Esiximos que a Xunta implante o grao de Criminoloxía na USC e que o conselleiro tome medidas

Esiximos que a Xunta implante o grao de Criminoloxía na USC e que o conselleiro tome medidas

Esiximos que a Xunta implante o grao de Criminoloxía na USC e que o conselleiro tome medidas

A portavoz de Universidade do grupo socialista, Concepción Burgo, compareceu esta mañá nunha rolda de prensa no Parlamento acompañada por alumnos e alumnas do título propio da USC de Criminoloxía para esixirlle á Xunta a implantación inmediata do grao oficial para estes estudos, xa que Galicia “queda descolgada” do resto de España con miles de alumnos e alumnas que ven como os seus estudos quedan sen validez oficial. “Fago un chamamento ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para que tome medidas xa co que está a pasar na Secretaría Xeral de Universidades. Quero pensar que non o sabe, porque se non é incomprensible”, afirmou Burgo, que rexistrou varias iniciativas parlamentarias.

 

Pola súa banda, en nome dos alumnos e alumnas afectados, Enmanuel Martínez lembrou que a titulación se foi adaptando “en todo o territorio de España agás en Galicia”, e afirmou que se senten “totalmente desprotexidos e discriminados” pola Xunta. “Esta situación afecta a miles de alumnos nun título que empezou en 1981, cuxo número aumenta ano tras ano, e a Universidade leva solicitando a implantación deste grao desde o ano 2012, pero a secretaría xeral de Universidades rexeita ano tras ano esta petición sen fundamentación de ningún tipo. A Xunta non está a realizar unha política universitaria acorde a unha comunidade histórica como a nosa e unha Universidade do prestixio da USC”, afirmou, polo que pediu “poñer fin a esta situación de abandono”.

 

Concepción Burgo apuntou que esta é tamén unha petición da Facultade de Dereito, do Instituto de Criminoloxía e do Reitorado da USC, e que o título propio de Criminoloxía ten “un alto recoñecemento académico e profesional”. Máis de 30 universidades públicas e tamén privadas teñen o título oficial no resto de España, e “a USC e Galicia quedan descolgadas desta titulación que ten unha alta empregabilidade, os medios técnicos e humanos necesarios e é absolutamente viable”, con máis de 400 alumnos e alumnas neste momento na facultade da USC. “Non hai ningún elemento de ningún tipo que poida levar á Xunta a negar esta titulación e a darlle aos alumnos de criminoloxía os mesmos dereitos que teñen máis de 30 universidades españolas”, afirmou.

 

Mapa de titulacións aberto

Burgo destacou que esta petición ten agora “unha relevancia fundamental” porque “nestes momentos o mapa de titulacións está aberto e non hai excusas; o momento de implantalo é agora”. As negativas da secretaría xeral de Universidades veñen a confirmar que un proceso tan importante como o mapa de titulacións está a ser levado “sen estratexia, sen un plan, de forma autoritaria e sen diálogo coas universidades”, polo que lle pide ao conselleiro que “tome medidas” sobre a xestión deste departamento.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar