Fartos de posverdades, ciencioloxía e deslizamento das datas do AVE

Fartos de posverdades, ciencioloxía e deslizamento das datas do AVE

Fartos de posverdades, ciencioloxía e deslizamento das datas do AVE

O deputado socialista Abel Losada advertiu hoxe que “os galegos estamos fartos de posverdades, ciencioloxía e deslizamento de datas: o AVE non vai estar en 2019”. Así o dixo no debate dunha moción socialista no Pleno do Parlamento para reclamar o cumprimento dos prazos comprometidos polo Goberno central, que o PP negouse a apoiar.

O responsable socialista cargou contra a “utilización política escandalosa” e a “mentira política sistemática” por parte de Feijóo con esta infraestrutura, logo de lembrar ironicamente o lema da Igrexa da Ciencioloxía “se para ti é verdade, entón é verdade”.

Lembrou que Feijóo pasou dende o compromiso electoral, que situaba como “irrenunciable” o horizonte de 2018, ata o “deslizamento de datas”, termo acuñado polo presidente galego logo da última xuntanza co ministro de Infraestruturas.

Losada lembrou ademais as palabras de Feijóo confesándose “enganado” coas datas do AVE dende 2010 e preguntoulle “se no momento de presentarse ás eleccións de 2016 non estaba enganado, xa estaba enganado ou estaba enganando aos cidadáns”.

Criticou ademais que “pretendan que o ministro veña cada tres meses a verificar as obras” pero o tramo Taboadela – Ourense permanece parado, o túnel de San Francisco “non pode asumir un AVE sen unha nova catenaria subterránea” e o viaduto do Miño tampouco pode resistir unha catenaria que non sexa desta vez subacuática.

Acusou aos gobernos central e autonómico de agochar a súa nula intención de realizar as obras “como fixeron cando falaban dunha paralización de obras en 2016 polo goberno en funcións que é falsa". Lembra que naquel ano a licitación de obra pública en Galicia foi superior que en 2015, e acusou á daquela ministra Ana Pastor de realizar pequenas modificacións para esixir novos informes medioambientais e así paralizar a obra.

O responsable socialista propuña, como medida para acelerar o remate das obras, licitar de forma conxunta o proxecto e obra do tramo do AVE, Taboadela – Ourense – Empalme. Esta infraestrutura permitiría a integración do novo acceso ferroviario na cidade de Ourense coas características técnicas e de calidade no servizo das demais liñas de Alta Velocidade Ferroviaria.

Os socialistas galegos reclaman “retomar e convocar de xeito urxente a Comisión de Seguimento”, que foi acordada no acordo de 2009 para manter encontros anuais coa participación dos portavoces e os grupos da oposición do Parlamento de Galicia.

Este órgano ficaría encargado de avaliar as previsións do actual Goberno de España no que atinxe á programación dos orzamentos para o ano 2017 e seguintes, para garantir “o cumprimento efectivo da execución das obras nos distintos tramos do AVE a Galicia nos prazos comprometidos.

Ademais, esíxelle ao goberno galego que reivindique diante do Executivo a reactivación da información con actualización mensual na web do Ministerio de Fomento, ofrecendo datos sobre a situación dos procedementos de licitación, de adxudicación e a execución de proxectos e obras dos diferentes tramos do AVE a Galicia, clarificando a porcentaxe de obra executada e certificada en cada tramo.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar