Esiximos unha verdadeira política de xuventude

Esiximos unha verdadeira política de xuventude

A portavoz de Política Social e Mocidade do Grupo Socialista, Carmen Gallego, reclamoulle hoxe ao goberno galego que utilice as partidas detraídas por Madrid nas prestacións por desemprego para “poñer en pé unha verdadeira política de xuventude”. Así o dixo no debate dunha moción socialista que foi rexeitada polo PP no Pleno do Parlamento.

Gallego reivindicou a devolución dos 387,488 millóns de euros que o goberno central lle recortou a Galicia en concepto de prestacións por desemprego nos anos 2014 e 2015 para garantir fixar á poboación moza a Galicia. Esixiu unha acción política transversal que dea resposta aos problemas dos mozos e mozas, con partidas orzamentarias efectivas, freando a redución dun 70 por cento dos presupostos á mocidade dende 2009 e orientada a mellorar a situación deste colectivo.

Criticou que o goberno galego ten iniciado unha política “en contra da maioría da cidadanía, que lles devolve como castigo electoral a política que fan en contra deles”. Dixo que “a alegoría mais perfecta da súa política de xuventude é regalarlle maletas aos mellores expedientes por parte de Feijóo”, que mantén unha Dirección Xeral de Xuventude baleira dende que o seu titular foi como candidato á alcaldía de Boqueixón.

Acusou a Feijóo de “utilizar” á mocidade con promesas baleiras ao tempo que reducen drasticamente os orzamentos da Dirección Xeral e “o pouco que queda o reparten con prácticas de nepotismo”. Aludiu á concesión das axudas do programa Parlamento Xove durante varios exercicios consecutivos ao número 2 do PP de Teo de forma opaca, ou ao reparto dos contratos dos campamentos de verán a empresas vencelladas ao PP.

Mentres, 13.000 mozos e mozas abandonan Galicia cada ano pola falla de oportunidades laborais, desesperados por unha xestión política que incentivou a desaparición de 80.000 empregos e provocou o aumento da taxa de paro xuvenil nun 60 por cento e reduciu a de ocupación noutro 30 por cento. A pesares da publicidade e propaganda, explicou, “subiron os prezos das matrículas universitarias e suprimiron as axudas á emancipación”.

Investimentos

Gallego reclamoulle hoxe ao goberno recuperar o investimento de I+D+i a niveis de 2009, priorizando os programas de investigación para recuperar a economía galega e ofrecer saídas laborais dignas da formación dos mozos e mozas de Galicia. Esixiu ademais unha política de xuventude dirixida a rebaixar as taxas universitarias, aumentar as bolsas e loitar contra o abandono escolar, facilitando a volta aos estudos dun colectivo que debe atopar unha formación adaptada ás demandas do mercado.

Reclamou o impulso de iniciativas empresariais en base as axudas do Igape e do ICO, así como paquetes de incentivos fiscais para as empresas que contraten a mozos e mozas, programas de retorno deste sector da poboación que tivo que emigrar e unha serie de propostas dirixidas a abordar a situación dos expatriados por motivos laborais, incluíndo modificacións na Loreg que faciliten o seu acceso ao voto.

32641281A

Deixar a resposta

Pechar