Esixen á Xunta que manteña as axudas ás familias ás que afecte a suba de ata o 60% nos préstamos para vivenda protexida

Esixen á Xunta que manteña as axudas ás familias ás que afecte a suba de ata o 60% nos préstamos para vivenda protexida

Esixen á Xunta que manteña as axudas ás familias ás que afecte a suba de ata o 60% nos préstamos para vivenda protexida

O portavoz de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Vivenda do Grupo Socialista, Xosé Sánchez Bugallo, advertiu dunha suba xeneralizada de entre o 30 e o 60 por cento no custe mensual dos préstamos para vivenda protexida pola supresión das subvencións do goberno. O responsable socialista presentou unha iniciativa para que a Xunta manteña a totalidade das axudas.

Sánchez Bugallo alerta da supresión destas axudas, concedidas para pagarlles os intereses dos préstamos de vivenda protexida, que afecta a entre 15.000 e 20.000 familias galegas que teñen accedido a distintos réximes de protección pola adquisición de vivenda. Esta situación afecta especialmente aos concellos de Vigo, con en torno a 6.000 afectados, ou Santiago, con mais de 3.000, pero incide en familias de toda Galicia.

O responsable socialista presentou por este motivo unha Proposición non de Lei na que lle reclama ao goberno galego que “manteña a totalidade das axudas para a subsidiación de préstamos, incluídas as renovacións previstas para todos aqueles que a tivesen concedida con anterioridade ao 14 de xullo de 2012”.

O problema radica, explica o parlamentario socialista, na decisión unilateral do goberno de España de suprimir as axudas de subsidiación de préstamos, a través do Real Decreto 20/2012. Dixo que as familias que teñen accedido ás axudas verán cómo estas non se renovan en canto remata o prazo inicial de cinco anos, malia que as axudas eran “renovables automaticamente ao seguir cumprindo cos requisitos das axudas”.

O responsable socialista explicou que, por esta decisión do Goberno, as familias pendentes da concesión das axudas quedarán sen elas, mesmo no caso das vivendas que actualmente están en construción.

O parlamentario socialista advirte que as familias afectadas “irán vendo cómo, ao cumprirse o prazo perderán a axuda do Plan Nacional de Vivenda e as súas hipotecas experimentarán subas de entre o 30 e o 60 por cento”. Sinala que “trátase de vivendas protexidas, e polo tanto de familias modestas que verán cómo teñen que sumar a suba inesperada das cotas hipotecarias aos problemas derivados da crise económica”.

Sánchez Bugallo sinala que as vivendas afectadas por esta situación corresponden aos barrios de San Paio de Navia, en Vigo, ou os de Pontepedriña, Castiñeiriño, Volta do Castro, Castro de Abaixo, Pontepereda, O Avío, Salgueiriños, Meixonfrío, As Cancelas ou os polígonos 6 e 7 de Fontiñas, no caso de Santiago, pero tamén en Novo Mesoiro, na Coruña, ou “en tantos outros polígonos e municipios de Galicia”.

32641281A

Deixar a resposta

Pechar