terzo do PIB de Galicia.

“Existe a plena conciencia de que non é viable o pulo económico dunha conurbación sen un aeroporto competitivo”, afirmou. Méndez definiu a manifestación polo aeroporto de Peinador como un “clamor contra a discriminación, contra o engano e contra as actuacións que impiden o normal desenvolvemento dunha infraestrutura tan relevante”.

O parlamentario socialista censurou que “o único que non estaba” era o Goberno galego, “cego, xordo, mudo e indiferente ás necesidades de crecemento da principal área industrial de Galicia”. Un Goberno burócrata, alleo ás demandas sociais e incapaz de producir actuacións de crecemento positivo e que queda reducido “á propaganda máis burda”. A manifestación, salienta Méndez Romeu, deixaba á vista algo máis: “a ausencia de diálogo institucional e mesmo de diálogo social”. A Xunta “non está nos problemas vinculado aos crecemento económico”, esta é, ao seu xuízo, “unha percepción “amplamente compartida” no país.

Galicia acadou o teito de 4,7 millóns de pasaxeiros en 2007, desde entón perdéronse 850.000. O crecemento do tráfico aéreo entre outros factores, como a distancia, está vinculado á situación económica. Informes de AENA pon de manifesto a influencia do PIB no tráfico aéreo. Cos datos coñecidos, é previsible un incremento de 5 millóns de pasaxeiros para cando se produza a recuperación económica.

Diante da situación actual, acusa Méndez á Xunta e ao seu Presidente de estar inmersos nun discurso “vaporoso, evanescente”. Fálase dunha terminal única, “que é iso, onde está, onde existe ese modelo?” criticou.

Só un 9% do turismo que chega a Galicia o fai en avión. Existe pois un potencial de crecemento perceptible para todo o mundo “agás para a Xunta e a Oficina de Turismo”, acusou Méndez. “Seguen insistindo na Galicia Segreda e sen descubrir que existe o transporte aéreo, como se non tivésemos infraestrutura aérea dabondo con tres terminais e un esquema con outros países razoable”, reprochou o portavoz de Industria e Turismo do Grupo Socialista.

A política do PP non é neutral, afirma o socialista, que recorda que as taxas aeroportuarias medraron desde a chegada de Pastor a Fomento, nun 19%, e isto repercutiu nos billetes nunha media do 10%. O Comité de Rutas, creado polo Goberno de Touriño, foi eliminado e substituído por un “esquema perverso” de incentivos “sen que se coñeza planificación de futuro”.

Un enorme investimento de 500 millóns de euros do anterior Goberno de España, a primeira vez que se realiza unha planificación anticipada á demanda, non está a producir os resultados esperados.

Por todo o argumentado, Méndez salientaba a oportunidade desta iniciativa socialista que os populares rexeitaron desde o argumento de que xa están a elaborar unha estratexia propia. Méndez lamentou que non se chegara a un acordo sobre este asunto e rexeitou por inconsistentes os argumentos da maioría parlamentaria do PP.

O deputado socialista salientou que o PP non presentará ningunha iniciativa de futuro no vindeiro Pleno. É máis ben “unha mera declaración de intencións” co que se perderá unha “oportunidade histórica” para lograr o consenso da Cámara para unha estratexia aeroportuaria de futuro para Galicia.

32641281A

Deixar a resposta

Pechar