Esixen que se adopten as medidas de colaboración necesarias para construír o dique flotante en Ferrol

Esixen que se adopten as medidas de colaboración necesarias para construír o dique flotante en Ferrol

Esixen que se adopten as medidas de colaboración necesarias para construír o dique flotante en Ferrol

Beatriz Sestayo dixo que “a día de hoxe non existe ningunha noticia sobre o dique flotante”, xa que cualifica este tema “como tabú para todos e cada un dos membros do PP”

Advirte que “a realidade actual destes estaleiros é dramática, xa que último ano lévanse perdido preto de 2.000 postos de traballo, dúas mil persoas con nomes e apelidos que levan escoitando en cada campaña electoral compromisos dos candidatos populares sen que ata o de agora se teña cumprido algún”

A deputada da comarca de Ferrolterra do Grupo Socialista, Beatriz Sestayo, anunciou que rexistrou unha batería de iniciativas parlamentarias nas que reclama á Xunta “dirixirse ao Goberno do Estado para adoptar as medidas de colaboración necesarias e urxentes co fin de proceder de xeito inmediato a construír o dique flotante nos estaleiros da ría de Ferrol”.

Denuncia que “a día de hoxe non existe ningunha noticia sobre o dique flotante”, xa que cualifica este tema “como tabú para todos e cada un dos membros do PP”.

A parlamentaria socialista explica que o sector naval constitúe un sector estratéxico incuestionable para Galicia e para Ferrolterra. Apunta que “os estaleiros da ría de Ferrol constitúen un importantísimo potencial de crecemento, de creación de emprego, e de construción de país”. Subliña tamén que “a historia dos estaleiros demostra a inesquecible traxectoria dunhas instalacións onde se construíron magníficos barcos por persoal altamente cualificado e comprometido”.

Sestayo advirte que “a realidade actual destes estaleiros é dramática, xa que último ano lévanse perdido preto de 2.000 postos de traballo, dúas mil persoas con nomes e apelidos que levan escoitando en cada campaña electoral compromisos dos candidatos populares sen que ata o de agora se teña cumprido algún”.

Así as cousas denuncia que o compromiso adquirido antes das eleccións xerais co dique flotante “pasou xa ao absoluto esquecemento”. Replica que o dique flotante “é unha infraestrutura demandada polo conxunto da comarca, comité de empresa, auxiliares, cidadanía, grupos políticos, unha unanimidade que rachou o PP pola vía dos feitos cando Mariano Rajoy acadou a Presidencia do Goberno”, espetou.

A deputada ferrolá afirma que “a creación dunha comisión de seguimento do dique que xa espertaba o escepticismo da comarca, pero acadou o esperpento máis absoluto cando as conclusións dos seus traballos deixáronse para tres días despois das eleccións autonómicas”.

Sestayo denuncia “pasados os comicios, os resultados da comisión foi a inviabilidade do dique”, pero lembra que “membros da comisión esixiron que se explicaran as razóns de por que non se sufraga con cargo á propia tesourería da SEPI un investimento que garantiría carga de traballo inmediata para os estaleiros e mellora da competitividade no futuro”, insistiu.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar