O estudo sobre a situación de Santa Eulalia de Bóveda, pendente dende 2013

O estudo sobre a situación de Santa Eulalia de Bóveda, pendente dende 2013

O estudo sobre a situación de Santa Eulalia de Bóveda, pendente dende 2013

A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, reclamoulle hoxe á Consellería de Cultura que remate co estudo sobre a situación de Santa Eulalia de Bóveda e resolver a “lamentable situación de abandono” que ten padecido diante da “pasividade” do goberno galego.

Burgo presentou unha pregunta na Comisión de Cultura para reclamar a posta en marcha do Plan de rehabilitación, conservación e posta en valor do monumento que solicitou o Parlamento nunha iniciativa socialista en maio de 2016. Aquela proposta, aprobada hai un ano e cinco meses, demandáballe á Xunta que activara as medidas nun prazo de seis meses.

A responsable socialista sinalou que malia os anuncios de actuacións do goberno galego dun investimento de 44.500 euros para o arranxo do monumento, aínda está sen poñer en marcha un plan integral conxunto que coordine a recuperación do monumento. Advertiu que, “ademais de imprimir folletos, hai que poñer uns horarios acaídos para as visitas, xa que limitalos a horas de oficina fai difícil habilitar as visitas”.

Monumento

Descuberto en 1926, o monumento padeceu varias intervencións pouco acertadas ata comezos dos anos 90, o último traballo de conservación tivo lugar nos anos 2006 e 2007 para protexer a cuberta, ordenado polo goberno presidido por Touriño. Dende entón “a dirección xeral de Patrimonio deixou de facer todo tipo de accións de conservación e mantemento a pesares de que o seu estado empeora co transcurso do tempo”.

O monumento, datado na época tardorromana, posúe un valor artístico “fundamental” debido á súa configuración arquitectónica e ás pinturas murais conservadas, unido ao enigma sobre a súa orixe e funcionalidade. A última tese apunta a que se trata dun monumento funerario dun seguidor de Dioniso, e anima a investigar o seu contorno para saber se formaba parte dunha vila ou dunha necrópole.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar