Eladio Fernández Pérez, membro da Fundación Galicia Obra Social a proposta dos socialistas

Eladio Fernández Pérez, membro da Fundación Galicia Obra Social a proposta dos socialistas

A Mesa do Parlamento nomea os membros propostos polos grupos co voto en contra dos socialistas galegos, que reclamaron un debate específico en Pleno

O Grupo Socialista propuxo a Eladio Fernández Pérez, presidente da Federación de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia, como membro da Fundación Galicia Obra Social, herdeira da antiga Fundación das extintas caixas.

Os socialistas salientan a ampla traxectoria profesional no sector dos servizos sociais deste pontevedrés de 62 anos, membro da directiva de Fademga dende 1992 e presidente da mesma en 2011. Dende 1999 foi presidente da organización sen ánimo de lucro Special Olympics Galicia, asociación de pais, profesionais e amigos de persoas con discapacidade intelectual, e dende 2012 é representante da discapacidade intelectual no Consello Galego de Benestar Social.

A Mesa do Parlamento escolleu hoxe os membros do Parlamento na Fundación Galicia Obra Social co voto en contra das dúas representantes do PSdeG na Mesa debido ao procedemento seguido polo grupo do PP para pechar estes nomeamentos. Lembran que o propio Feijóo está a romper así o seu compromiso co líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, ao decidir unilateralmente deixar nas mans de Banesco a presidencia e nove membros da Fundación Social, o que na práctica significa “regalarlles a obra social”. Tamén rompe o compromiso adquirido nas conversas entre voceiros do Parlamento tras a reunión con Besteiro, nas que quedou claro que os nomeamentos serían debatidos en Pleno ou en Comisión, e non cun trámite sen debate na Mesa.

Os socialistas galegos presentaron un recurso contra unha decisión do PP que lles foi agochada aos grupos parlamentarios ata a Xunta de Portavoces do pasado venres “sen posibilidade de réplica”. A Fundación, herdeira das extintas caixas, conta cun patrimonio de 300 millóns de euros, é entregada “graciosamente” pola Xunta a unha entidade privada que escollerá ao seu presidente e contará con 8 membros fronte aos 4 do Parlamento.

O goberno galego quere furtar o debate logo de decidir “regalarlle a Abanca unha obra social que debe ser propiedade de tódolos galegos e galegas” logo dun proceso de transformación da Fundación “dirixido polos representantes da Consellería de Facenda”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar