Esixen a convocatoria da mesa do naval e a recuperación do diálogo co sector

Esixen a convocatoria da mesa do naval e a recuperación do diálogo co sector

Esixen a convocatoria da mesa do naval e a recuperación do diálogo co sector

O portavoz de Industria do Grupo Socialista, José Luís Méndez Romeu, condena os incumprimentos dos compromisos de Feijóo para a creación dos diques flotantes de Vigo e Ferrol e a creación dun centro de reparacións

Agarda medidas da Xunta para resolver as dificultades de contratación se non varía a posición de Bruxelas respecto ó tax-lease

Propón unha abordaxe global do problema, contando coa empresa auxiliar, para definir un novo modelo de xestión, identificar posibles mercados e nichos de actividade e estabilizar o emprego

O parlamentario socialista, portavoz de Industria, José Luís Méndez Romeu, esixiu ao conselleiro Xavier Guerra que atenda a demanda dos representantes sindicais e convoque á Mesa do Sector Naval, que non se volveu convocar desde o 17 de xaneiro.

O deputado socialista manifestou ao titular de Industria a necesidade de “recuperar o diálogo co sector naval”, tal e como o está a reivindicar o propio sector en manifestacións como as que tiveron lugar días pasados en Fene e en Vigo e instou ao Goberno galego a ser “máis prudente nas declaracións e máis eficaz”.

Méndez Romeu esixiu ao titular de Industria “plans de viabilidade serios, modelos de negocio sostibles e crear sinerxías nas actuacións” en base ao plan de viabilidade que a propia Mesa presentou. Neste documento se reclamaba “unha abordaxe global do problema, incluíndo no mesmo a armadores e á empresa auxiliar”.

Recriminou ao Presidente Feijóo e ao Conselleiro de Industria a falta de cumprimento dos compromisos acadados en 2009 co sector, tales como a construción dos diques flotantes en Vigo e Ferrol e a creación dun centro de reparacións ou atender a demanda dos armadores para crear un selo de calidade. Acusounos de “non ser quen de levar adiante ningún proxecto, co Goberno de Madrid a favor ou en contra”, dixo.

Restou credibilidade aos anuncios de apertura do mercado mexicano nun futuro inmediato, pois, xa con anterioridade o Núñez Feijóo fixera semellantes avances sobre o mercado venezolano e o ruso e “nada diso foi concretado ata día de hoxe”.

Segundo consta na pregunta do deputado socialista, a denuncia holandesa sobre o sistema de financiamento coñecido coo tax-lease, que provocou a súa suspensión, está a provocar a “restrición total de contratación”. Este sistema minoraba o custo total do financiamento dun buque nun 23% de media, coa participación de armadores e estruturadores.

Esixiu ao Goberno unha posición definida sobre este asunto logo de que os anuncios feitos en xullo pasado polo presidente Feijóo que “ía ser unha proposta definitiva”. As últimas novas de Bruxelas, informa o parlamentario socialista, indican unha posición “altamente preocupante”. Nesas condicións, conclúe, a contratación de buques sería unha “tarefa imposible” para os estaleiros galegos, “en clara discriminación dentro da UE”, denuncia Méndez.

Na súa pregunta ao conselleiro, Méndez salientou o carácter “estratéxico” do sector naval na industria galega, cun volume de emprego directo moi elevado, cunha achega ao PIB “significativa” e caracterizado polo uso intensivo de tecnoloxía.

Pero este sector, que en 2008 atravesaba unha das mellores etapas da súa historia, atópase nunha profunda crise e os 15000 empregos directos que xera están en perigo.

Navantia, estaleiro público especializado na construción militar, pasa por dificultades pola inexistencia de contratos, “malia as numerosas misións comerciais despregadas”. Nos estaleiros privados, sucédense os episodios de concurso de acredores, expedientes de regulación de emprego, e ausencia de carga de traballo.

Unha sucesión de problemas que “fai necesaria unha abordaxe global do problema, incluíndo no mesmo a empresa auxiliar”, afirma Méndez, para quen o Goberno galego non debe seguir detrás dos problemas, senón “desenvolver unha estratexia que permita definir un novo modelo de xestión, identificar posibles mercados e nichos de actividade e estabilizar o emprego”, afirma Méndez Romeu.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar