Doce propostas para medir a marxe de manobra do novo conselleiro de Educación

Doce propostas para medir a marxe de manobra do novo conselleiro de Educación

Doce propostas para medir a marxe de manobra do novo conselleiro de Educación

O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Vicente Docasar, presentou hoxe un total de doce propostas concretas para recuperar a calidade no ensino público e repoñer as condicións dos profesores. Docasar quere testar si o novo titular de Educación “ten verdadeira marxe de manobra ou limitarase a xestionar a herdanza do seu antecesor”.

O responsable socialista apelou á “sensatez” do novo conselleiro para utilizar a suposta recuperación económica que o PP está a anunciar e restaurar o maltreito ensino público, logo de perder 400 millóns de euros polos recortes aplicados por Feijóo e o exconselleiro Vázquez dende 2009. Chamou a o novo titular a abandonar os “ataques continuos, sistemáticos e planificados ao ensino público, á cultura e á lingua galega”.

Como proba, requiriu doce medidas viables “que serían moi ben recibidas polo conxunto da comunidade educativa galega”, como son a reposición das condicións laborais e profesionais do colectivo docente e a recuperación paulatina dos 2.200 profesores perdidos nesta etapa. Tamén reclama un Plan Plurianual para mellorar as instalacións dos centros educativos, obsoletas “por falla dun mantemento axeitado”.

A continuación propuxo dous plans plurianuais para renovar os equipamentos didácticos e informáticos destes centros e para corrixir a fenda dixital entre os centros urbanos e rurais. En sexto lugar reclamou a garantía de que “ningún neno ou nena do ensino obrigatorio quede sen praza de comedor cando o necesite nin asista a clase sen libros de texto ou material escolar”.

Tamén instou ao conselleiro a recuperar progresivamente as cantidades que os centros educativos recibían par aos seus gastos de funcionamento e dotar á FP Básica cos fondos e equipamentos comprometidos para a súa implantación en condicións. En materia de Universidade, propuxo acordar cos reitores o Plan de Financiamento da universidade, e garantir que non sexa imposta en Galicia a reforma dos graos e os recortes de bolsas.

No tocante á lingua, Vicente Docasar reclamou un Plan Estratéxico para recuperar os falantes perdidos en galego entre a poboación moza, e recuperar o consenso lingüístico existente nas épocas de Fraga e Touriño, que “foi rachado por Feijóo para gañar un puñado de votos”.

Tamén propuxo un Plan de potenciación das linguas estranxeiras, incluíndo estadías en países estranxeiros para alumnos e profesores, e un Plan “serio e rigoroso” co obxectivo de “recuperar o talento perdido nos últimos anos pola emigración forzada da nosa xuventude ben formada”.

Coa resposta do novo conselleiro a estas propostas, dixo, a comunidade educativa poderá tomar a medida do novo conselleiro e comprobar se o seu cambio “ven acompañado dun cambio de políticas e de actitudes”.

Do contrario, explicou, demostrará que o relevo atende unicamente aos “intereses electorais do PP e do seu presidente, que utiliza o Consello de Goberno da Xunta como trampolín para promocionar a políticos do seu partido e non para xestionar como se merecen as necesidades dos galegos e das galegas”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar