Feijóo acudirá ao pleno “collido pola orella” para dar conta da súa amizade co narco Marcial Dorado

Feijóo acudirá ao pleno “collido pola orella” para dar conta da súa amizade co narco Marcial Dorado

Feijóo acudirá ao pleno “collido pola orella” para dar conta da súa amizade co narco Marcial Dorado

O portavoz do Grupo Socialista, Abel Losada, salientou hoxe, na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces preparatoria do Pleno da vindeira semana, que “Feijóo comparece neste Parlamento collido dunha orella polos portavoces da oposición”.

Losada afirma que a intención e o obxectivo do Grupo Popular era que o Presidente da Xunta non comparecese, como o demostra que non tiveran rexistrado ningunha solicitude a tal efecto. Acusou ao PP e ao Goberno galego de someter aos grupos da Oposición a unha “auténtica chantaxe” para que Feijóo comparecera.

O portavoz socialista resumiu en cinco puntos os motivos que xustifican a comparecencia do Presidente de Galicia para dar conta da súa relación co narcotraficante Marcial Dorado nos anos noventa, revelada por un medio de comunicación.

En primeiro lugar, non se trata só de fotos, como apuntan desde a marxe popular. Losada subliña que se trata do reflexo de “cinco anos relación entre o número dous da Consellería de Sanidade, o principal centro de gasto da Xunta de Galicia, e un dos principais narcos de Galicia”. Esas fotos reflicten unha relación “intensa” entre ambos, xa que, explica Losada, “non podo entender que a xente comparta casa, barcos, coches con descoñecidos”. “Feijóo non era un autoestopista” para Dorado, afirma o deputado do PSdeG-PSOE.

Salientou tamén Losada que a época á que corresponde a reportaxe xornalística coincide cos anos en que o principal problema desta comunidade autónoma era a droga. Anos en que as nais da mocidade que se vía baixo o ataque devastador da droga se manifestaban en todas as cidades, “Feijóo paseaba pola ría de Vigo”. Nese momento, recorda Losada, no ano 95, morrían máis dun centenar de persoas na área sanitaria de Vigo por causas relacionadas coa drogadicción.

Hai dezaoito anos desas fotos, pero para Losada son unha “metáfora da absoluta desconexión dun responsable político público coa realidade do país que goberna, sexa secretario do SERGAS, daquela ou Presidente da Xunta hoxe”.

En terceiro lugar destacou Losada a inverosimilitude da versión de Feijóo. Considera Losada que é imposible que Feijóo non coñecera a Dorado e atribúe a súa explicación a un “exercicio de escapismo” que o único que fai é desprestixiar a súa figura política.

O portavoz socialista tamén abordou a cuestión do medo ou a chantaxe da que puidera ser obxecto Feijóo. Neste sentido, Losada asegura que se alguén se sinte ameazado, o lóxico é acudir á policía, ou senón dar unha rolda de prensa para explicar o sucedido.

A quinta cuestión é o motivo polo que se ocultaron estas fotos. Abel Losada salienta que o “principal beneficiario de que as fotos non saíran foi sempre Núñez Feijóo”. Porque tendo en conta a sensibilidade social en Galicia co tema do narcotráfico, argumenta o portavoz socialista, Feijóo “nunca sería presidente da Xunta”.

Esta podería ser a razón pola que aguantou Feijóo a chantaxe e o medo, a xuízo do socialista, “falouno na intimidade con Fraga e con Rajoy, pero agochou esas fotos” .

Para o socialista, as referencias dos populares a que se tratan dunhas fotos de “ocio”, non son admisibles para o portavoz socialista, que, insistindo nas responsabilidades que tiña no maior centro de gasto da Xunta Feijóo daquela, Losada considera necesario saber si “había só ocio ou tamén negocio”.

Tamén queren coñecer os socialistas cómo unha persoa de 34 anos, titulado universitario, con altas responsabilidades no Goberno galego, non sabe a onde viaxa e a falta de “sensibilidade” cando o fai, pois o único que recorda é que había neve.

Conclúe Losada que as fotos de Feijóo con Dorado representan unha maneira de entender a política “á marxe da realidade que goberna”, xa sexa como Secretario Xeral do SERGAS ou como Presidente da Xunta.

Preguntado por si o Grupo Socialista pedirá no Pleno a dimisión do Presidente da Xunta, Losada recordou que os socialistas están facendo “un exercicio de responsabilidade”, polo que en primeiro lugar escoitarán as explicacións que o titular do Executivo dea á Cámara, pero “non o descartamos”.

32641281A

Deixar a resposta

Pechar