Esixen o cese da dirección dos informativos da CRTVG pola manipulación nos telexornais das informacións do caso Bárcenas

Esixen o cese da dirección dos informativos da CRTVG pola manipulación nos telexornais das informacións do caso Bárcenas

Esixen o cese da dirección dos informativos da CRTVG pola manipulación nos telexornais das informacións do caso Bárcenas

María Quintas fai extensiva a manipulación a toda información na que se vesa implicado de xeito desfavorable un militante do PP, como pasou coa imputación na Pokémon do alcalde do Carballiño

A TVG actúa máis como un medio ao servizo exclusivo dos intereses do PP que como un medio de comunicación público

Esixen a aplicación da Lei de Comunicación Audiovisual e a posta en marcha do Estatuto Profesional e dun Consello de Redacción como instrumentos para garantir unha información veraz, rigorosa, obxectiva e plural

A parlamentaria socialista, María Quintas, ven de esixir o cese inmediato dos responsables dos Servizos Informativos pola “burda manipulación informativa do caso Bárcenas” e doutros temas relacionados co PP nos pasados días.

A portavoz para asuntos da CRTVG do Grupo Socialista esixe tamén a comparecencia do Director Xeral, Sánchez Izquierdo, tanto no Parlamento como no Pleno do Consello de Administración da CRTVG para explicar as noticias destes días e que medidas ten pensado adoptar para recuperar a credibilidade informativa do ente público autonómico.

Os socialistas detectaron a execución de “graves prácticas de manipulación informativa”, que aínda que “non son novas na TVG, estes días se acentuaron por mor do caso Bárcenas e a afectación do mesmo ao Presidente do Goberno, a varios ministros e a boa parte da cúpula do PP”, denuncia Quintas.

Ao tempo que fan estas críticas os socialistas manifestaron, a través da súa portavoz para a Comisión da CRTVG a súa “solidariedade co Comité de Empresa e cos traballadores e traballadoras que están a denunciar estas prácticas abusivas e contrarias á obxectividade e pluralidade informativa que debe imperar nun medio público como a TVG.

Segundo explica Quintas, coincidindo coa publicación dos papeis do ex-tesoreiro do PP, a TVG “volveu aos peores tempos de manipulación informativa, actuando máis como un medio ao servizo exclusivo dos intereses do PP que como un medio público de comunicación”.

Entre os exemplos citados pola deputada socialista atópase a censura da portada do diario El País do 31 de xaneiro na revista de prensa do espazo Bos Días. “Un feito moi grave” que denota ocultación premeditada do máis relevante da información de prensa daquel día.

O mesmo día, as declaracións do Presidente do Senado, Pío García Escudero, recoñecendo que recibira 5 millóns de pesetas que foi devolvendo pouco a pouco, non se consideraron relevantes para a TVG, a pesares de constituír un elemento de reforzo da veracidade dos papeis publicados.

Ao día seguinte, día 1 de febreiro, a decisión dos responsables dos informativos, ante a imposibilidade de ocultar a referencia a esta noticia, a “degrada” ata a sétima noticia do telexornal, por detrás doutras como Fitur ou os problemas dun banco holandés.

Salienta como exemplo da sublimación acadada nos niveis de manipulación da CRTVG a ocultación das declaracións do ex-senador, Carlos Mantilla, á Radio Galega por parte da TVG.

Cando non se optou pola ocultación se avanzou polo camiño da información “tendenciosa”. Quintas salienta a noticia do TXmediodía do pasado mércores, día 5, “exemplo do métese no mesmo saco a entrega dos papeis de Bárcenas polo xornal El País á policía, e a sospeita de falsidade deses papeis segundo o xornal Periodista Dixital. “Tan só por esta manipulación tiñan que ter dimitido ou cesado ao equipo directivo dos informativos da TVG”, considera Quintas.

Finalmente, a parlamentaria socialista fixo referencia á “ocultación da pertenza ao PP do alcalde do Carballiño, imputado no caso Pokémon”. E ningún momento da noticia emitida no TXmediodía do luns, 4 de febreiro, se menciona a pertenza de Argimiro Marnotes ao Partido Popular. Algo que “contrasta” cando os protagonistas destas noticias son persoas pertencentes ao PSdeG ou ao BNG, recrimina María Quintas aos responsables dos informativos da cadea pública.

O comportamento da TVG, desde hai unha semana semella máis ca nunca o dun “medio ao servizo exclusivo do PP”, acusa Quintas. Por iso non é de estrañar que o Comité de Empresa da TVG estea a emprender accións para denunciar esta situación ante a opinión pública galega.

Os socialistas apoian estas medidas e outras que na súa xuntanza de hoxe decida o Comité da CRTVG e coinciden cos traballadores da compañía en demandar o cumprimento da Lei de Comunicación Audiovisual de Galicia, aprobada hai máis dun ano.

Este texto lexislativo recolle a posta en marcha dun Estatuto Profesional e dun Consello de Redacción como instrumentos para garantir unha información veraz, rigorosa, obxectiva e plural como compete a un medio público sufragado cos medios públicos de todos os galegos.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar