Esixímoslle a Feijóo unha rectificación pública por manipular datos oficiais do goberno socialista no Parlamento

Esixímoslle a Feijóo unha rectificación pública por manipular datos oficiais do goberno socialista no Parlamento

Esixímoslle a Feijóo unha rectificación pública por manipular datos oficiais do goberno socialista no Parlamento

(Intervención completa de Pilar Cancela, secretaria de Organización do PSdeG)
Esixímoslle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, unha desculpa pública e unha rectificación inmediata por mentir en sede parlamentaria e por manipular datos oficiais referidos ao goberno socialista coa única fin de confundir e intentar lavar a súa imaxe a base de titulares falsos en lugar de facelo como esixe a responsabilidade do seu cargo: dando explicacións e rendendo contas dos graves asuntos que implican nestes momentos ao seu goberno e á súa persoa.
En primeiro lugar, lembrámoslle a Feijóo que os asuntos que está investigando a Operación Zeta con respecto ao seu partido son:
-A posible financiación ilegal do PP en Galicia a través dunha trama de cursos de formación para desempregados e persoas discapacitadas co actual goberno de Feijóo. Non o dicimos nós, o di o informe policial do sumario xudicial e o admite unha das traballadoras das empresas implicadas que era a que preparaba os sobres para o partido, segundo ela mesmo recoñece.
-A relación dos cabecillas da trama, Gerardo Crespo, militante do PP, e Pachi Lucas, amigo de Feijóo, cos cargos públicos do seu partido e co propio presidente da Xunta de Galicia.
Polo tanto non estamos falando de quen deu máis cursos ou menos, senón do retorno dos cartos públicos deses cursos ás arcas do Partido Popular, a cargos do goberno de Feijóo e a persoas relacionadas con ese partido.
Dito isto, empezamos a desmontar as mentiras de Feijóo e da conselleira Beatriz Mato:

Primeira mentira. A Xunta di que eles foron os primeiros que denunciaron irregularidades nos cursos de formación e levaron o asunto á Fiscalía. FALSO.
No propio sumario xudicial queda constancia de que dúas traballadoras denunciaron as irregularidades en cursos ante a Xunta de Galicia xa no mes de outubro de 2011, e decidiron ir a denunciar aos tribunais o 14 de decembro de 2011. Desde o verán de 2010 xa houbo medios de comunicación que fixeron pública a relación de Gerado Crespo coa Xunta e as posibles irregularidades no reparto de cursos de formación, e denuncias como a do alcalde de Oleiros. A Xunta di agora que levou o tema á Fiscalía en 2012 (non sabemos cando, para iso xa pedimos o texto da denuncia no Parlamento polo artigo 9). Por tanto, non actuaron ata meses despois de sabelo, cando se viron acurralados e sen saída. Iso por non falar da gravidade dun dos feitos que se investiga, que é que a Xunta tivese avisado aos implicados de que se ía proceder a unha inspección, no que sería un flagrante atantado á separación de poderes.

Segunda mentira. Din que o goberno socialista lles deu a estas empresas un 30% de cartos máis que o goberno de Feijóo. FALSO
Utilizan as táboas de datos ofrecidas no informe da Conselleira no Parlamento para afirmar que o bipartito lles concedeu ás empresas de Crespo 4.636.454 e para xustificar que deu un 30% máis de axudas que eles.
O certo é que no ano 2005, a conselleira endósalle ao bipartito 217.546 euros que en realidade foran adxudicados polo goberno de Fraga, e no ano 2009 adxudícalle tamén ao bipartito 629.600 euros que foron adxudicados polo goberno de Feijóo. Sendo de destacar dúas partidas:
O plan integrado de emprego do DOG do 11/02/2010 con 340.000 euros para AED e con 325.000 euros para FUNDEFO
Curiosamente estes plans están cuestionados pola UE
(Teñen vostedes as táboas de datos na información que lles repartimos)
Segundo os datos recollidos no DOG, o goberno Feijóo deulles a estas empresas en pouco máis de dous anos (ata que baixaron as partidas ao coñecer as denuncias e o escándalo que se lles viña enriba) case un millón de euros máis que o bipartito en toda a lexislatura, cando é importante lembrar que as partidas para formación do bipartito chegaron ata a triplicar as do PP. Ademais déronlle a estas empresas medio millón de euros en decembro de 2011, despois de coñecer as denuncias por irregularidades.

Terceira mentira. Din que o bipartito lles concedeu a estas empresas 1,2 millóns de euros cando xa estaba co goberno en funcións. FALSO. O bipartito, desde o 1 de marzo de 2009, cando o goberno entrou en funcións, non concedeu ninguna axuda a estas empresas. É máis, na resolución de axudas do bipartito estas empresas quedaron fóra por unha cuestión de puntuación. Foi Beatriz Mato quen posteriormente emitiu dúas ordes de ampliación destas axudas, unha o 28 de agosto de 2009, e outra o 30 de setembro de 2009, para que entrasen Fundefo e AED. Repito, estas empresas non só non entran por un procedemento normal de concesión, senón que a Conselleira Beatriz Mato asina sendas ordes para engadir fondos aos programas integrados e que os reciban directamente estas dúas entidades. Ela terá que explicar por que. Estes datos tédelos tamén na información que vos entregamos.
Cuarta mentira.
Afirmación literal de Beatriz Mato: “Cando o bipartito gobernaba non se incluía a obriga de inspeccionar os cursos”
Afirmación literal de Feijóo: “Entregábanse esas axudas sen ningún tipo de inspección nin control”. GRAVEMENTE FALSO
Durante o goberno socialista non se deu nin un só curso que non estivese sometido a control por parte da Administración, con informes e seguemento de cada un dos cursos.
No caso dos cursos de formación ocupacional de desempregados o control facíase a través das delegacións provinciais, con técnicos de seguemento que ademais visitaban todos os cursos alomenos tres veces cada curso.
Ademais, no caso dos cursos de formación continua e accións complementarias, o goberno socialista foi o primeiro en instaurar un sistema de control externo con auditorías a través de empresas auditoras, algo que non se facía na etapa de Fraga. A contratación facíase por consurso e destinábase por lei ata un 5% dos fondos para o seguimento dos cursos. Tedes tamén as ordes destas convocatorias na información que vos pasamos. Por certo, non fomos quen de atopar algunas destas ordes na etapa do goberno de Feijóo.
Ademais, o goberno socialista aprobou en 2006 unha Lei de Transparencia que se aplicou en primeiro lugar na Consellería de Traballo, publicando na web todas as contratacións e axudas da consellería para que os cidadáns puidesen consultalas. Co goberno de Feijóo isto desapareceu.
Polo tanto queremos saber cales son eses controis que agora se fan e antes non se facían. Non sabemos se por controis novidosos se refiren a levar o tema á Fiscalía cando están acurralados por un escándalo dunha trama relacionada co seu partido.

Por todo isto:
Non imos permitir que Feijóo e Mato usen nun asunto de tal gravidade a única estratexia que coñecen desde que chegaron á Xunta hai seis anos: escudarse no bipartito con mentiras e manipulacións para non gobernar, render contas nin asumir responsabilidades.
Este é un asunto moi grave no que estamos a falar dunha posible financiación ilegal do PP de Galicia e da relación directa do presidente da Xunta e os seus altos cargos co presunto conseguidor da trama Pachi Lucas e o militante do PP Gerardo Crespo. QUEREMOS RESPOSTAS SERIAS.
Feijóo debe rectificar públicamente e, se tamén nisto o engañaron e lle pasaron datos falsos, a conselleira de Traballo debe responder por manipular datos oficiais e mentir en sede parlamentaria.

32641281A

Deixar a resposta

Pechar