Esixen a Feijóo que leve o Decreto de Educación ao Constitucional si o Consello Consultivo confirma a vulneración de competencias autonómicas

Esixen a Feijóo que leve o Decreto de Educación ao Constitucional si o Consello Consultivo confirma a vulneración de competencias autonómicas

Esixen a Feijóo que leve o Decreto de Educación ao Constitucional si o Consello Consultivo confirma a vulneración de competencias autonómicas

Xoaquín Fernández Leiceaga presentou unha moción para conseguir o respaldo parlamentario ao anuncio de non aplicación do Goberno galego, porque teme que esta declaración teña vigor só en períodos próximos a comicios electorais

Para os socialistas, o Real Decreto Lei 14/2012 vulnera as competencias autonómicas e a autonomía universitaria

Reclama a conxelación das taxas universitarias e o incremento de bolsas para que “ninguén deixe de estudar por motivos de renda”

O portavoz de Educación e Universidade do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclámalle ao presidente da Xunta que presente un recurso de inconstitucionalidade contra a posible invasión de competencias polo decreto de recortes no ensino público. Así o sinala nunha moción que será debatida no Pleno da próxima semana na que reclama que non se suban as taxas universitarias e o incremento das bolsas de ensino.

Leiceaga insta ao presidente da Xunta a “reaccionar” e solicitar un informe do Consello Consultivo sobre os recortes educativos anunciados no Real Decreto 14/2012 do ministro de Educación e engade que debe presentar un recurso de inconstitucionalidade de confirmarse as sospeitas sobre invasión de competencias da Comunidade Autónoma. En definitiva, propuxo unha serie de medidas para “minimizar os danos do Decreto” ao ensino público.

O deputado socialista quere reforzar os anuncios do Goberno de que non vai aplicar este decreto cun compromiso parlamentario, pois podería resultar que a Xunta queira “gañar tempo” para aplicalo na súa totalidade logo das eleccións autonómicas no hipotético caso de continuar gobernando.

Leiceaga reclamoulle á Xunta que conxele as taxas universitarias en termos reais para que non suban mais do IPC e incremente as bolsas para que “ningún alumno cun expediente aceptable deixe de estudar por motivos de renda”. Dixo que os recortes supoñen un “ataque grave á igualdade de acceso á universidade” ao aumentar as taxas e reducir as bolsas, o que prexudica aos estudantes con bos expedientes e dificultades económicas. O decreto acaba coa igualdade de acceso aos estudos superiores, o que daba unha oportunidade á xente moza das clases baixas, recrimina Leiceaga aos populares.

Tamén reclamou que a Xunta se dirixa ao Goberno para que atenda a diferenza das condicións socioeconómicas dos territorios á hora de establecer os prezos de matrícula universitaria.

Nesta moción, o responsable socialista insta á Xunta a defender as competencias propias en materia educativa diante dun decreto que supón un “ataque á calidade do ensino público universitario”. Reclamou a posta en marcha de tódolos mecanismos autonómicos para minimizar os danos deste decreto que lesiona o autogoberno de Galicia e mesmo invade a autonomía organizativa das universidades que blinda a Constitución.

Se unha Comunidade Autónoma non ten capacidade para decidir a cobertura das baixas nun centro educativo “falar de autonomía política quédalle un pouco grande”, díxolle o deputado socialista ao Conselleiro de Educación.

Leiceaga criticou que os populares se opuxeran a esta moción que reclama a defensa dunha conquista política como foi a consecución dun sistema educativo público, universal, gratuíto e de calidade. Aínda que os socialistas están convencidos de que é así, Leiceaga incidiu en que en ningún momento se debate sobre a inconstitucionalidade, como argumentaban os populares, senón que se insta á Xunta a someter o decreto a un informe do Consello Consultivo.

Primaria e secundaria

No tocante a primaria e secundaria, reclámalle á Xunta que reactive o Consello Escolar e lle solicite un informe sobre os efectos das previsións do decreto de recortes 14/2012 na calidade educativa. Tamén reclama que a Xunta non aplique a elevación do número de alumnos por aula mentres o decreto estea vixente, así como considerar as horas lectivas mínimas para o profesorado como as máximas a aplicar.

Así, solicita unha marxe dentro das horas consideradas lectivas para que poidan cubrirse as baixas con recursos internos dos centros e, alí onde non sexa posible, garantir a cobertura usando as contratacións laborais e outras que habilita o decreto. Reclama que o Goberno galego tampouco aplique a redución da obriga legal de ofertar polo menos dúas modalidades de bacharelato, garantindo a oferta plural actual.

Solicita finalmente aplicar a actualización dos módulos de ciclos formativos de FP dende o curso 2012-2013, garantir a aplicación do decreto nas mesmas condicións tamén nos centros privados sostidos con fondos públicos e revisar as condicións dos concertos educativos cos centros afectados polo decreto para axustar o financiamento público á evolución dos custes.

jfdghjhthit45

32641281A

Artigos relacionados

Pechar