Esixen contundencia ante as prácticas abusivas das empresas lácteas expedientadas

Esixen contundencia ante as prácticas abusivas das empresas lácteas expedientadas

Esixen contundencia ante as prácticas abusivas das empresas lácteas expedientadas

Ana Doval asegura que consistirían en “intercambios de información e acordos para o reparto do mercado de aprovisionamento de leite cru, onde habería fixación de condicións comerciais prexudiciais para os produtores”

A pretensión dos socialistas galegos “é que se compense ás explotacións polas perdas que lles ocasionaron as irregularidades agora investigadas”

O PSdeG-PSOE esixe que Feijoo acepte as propostas da oposición e dos sindicatos e que priorice evitar o desmantelamento dun sector estratéxico para o país

A Secretaria de Medio Rural da Executiva Nacional Galega, Ana Doval, manifestou que os socialistas esixen “contundencia por parte do goberno galego e do goberno central ante a apertura dun expediente sancionador contra nove compañías transformadoras por presuntas prácticas restritivas”. O PSdeG-PSOE asegura que “estas consistirían en intercambios de información e acordos para o reparto do mercado de aprovisionamento de leite cru, onde habería tamén fixación de condicións comerciais prexudiciais para os produtores” .

Para os socialistas de Galicia “é intolerable” que estas empresas aplicasen recortes abusivos aos gandeiros pola venda de leite “ou boicoteando que elixan á empresa que llo recollese”. Neste sentido, Ana Doval asegura que “cargan especialmente contra as empresas que presumen de galeguidade mentres explotan a miles de granxas en Galicia”.

Por iso, a Secretaria de Medio Rural do PSdeG-PSOE, considera que “deben priorizar a persecución de prácticas anticompetitivas por unha banda e a valorización dos produtos do campo de Galicia por outro”, en referencia á entrada de leite francés na nosa comunidade autónoma para especular á baixa cos prezos da galega.

Doval lamenta que a Comisión Nacional da Competencia actuase con tanto atraso “malia ter coñecemento destas prácticas abusivas desde fai máis dun ano e esixe polo tanto que as granxas afectadas sexan resarcidas polos danos causados”. A pretensión dos socialistas galegos “é que se compense ás explotacións polas perdas que lles ocasionaron as irregularidades agora investigadas”.

Ademais, os socialistas solicitan que se poña en marcha “canto antes un observatorio de prezos mediante o cal se regulen as subidas de insumos, como por exemplo os piensos evitando así que a especulación arruíne o sector”.

Por outro lado, o PSdeG-PSOE demanda por segunda vez, en apenas unha semana, que Feijoo “acepte as propostas da oposición e dos sindicatos e que priorice evitar o desmantelamento dun sector estratéxico para o país”. A Secretaria de Medio Rural dos socialistas galegos fai fincapé en que “a crise e os recortes do goberno central fan especial dano no Medio Rural” e que “deixando actuar aos mercados en lugar de aplicar políticas de discriminación positiva e medidas no sector, estamos provocando o éxodo poboacional e o abandono do campo”

Ana Doval asegura que o Medio Rural “pode ser unha oportunidade en tempos de crise, ten fortalezas importantes e os socialistas apostamos polo medio rural como modo de vida mentres o goberno galego mira para outro lado”, sentenciou.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar