Esixen a Feijóo medidas para mellorar a competitividade das explotacións galegas

Esixen a Feijóo medidas para mellorar a competitividade das explotacións galegas

Esixen a Feijóo medidas para mellorar a competitividade das explotacións galegas

Sonia Verdes, portavoz de Agricultura do Grupo Socialista,presentou unha serie de iniciativas para coñecer as medias previstas polo Goberno Feijóo, ao que acusa de tomar decisións de costas ao sector que levou ao peche a arredor de 2.500 explotacións

Denuncia o fracaso da Lei de Mobilidade de Terras e esixe respostas ao Goberno sobre as medidas previstas para as zonas de actuación prioritaria

A parlamentaria socialista, Sonia Verdes, ven de presentar unha batería de preguntas no Parlamento para esclarecer cal é o grado de compromiso do Goberno galego co fin de identificar para a súa declaración as zonas de actuación agraria prioritaria que establece a Lei de Mobilidade de Terras.

Quere coñecer o obxectivo da declaración de zonas de actuación agraria prioritaria, así como as medidas de actuación previstas nestas zonas e a previsión para a súa identificación e declaración de zona de actuación prioritaria.

Complétanse as preguntas de Verdes co interese de coñecer as medidas de dinamización económica que se impulsarán nas zonas que declare o Goberno galego de actuación agraria prioritaria.

A deputada socialista denuncia a “grave crise” do sector agrogandeiro galego que compromete o futuro e a viabilidade das explotacións galegas “diante do desleixo do Goberno de Feijóo, que está a tomar decisións de costas ao sector que levou ao peche a arredor de 2.500 explotacións”. A conxuntura, insiste Verdes, “esixe mellorar a competitividade das explotacións galegas cara á reforma da PAC para o período 2014/20 e a liberalización das cotas lácteas no horizonte do 2015”.

A reforma da PAC supón unha ameaza para as explotacións galegas en tanto en canto a maioría dos pagos directos estarán ligados á superficie, o que vai supoñer “un grave prexuízo para as explotacións gandeiras galegas que adoitan a dispor de superficie limitada, moi inferior á media española” sinala Sonia Verdes.

A portavoz de Agricultura do Grupo Socialista considera que deberan ser “obxectivos prioritarios” do Goberno galego resolver a problemática da mobilidade de terras e garantir a necesidade de dimensionar as explotacións galegas. Lamenta que mentres outras comunidades autónomas levan anos traballando para incrementar a superficie das explotacións, Galicia perdeu no último ano superficie agraria útil.

Os gandeiros galegos declararon 525.483 hectáreas no ano 2011, o que supón unha redución do 0,22% respecto do ano anterior, mentres comunidades como Andalucía incrementaron a superficie declarada en case 1,2 millóns de hectáreas no último ano, un 18,33% ata acadar os 6,5 millóns de hectáreas de superficie.

A socialista denuncia “o fracaso das políticas de mobilidade de terras do Goberno de Feijóo” xa que non cumpriron co fin de incrementar a superficie das explotacións e garantir o acceso ás terras das persoas labregas. Segundo Sonia Verdes, a Lei de Mobilidade de Terras, logo de seis meses da súa entrada en vigor, ten fracasado como obxectivo co que o Goberno galego xustificou a derrogación da Lei de Banco de Terras e non serviu para impulsar medidas verdadeiramente efectivas de mobilidade de terras nin para dotar de axilidade e facer máis atractivo o Banco de Terras.

A deputada luguesa considera que a Lei de Mobilidade de Terras que supuxo “un freo nas políticas a prol do dimensionamento das explotacións galegas”, logo de máis de dous anos de paralizacións e recortes que reduciron á mínima expresión e levaron ao desmantelamento do Banco de Terras.

Así mesmo, a Lei de Mobilidade de Terras supuxo a derrogación dos decretos polos que se declaraban zonas de especial interese agrario. entendendo aquelas con alta produtividade agrogandeira posta de manifesto pola existencia de explotacións ou polas características ou a potencialidade das zonas para o desenvolvemento das actividades agrarias e gandeiras, co fin de loitar contra o abandono, ampliar a base territorial das explotacións e procurar a conservación da superficie agraria útil.

Sonia Verdes reprocha ao Executivo galego que, logo de seis meses, non se ten declarado ningunha zona de actuación agraria prioritaria.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar