Engano do PP ao votar contra o traslado de Ence fora da Ría de Pontevedra

Engano do PP ao votar contra o traslado de Ence fora da Ría de Pontevedra

A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, denunciou hoxe o “engano” do PP por votar hoxe en Comisión expresamente contra o acordo para trasladar Ence a unha localización respectuosa co medio ambiente fora da Ría de Pontevedra antes de 2018. Aquel acordo foi votado a favor polo PP na pasada lexislatura, dixo Vilán, “porque lles conviña” electoralmente.

Vilán criticou os cambios de criterio do PP, que nas anteriores eleccións municipais pedían expulsar á pasteira, o que “non pensaban pero lles conviña”, e nestas últimas eleccións defenderon de novo a súa permanencia.

Lembroulle ao PP que “vostedes gobernan en Galicia e en España, e polo tanto teñen a obriga de decidir e buscar unha solución ao traslado da empresa”, tal e como sinalaba o acordo parlamentario.

Acusounos de “non facer absolutamente nada” para garantir o traslado, xa que, como teñen informado os propios traballadores, o único estudo sobre esta decisión foi feito pola propia empresa, que “quere quedarse porque defenden os seus intereses económicos”.

O que si fixeron, lembrou Vilán, foi aprobar unha Lei de Costas que abre o camiño a ampliar o mantemento da empresa na Ría durante outros 75 anos, ata 2093, co que xa sumará 134 anos contaminando Pontevedra. A deputada socialista apelou ao “forte sentimento de rexeito” entre a poboación afectada tanto polos vertidos contaminantes como polo cheiro que provocan as instalacións.

Traballo

Patricia Vilán acusou ao PP de “enfrontar traballo e Medio Ambiente”, ao xustificar o seu apoio á pasteira cos postos de traballo, eludindo a súa responsabilidade para ofrecer un traslado a unha localización alternativa que permita manter a actividade e ademais incentivar novos proxectos que permitan pechar o ciclo produtivo do papel en Galicia.

Sinalou ademais que cando eles mesmos apoiaron a iniciativa parlamentaria en 2008, xa existía a crise económica, e “en 2015 seguimos en crise”. Lamentou que non tiveran a mesma preocupación polo mantemento dos postos de traballo cando aprobaron a reforma laboral “non conforme precisamente co dereito ao traballo”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar