Dous médicos para O Incio

Dous médicos para O Incio

A deputada socialista Concepción Burgo levou ao Parlamento unha proposición non de Lei para reclamarlle á Consellería de Sanidade que cubra as baixas dos médicos de O Incio garantindo unha atención mínima de dous profesionais en todo momento. Burgo advirte que o Concello pasou de tres facultativos en 2011 a tan só un na actualidade.

A deputada socialista responsabiliza ao goberno galego da situación actual deste Concello, que padece unha “inaceptable restrición do servizo médico e unha mala asistencia sanitaria” como consecuencia directa dos recortes orzamentarios de Feijóo. O Incio é un municipio da montaña lucense, cunha extensión de 146 quilómetros cadrados e unha poboación envellecida e dispersa por 28 parroquias e máis de 100 núcleos de poboación.

Advertiu que o único facultativo que se mantén na localidade ten que atender “tanto á consulta diaria como ás urxencias, de maneira que, de producirse unha, ou ter que facer unha consulta domiciliaria, o Centro de Saúde queda absolutamente desatendido”. Ademais, ten que asumir a asistencia médica a unha residencia da terceira idade que conta con máis de cen persoas usuarias.

Os veciños e veciñas do Concello están francamente preocupados pola situación de “colapso” do centro sanitario. Esta preocupación que foi levada ao Pleno do concello de O Incio, que por unanimidade de tódalas forzas políticas solicitaron que houbera a lo menos dous médicos en todo momento, e que se cubriran as baixas do persoal facultativo.

A deputada socialista recolle esta demanda e a leva ao Parlamento de Galicia, onde defenderá unha iniciativa nos mesmos termos co obxectivo de “asegurar o dereito asistencial dos veciños e veciñas do dito Concello”.

Lamenta que o peche de escolas unitarias iniciado polo goberno galego continúa agora cos recortes en sanidade, de forma que “non é posible fixar a poboación no rural”, co que “favorécese o despoboamento de provincias como a de Lugo”. Esta é, engade, a situación “real” que “contradí as declaracións de Feijóo, que anuncia unha suposta política de apoio ao medio rural e de loita contra a caída demográfica que se demostra falsa”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar