Fernández acusa a Feijóo de abandonar aos cidadáns e aos concellos a unha sorte incerta ante os lumes forestais

Fernández acusa a Feijóo de abandonar aos cidadáns e aos concellos a unha sorte incerta ante os lumes forestais

Fernández acusa a Feijóo de abandonar aos cidadáns e aos concellos a unha sorte incerta ante os lumes forestais

O secretario xeral do PSdeG de Ourense, Raúl Fernández, acusou hoxe a Feijóo de “abandonar aos cidadáns e aos concellos a unha sorte incerta ante os lumes forestais” coa súa nula política de prevención de lumes tanto en núcleos rurais como en parques naturais e espazos protexidos.

Tras manter unha xuntanza cos alcaldes e membros da Executiva provincial para analizar a situación na que se atopan aos concellos ante os lumes, Fernández constatou a súa “preocupación” e “pavor” dada a escasa axuda coa que contan os concellos para atallar os lumes nun verán que, como anticipan as previsións meteorolóxicas, pode favorecer os incendios forestais.

Unha situación que se fai máis preocupante ante o “desleixo” do Goberno de Feijóo, que traslada toda a responsabilidade aos concellos e aos seus alcaldes. Por elo, Fernández acusou a Feijóo de abandonar aos ourensáns e a todos os galegos e galegas “a unha sorte incerta” ante os lumes e criticou que Feijóo “afogue aos concellos” ao levalos a asumir responsabilidades que non lle corresponden.

“Os alcaldes están a recorrer aos voluntarios de protección civil e aos cidadáns para que os seus pobos non ardan, mentres hai unha total ausencia de medios da Xunta nos lumes”, proclamou Fernández.

A isto engadiu que “levamos tres veráns consecutivos sen labores de prevención de lumes, porque dende a chegada de Feijóo á Xunta non hai axudas aos concellos para o desbroce de perímetros, e a política de prevención de incendios é nula, o que pon en risco aos numerosos núcleos rurais da nosa provincia”.

O secretario xeral de Ourense lembrou que a pasada campaña de prevención de lumes foi “desastrosa” nesta provincia, “co abandono de zonas protexidas e parques naturais, dos concellos e, en definitiva, dos cidadáns”. “Despois desto, a Xunta non concedeu nin un só euro para axudas”, lamentou.

Unha situación que prevé que non cambie este ano dada a “evidente desorganización da Consellería de Medio Rural que non puxo en marcha o operativo contra os lumes, non fixo políticas de prevención, retrasou as contratacións, diminúe os orzamentos, e hai unha intención evidente de desmontar o Seaga e de emprender unha política forestal encamiñada á privatización”.

“Aínda onte se puxeron en contacto coa xente para facer as listas de contratación, e tamén onte ofertaron 35 coches motobomba que non sabemos si estarán operativos, non é previsible que as brigadas estean operativas ata o 19 de xuño, e deixan a base do Xurés sen helicóptero”, denunciou.

Todo elo demostra a “incompetencia” de Feijóo, apuntou Fernández, “que non só non exerce de presidente da Xunta, senón que se desentende das políticas de prevención de lumes, e bótalle a culpa aos demais en lugar de asumir as súas responsabilidades”, remachou.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar