"Farsa especulativa" do PP coa reforma da Lei de Costas

"Farsa especulativa" do PP coa reforma da Lei de Costas

"Farsa especulativa" do PP coa reforma da Lei de Costas

O PP rexeitou no Pleno do Congreso a toma en consideración da Proposición de Lei que aprobou en solitario o PPdeG en 2010 no Parlamento de Galicia para modificar a Lei de Costas de 1988 e que xa contou co voto en contra do PSdeG.

Os parlamentarios socialistas galegos no Parlamento de Galicia e nas Cortes respectivamente, Sánchez Bugallo e Paloma Rodríguez -que interviñeron hoxe no Congreso como voceiros do PSdeG e do PSOE- criticaron "as interesadas contradicións entre o PP en Galicia e en Madrid" e cualificaron de "absoluta farsa especulativa da Xunta de Feijoo e do Goberno de Rajoy" a reforma que o PP fai da Lei de Costas.

Así mesmo, denunciaron "a incongruencia de que as Cortes debatesen hoxe tomar en consideración a iniciativa do PPdeG cando este xoves o PP de Rajoy aprobará no Congreso unha nova Lei de Costas que contradí o que pediu o PPdeG, que deixa as costas españolas a mercé da especulación e a privatización e que non incorpora a especificidade dos núcleos costeiros tradicionais de Galicia e si outros de Valencia, Andalucía ou Cataluña".

Neste sentido, Sánchez Bugallo recordou que, no caso de Galicia, a nova Lei só admite a Moaña e instou ao PP a "que este xoves ten a oportunidade de incorporar ao novo Proxecto de Lei de Costas as excepcións de Marín, Vilaboa, Redes e Palmeira, e sobre todo a da Illa de Arousa, único municipio insular de Galicia".

Para Bugallo "o PP ten aínda a oportunidade de superar as súas contradicións en Galicia e en Madrid e incorporar á nova Lei de Costas as emendas que o propio PP presentou e despois rexeitou no Senado". "De non ser así -afirmou- quedará claro que o único obxecto desta Lei é desprotexer a costa e protexer os intereses de bancos e grandes empresas, así como tamén a evidente falta de peso político de Feijoo dentro do seu propio partido".

Pola súa banda, Paloma Rodríguez sostivo que "a nova Lei supón un atentado especulativo e ambiental, que facilitará que uns poucos se beneficien dunha concesión legal feita á medida para aumentar o seu valor e que facilita novos dereitos por 75 anos máis a industrias enerxéticas, químicas, téxtiles e papeleiras situadas en dominio público, como ENCE na ría de Pontevedra".

A Lei de Costas do PP -apuntou- "soa a compromiso político adquirido con persoas e intereses concretos que se trasladan a unha lei que debese ser de interese xeral" e "pon de novo en evidencia que o Goberno de Rajoy lexisla para favorecer os intereses privados de persoas moi influentes do ámbito do PP".

"A nova Lei subordina a preservación do medio a determinados patrimonios privados, exclúe de forma arbitraria amplas zonas do dominio público e do litoral pero, non obstante, non dá solución a núcleos costeiros de poboación consolidados como os de Galicia" –afirmou-.

"Para os socialistas e os socialistas galegos -engadiu- non hai escusas para a privatización dos espazos da costa de titularidade colectiva". "Non obstante, é absolutamente necesario dar resposta aos cidadáns dos núcleos rurais que non poden permanecer por máis tempo no limbo xurídico mentres o Goberno actúa de xeito arbitrario e por presións privadas".

Ademais, Rodríguez referiuse ás contradicións do PP en Galicia e en Madrid non só respecto á Lei de Costas senón tamén en asuntos como o dique flotante de Ferrol, a fábrica de armas da Coruña ou o convenio de portos do Estado. "En Madrid pretenden convencernos da súa vontade de amparar as nosas costas -aínda que realmente as desprotexen- mentres que en Galicia as utilizan para pasear en iate con personaxes de reputación sobradamente coñecida".

Os parlamentarios socialistas galegos, tanto no Parlamento de Galicia coma no Congreso, aludiron así mesmo a que a nova Lei de Costas do PP "non" ten en conta a opinión nin de organizacións ecoloxistas nin da FEMP" e que mesmo invade competencias autonómicas" posibilitando que o Estado prorrogue a concesión por 75 anos máis a empresas como ENCE aínda que a Comunidade Autónoma emitise informe desfavorable a esta.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar