Esixen o restablecemento urxente dos servizos públicos danados polo temporal

Esixen o restablecemento urxente dos servizos públicos danados polo temporal

Esixen o restablecemento urxente dos servizos públicos danados polo temporal

A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Carmen Gallego, esixiu hoxe ao presidente da Xunta que restableza os servizos públicos afectados polo temporal a través de actuacións de emerxencia nos concellos afectados. A responsable socialista reclama que o Consello da Xunta de mañá faga unha avaliación de danos e aprobe un decreto de axudas para os particulares afectados.

Gallego presentou unha Proposición non de Lei na que reclama á Xunta que avalíe os danos provocados pola borrasca que tivo lugar entre os días 4 e 9 de xaneiro, arbitrando a continuación un decreto urxente de axudas para paliar os danos ocasionados a particulares, corporacións locais e empresas. Dixo que os socialistas elaborarán un balance dos danos para presentalos no primeiro pleno do próximo período de sesións.

Sinala que a Xunta debe poñer en marcha oficinas de reclamación comarcais ás que os cidadáns poidan dirixir as súas peticións, ademais de informar ao conxunto da cidadanía de cómo actuar para facer efectivas as reclamacións. Considera “prioritario” que o Executivo adopte mañá as primeiras medidas para facer fronte ás “estradas afectadas, pontes estragadas ou os baixos e comercios anegados polas enchentas”.

Gallego acusou á Xunta de “montar unha polémica ficticia para confrontar co Estado agochando a súa inacción, eludindo as indemnizacións” e deixando aos cidadáns afectados “á súa sorte”. Lamentou que o Executivo opte por polemizar coa Axencia Estatal de Meteoroloxía en lugar de “imitar” aos presidentes da Deputación de Lugo ou da Confederación Hidrográfica de Miño – Sil, que comezaron a avaliar os danos.

A responsable socialista dixo que esta “inacción” é unha constante durante os dous anos de goberno de Feijóo, e lembrou que os fortes danos ocasionados polo Flora en Coruña e Pontevedra a día de hoxe non foron recoñecidos pola Xunta, que non habilitou axudas. Tampouco atendeu ás perdas provocadas polo Xynthia nos cultivos da Limia, estimadas en 4,5 millóns de euros, nin habilitou axudas para facer fronte aos danos do Becky.

Política preventiva

A portavoz de Medio Ambiente criticou que ademais de “botar as culpas a outros para eludir as súas responsabilidades”, a Xunta “non ten asumido as medidas de prevención” nos dous anos de goberno, nos que non limpou as beiras nin as cauces dos ríos para evitar os anegamentos. Ademais, dixo, paralizou e anulou as obras previstas en zonas de risco de inundación, como Ferrol, Padrón ou Vilagarcía”.

O exemplo máis claro das consecuencias desta actuación, explicou, reside no encoro do Umia, no que non houbo política preventiva e de limpeza, o que provocou a contaminación por cianobacteria no pasado verán e agora repetíronse as graves inundacións da localidade de Caldas de Reis.

Ademais, criticou que a Xunta non ten publicado a día de hoxe o Mapa de Risco de Zonas Inundables, que debera ter sido elaborado xa hai un ano, e lembrou a “urxente publicación” para establecer actuacións nas zonas inundables. Mentres, finalizou, os conselleiros de Presidencia e Territorio “dedícanse a dar partes meteorolóxicos en lugar de gobernar”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar