Docasar trasladaralle a Pedro Sánchez a situación da educación en Galicia, “con Feijóo e o conselleiro Vázquez de alumnos avantaxados de Wert”

Docasar trasladaralle a Pedro Sánchez a situación da educación en Galicia, “con Feijóo e o conselleiro Vázquez de alumnos avantaxados de Wert”

Docasar trasladaralle a Pedro Sánchez a situación da educación en Galicia, “con Feijóo e o conselleiro Vázquez de alumnos avantaxados de Wert”

O portavoz de Educación dos socialistas galegos no Parlamento, Vicente Docasar, demandou hoxe á Xunta medidas urxentes para que “o profesorado, que perdeu un 30% do poder adquisitivo no últimos anos e volveu aos niveis dos anos noventa, recupere de maneira progresiva as súas condicións laborais e profesionais”. Nunha rolda de prensa, solicitou tamén “que sexan recuperadas as plantillas docentes existentes nos centros educativos”.

No inicio do curso académico, o portavoz de Educación socialista e secretario de Educación da Executiva galega do PSdeG participará mañá en Madrid xunto aos responsables de Educación do PSOE en todas as comunidades autónomas nunha reunión co secretario xeral, Pedro Sánchez: “É a primeira reunión que celebra con responsables dun determinado sector, o que amosa claramente por onde van as súas prioridades”.

Docasar afirmou que se verá obrigado a trasladarlle a Sánchez que “Feijóo e o conselleiro Jesús Vázquez son alumnos avantaxados do ministro Wert e que o conselleiro de Educación acumula 16 sentenzas xudiciais na súa contra, algo que non ten parangón en toda España”.

“O novo curso escolar arranca despois dun verán cargado de decisións precipitadas, chapuceiras e obscurantistas tomadas polos responsables da Consellería de Educación, unha consellería que manda pero non goberna”, manifestou o portavoz do PSdeG.

Os socialistas consideran que as consecuencias desa maneira de actuar reflíctense “nos conflitos co concurso de traslados dos profesores, os problemas coa posta en marcha precipitada da Lomce, as axudas ilegais que foron entregadas a centros segregadores, a política cambiante e trapalleira cos libros de texto e mesmo a falta de sensibilidade co profesorado”.

“En agosto de 2013 xubiláronse en Galicia 1.030 docentes e en poucos días espero saber cantos se xubilaron a data de 31 de agosto de 2014, pero imaxino que as cifras serán espectaculares”, apuntou Docasar, que advertiu tamén de que “o material didáctico de talleres e laboratorios non se repuxo, as instalacións dos centros non se arranxaron por falta de recursos para obras e mesmo obras novas que non puideron acometerse por falta de medios”

Á marxe da recuperación das condicións dos traballadores da Educación, os socialistas piden á Xunta que poña en marcha un plan plurianual de mellora das instalacións dos centros, medidas para proceder á reposición dos equipamentos didácticos dos centros educativos, e “que o presidente Feijóo e o seu conselleiro Vázquez digan publicamente que non pensan implantar en Galicia ningunha das 20 medidas de posibles recortes recomendadas por Montoro”.

Por último, Docasar espera que o Goberno galego “garanta que ningún neno ou nena de Galicia que curse o ensino obrigatorio quede sen comedor escolar ou sen libros de texto neste inicio de curso, porque só así a xente entendería nas nosas escolas e institutos que se fale de raíces vigorosas da recuperación”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar