A falla de peso político de Feijóo condena a oferta de solo industrial

A falla de peso político de Feijóo condena a oferta de solo industrial

A falla de peso político de Feijóo condena a oferta de solo industrial

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, criticou hoxe que o presidente da Xunta teña demostrado que non ten “nin xestión nin peso político” para desenvolver o proxecto da Plisan Salvaterra – As Neves, que acumula xa 17 anos de trámites. Así o dixo na sesión de control ao presidente da Xunta, que centrou hoxe na falla dunha oferta competitiva de solo industrial.

“Rajoy castigouno e non sabemos por qué, pero con vostede está castigando a toda Galicia”. Esta foi a conclusión do portavoz socialista logo de evidenciar que o PNV lle teña “arrincado” ao presidente do Goberno a conexión do Porto de Bilbao co corredor europeo de mercadorías, mentres o principal proxecto de solo industrial de Galicia permanece arrinconado.

A Plataforma industrial do sur de Galicia precisa, dixo, da intermodalidade a través da conexión coa liña ferroviaria, co Porto de Vigo e mesmo co futuro corredor Monforte – Venta de Baños, que a situaría ao mesmo nivel que Bilbao, sen que o goberno galego teña feito nada nesta dirección. Sinalou que “precisamos dun acordo de país sobre infraestruturas” porque, engadiu, “cando un non pode pide axuda, e vostede non puido”.

Sinalou que, logo de 17 anos do seu inicio, a nova data para comezar a instalar empresas é 2029, “un éxito”, dixo irónicamente. Apostillou que, logo de dúas décadas e un investimento de 150 millóns de euros, o que ía ser a gran plataforma loxística con 4 millóns de metros cadrados, queda nun “erial de 100.000 metros cadrados –media hectárea por ano- a un custe demasiado alto para os empresarios”.

En calquera caso, as empresas teñen a oportunidade de acceder a chan empresarial moito máis competitivo e en mellores condicións “apenas a 300 metros ao sur, en Portugal”, que “ou vulnera a normativa ou fixo ben o seu traballo, así que só nos quedan dúas opcións: ou perseguimos ou copiamos, vostede decide”, dixo dirixíndose a Feijóo.

Sesteando

O portavoz socialista criticou que “mentres Portugal metía a directa a Xunta sesteou, e agora ten que competir cun proxecto de chan industrial “agora con farolas, pero que ten sen rematar a urbanización, non ten saneamento, depuración nin captación de augas, e tampouco ten intermodalidade”. A infraestrutura carece hoxe de conexión directa e ten os pagos das expropiacións sen rematar, explicou.

Dixo que “vostede sabe, coma min, que as expansións prepáranse nas recesións, e na última recesión estivo mirando para outro lado”, para que agora, “sexa o momento do investimento, con diñeiro circulando, necesidades de investir e proxectos importantes que buscan ubicación”. Galicia chega “tarde, mal e arrastro”, a este contexto porque “Portugal fixo o seu traballo, pero a Xunta non fixo os deberes”.

Leiceaga resumiu a traxectoria da Plisan, concibida para dar apoio ao Porto de Vigo e alimentar o crecemento industrial do sur de Galicia, pero que hoxe carece da necesaria intermodalidade. Dende 2000 ata 2002, dixo, avanzou cunha “marcha razoable”, a continuación atopou unha “fase de parálise” que foi desbloqueada polo goberno de Pérez Touriño, que “rematou as expropiacións, preparou os terreos e licitou o proxecto”.

A partir de entón, coa chegada de Feijóo, “houbo anuncios, moitos anuncios, pero poucas realidades, cunha marcha demasiado lenta”, por moito que se comprometeran a poñela en marcha en 2014, 2015, 2016, ou tamén en 2017.

Fernández Leiceaga mesmo replicou ao presidente da Xunta, que intentou responsabilizar ao goberno socialista, lembrando os retrasos da Autoridade Portuaria, cando Fomento era dirixido polo PP, ou os problemas xudiciais derivados de decisións do goberno de Feijóo, que obrigaron a retrasar aínda máis o proxecto.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar