Discurso no Forum Europa - Tribuna Galicia

Discurso no Forum Europa – Tribuna Galicia

TRIBUNA GALICIA

Bos días, grazas por invitarme a participar neste foro no que terei a oportunidade de compartir con vostedes a miña visión sobre a situación económica de Galicia e as nosas principais propostas neste eido. Un tema de vital importancia dentro do proxecto político que temos para Galicia.

É importante salientar, que a pesar de que algúns indicadores sitúan a economía Galega nunha senda de recuperación, o certo é que si analizamos en detalle a situación económica de Galicia nos 8 anos do goberno do Partido Popular, nos atopamos cunha Galicia que vai claramente a menos.

A Galicia que nos deixa Núñez Feijoo, é hoxe unha Galicia moito máis endebedada. Se no primeiro trimestre de 2009 a débeda pública galega era de 3.381 millóns de euros, no segundo trimestre de 2016, esta era 10.727 millóns. É dicir, un incremento 7.346 millóns de euros (+317%). Máis de tres veces a débeda do 2009. E este é un feito importante na medida en que compromete o marxe de acción de calquera goberno.

Pero se imos aos datos de emprego ou sectores produtivos, as cifras adquiren un tinte moi preocupante. A nivel de emprego, Galicia sufriu segundo a EPA, a perda de 150.000 postos de traballo dende o primeiro trimestre de 2009 ao primeiro trimestre de 2016.

Por sectores produtivos, as cifras deixan un balance altamente negativo.

Redución de 49.100 empregos industriais, un 23,6 % de baixada. Perda de contratos no naval, fuxida de empresas de automoción, perda de traballadores do metal, esmorecemento do sector eólico,.... Por non falar dos sectores produtivos tradicionais, como a pesca, onde contemplamos a perda de máis do 20% dos traballadores do mar, ou o agro, onde perdemos máis de 1.000 explotacións agrarias.

A estas cifras temos que sumarlle tamén os fracasos en dous sectores clave para Galicia: o sector eólico e o naval. No primeiro facendo perder unha oportunidade histórica de impulso no intre no que podía configurarse un sector estratéxico para Galicia.

No caso do Naval, o retroceso en contratos e actividade é altamente preocupante. Unha política de grandes anuncios, pero alonxada da realidade como no caso dos anuncios de PEMEX.

A isto temos que unirlle dous factores tamén alarmantes. O primeiro é o problema demográfico. Galicia padece unha despoboación crecente, mentres máis de 50.000 mozos e mozas, probablemente os máis preparados da nosa historia, marcharon de Galicia ao longo deste anos por falta de oportunidades de traballo ou investigación.

O segundo, relacionado en parte con este, é a forte caída na inversión en I+D. Unha caída de recursos en relación co PIB que nos leva do 1,04 % do PIB no 2008 ó 0,87 % no 2015, o que nos sitúa a niveis de Turquía e Ucraína. A sexta porcentaxe menor para todas as CCAA, fronte ao 1,3% do PIB que representa para o conxunto de España.

EN RESUMO: Somos menos, innovamos menos, producimos menos, estamos máis endebedados e perdemos peso demográfico. E por tanto, perdemos peso económico e importancia en España.

Como chegamos ata aquí? O goberno do PP limitou a súa política económica ao recorte do gasto. Non impulsou as políticas de modernización económica nin os sectores produtivos estratéxicos nin a industrialización. E iso non é achacable á crise, porque era aí onde si tiña capacidade o goberno galego. Onde estatuto nos outorga competencias que o PP non exerceu.

Por tanto, o que os socialistas propoñemos é aproveitar mellor as potencialidades de Galicia para xerar máis riqueza e mais oportunidades nos sectores con futuro económico neste país.

O NOSO PROXECTO ECONÓMICO ESTÁ BASEADO EN TRES EIXOS:
1) UNHA NOVA POLÍTICA ECONÓMICA PARA GALICIA
2) UNHA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA MODERNA E EFICIENTE
3) O IMPULSO DA AXENDA SOCIAL
Galicia precisa unha NOVA POLÍTICA ECONÓMICA que priorice a creación de emprego a través da reindustrialización e a innovación.

Pero sen un proxecto social, non é posible ningún plantexamento económico.

E iso témolo que facer dende o diálogo e a concertación social, non mediante a mera aplicación de receitas políticas.

Feijóo gobernou claramente de costas aos axentes sociais de Galicia.

Pero o proxecto socialista foi sempre un referente de diálogo coa sociedade. Hoxe quero reiterar o meu compromiso de impulsar o diálogo cos axentes económicos e sociais como ferramenta de traballo para construír unha Galicia que vaia a máis.

Fixérono Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño. Presidentes de Galicia que tiveron no diálogo social a mellor ferramenta para a estabilidade social e o crecemento compartido.

E isto si é un compromiso. Quero impulsar acordos coa CEG e os sindicatos, e tamén promover que estes se dean entre eles. Acordos que serán moi tidos en conta pola administración que presida, porque non entendemos o goberno de Galicia de costas á súa sociedade.
Fai falla un presidente que una aos galegos en todo aquilo no que todos poidamos estar de acordo. Fronte á Galicia da división que encarna Feijóo, nós apostamos por un goberno que a través do diálogo social aposte pola unión dos galegos e galegas.

Galicia precisa por tanto impulsar unha axenda social que xunto co desenvolvemento económico nos permita cimentar as bases dunha sociedade forte economicamente, rica socialmente e plural culturalmente. Dunha Galicia que vaia a máis.

Temos que apostar pola reindustrialización de Galicia: Galicia precisa medidas urxentes de industrialización. Non chegamos nin ao 13% cando a media europea é de case o 30%. Para elo, precisamos un deseño institucional claro para xerar as condicións de desenvolvemento e por outra parte, atender os problemas e consensuar as políticas sectoriais concretas.

Precisamos dunha auténtica política de promoción de solo industrial que racionalice a creación e comercialización de solo. Crear solo onde si sexa preciso a través dun CONSORCIO GALEGO DE SOLO EMPRESARIAL. Non podemos seguir vendo exemplos como os da PLISAN en Salvaterra, ou a fuxida a Portugal de empresas. Para evitar estes problemas, queremos formular unha LEI DE AREAS EMPRESARIAIS DE GALICIA. Para definir todos os aspectos relativos ao solo industrial (creación, comercialización, promoción, mantemento, modernización, etc..) e actuar onde fai falla e na súa especialización (como Tecnópole).

E un piar fundamental para a promoción económica de Galicia é o IGAPE.

O IGAPE pasou de dispoñer de 345 millóns de euros no 2010 a 92,5 millóns de euros no 2016, unha caída do 75 % en seis anos.

O mellor indicador deste problema é a execución orzamentaria do IGAPE no ano 2014, o derradeiro ano con datos pechados, a execución quedou nun ridículo 35%; case dous de cada tres euros orzamentados, non se executaron.

Pero é que ademais o IGAPE funcionou con lentitude e ineficiencia: non se pode agardar dous ou tres anos para recibir o pagamento das subvencións concedidas .

A nosa proposta é reformar en profundidade o IGAPE para que sexa un instrumento útil para o noso tecido empresarial.

 Melloraremos os recursos e eficiencia do IGAPE para mellorar o seu financiamento.

 Impulsaremos a labor de XESGALICIA na financiamento dos proxectos empresariais e produtivos.

 Apostaremos de xeito eficiente e áxil pola xeración de proxectos empresariais e pola mellora da competitividade das empresas a través de apoio aos proxectos que melloren a súa eficiencia, optimización e modernización. Pero de verdade. E sobre todo, executando o orzamento.

A Internacionalización será outro dos nosos eixos de actuación.

Temos que revisar a política pública de internacionalización da Xunta de Galicia, revisando en colaboración coa CEG, o modelo da REDE PEXGA, para melloralo dende varios aspectos (estratexia-pais, mellora admistrativa, fins, etc...). A pesar de que a presencia internacional das empresas galegas no exterior tense incrementado nos últimos anos, temos que conseguir incrementar a aportación exterior á nosa economía coa incorporación sobre todo das pequenas e medianas empresas aos mercados emerxentes.

E tamén temos que ser capaces de situar a innovación no lugar que lle corresponde

Propoñemos desenvolver un NOVO PLAN GALEGO DE I+D+I: para apoiar á innovación empresarial co obxectivo de converxer como mínimo coa media española de inversión en i+d+i.

Debemos superar a fragmentación das estruturas de innovación galegas (GAIN, XUNTA, Universidade...). Por iso, crearemos o INSTITUTO GALEGO DE INVESTIGACIÓN APLICADA cunha estrutura similar a que xa existe no País Vasco co IKERBASQUE ou o ICREA catalán.

Máis todas estas medidas non serán suficientes se non somos capaces de xerar emprego e apoiar aos nosos emprendedores.

Por iso a miña primeira medida como presidente da Xunta será o impulso dun Plan de Emprego dotado con 100 millóns de euros para que as empresas galegas poidan contratar 10.000 mozos anualmente e mellorar a súa experiencia, formación e empregabilidade.

E tamén debemos ser quen de desenvolver medidas para os emprendedores, os autónomos e as pequenas e medianas empresas.

Estenderemos a TARIFA PLANA de 50 EUROS ata o primeiro ano de actividade para os autónomos.

Poremos en marcha un PLAN DE RETORNO DO TALENTO dotado con 10 millóns de euros ao ano destinado a facilitar o retorno de mozos e mozas emigrados nos últimos anos, como consecuencia da crise económica, para que aborden proxectos empresariais ou de investigación en Galicia.
E impulsaremos un PLAN DE RELEVO XERACIONAL para que anualmente 500 novos mozos adquiran a experiencia de autónomos a piques de xubilarse. Esta medida permitirá financiar a cotización á seguridade social dos autónomos entre 63 e 54 anos (a base mínima) e poder cobrar un salario aos novos emprendedores.

INFRAESTRUCTURAS
É certo que rematou en parte a época das grandes infraestructuras, pero iso non é óbice para non completar o noso mapa de comunicacións sobre bases realistas, para reducir os tempos, mellorar as comunicacións e ser enerxeticamente máis eficientes.

Nun mundo no que a enerxía e as distancias son dous elementos clave na competitividade dun país, non podemos permitirnos o luxo de máis fracasos.

Para elo temos que desenvolver unha política de infraestruturas centrada na mellora das nosas comunicacións, a aposta pola intermodalidade e interconexión viaria e ferroviaria entre os nosos portos, aeroportos e centros loxísticos e de produción. Temos as grandes obras en marcha pero é fundamental que as conectemos adecuadamente para que sexan operativas (Por exemplo, é imprescindible que conectemos ferroviariamente o porto exterior de Ferrol).

Mellorar o transporte de mercancías e de persoas. Especialmente nas grandes urbes e espazos metropolitanos onde impulsaremos a creación de Consorcios Metropolitanos de Transportes, para o cal é necesario revisar o mapa concesional integral de transporte por autoestrada aos centros de traballo e tamén no eido ferroviario, acadar o traspaso de activos e competencias, creando un ente de ferrocarrís galego, como no caso vasco.

E precisamos mellorar tamén a nosa eficiencia enerxética. Impulsaremos a labor do INEGA para liderar a aplicación de medidas de redución de consumos e implantando medidas de eficiencia, transmitindo un papel exemplarizante en canto á xestión enerxética do sector industrial da Comunidade Autónoma.

E para que este novo modelo económico poida aplicarse, precisamos UNHA XESTIÓN PÚBLICA AVANZADA E EFICIENTE

Queremos unha administración pública avanzada, unha administración moderna e eficiente, unha Xunta 4.0 baseada en catro principios fundamentais:

PERSOAS: Se a Xunta non funciona, o país se paraliza. Necesitamos axilidade e eficiencia. E para elo temos que apostar por unha xestión de persoal en condicións que potencie o seu compromiso. Recuperar o prestixio da ética da Función Pública.
INNOVACIÓN: O mundo actual demanda axilidade. Respostas novas a vellos pero tamén novos desafíos. Por iso temos que crear o contexto para innovar tamén dende a administración para facilitar o traballo ás empresas e superar o modelo clásico de burocracia mantendo o interese público.

SOCIEDADE: Un bo goberno permite unha economía san e forte. Temos que comprometernos co bo goberno e a ética pública. A ética do traballo colaborativo, a de Recuperar o Diálogo Social e asunción da responsabilidade e mesturalos coa sostenibilidade e a igualdade.

RESULTADOS: A mellor política é a que da bos resultados. E por iso, temos que investir con sentido común e con eficiencia.

Queremos unha Administración moderna si, pero tamén financieiramente sustentable. E o dicimos claramente, todas as medidas que propoñemos proveñen unha análise seria e rigorosa dos orzamentos da Xunta de Galicia. Nese senso temos que dicir que o proxecto socialista é un proxecto que fuxe de aventuras. Temos claro que é preciso manter o cumprimento da regra de gasto e a estabilidade orzamentaria para que o orzamento nos permita impulsar medidas de desenvolvemento.

E para logralo, temos que facer unha política financeira que nos permita desenvolver o noso programa de goberno. E o faremos mellorando a xestión da Axencia Tributaria Galega e a súa colaboración coa Axencia Tributaria Española.

Precisamos unhas finanzas claras e ben xestionadas para ter unha política de promoción económica potente que impulse o despegue económico de Galicia.

A AXENDA SOCIAL DO CAMBIO

Galicia precisa reconstruír o seu modelo social de xeito parello ao noso desenvolvemento en catro eixos fundamentais: a educación e a formación, os servizos sanitarios, as políticas de benestar e o impulso ao noso potencial creativo.

1) Temos que reconstruír unha política educativa de calidade. Temos que modernizar e mellorar as nosas escolas, universidades, centros de investigación e desenvolvemento.
Propoñemos para elo, contratar 2.500 novos mestres para mellorar o noso sistema educativo e universitario e apoiar tamén a investigación.

2) Queremos que a sanidade sexa o único luxo que teña a nosa administración. Unha sanidade universal e pública. Unha sanidade envexada en todo o mundo pola calidade dos nosos profesionais sanitarios.

E aquí é moi importante destacar que rescatar o hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, sae máis barato a todos os galegos que mantelo no modelo actual. Porque é importante contar cunha sanidade de calidade que sexa eficiente e sostible economicamente. Un aforro de 20 millóns de euros ao ano que deben servir entre outros fins para rematar coas listas de espera de máis de 6 meses, eliminar o copago sanitario para os pensionistas con rendas menores a 18.000 euros anuais, incorporar 1.500 novos profesionais sanitarios e incentivar a investigación e innovación en materia de saúde.

3) Desenvolveremos unha política social integradora para recuperar a cohesión social. A crise económica deixou auténticos dramas sociais nos que a acción pública debe incidir para xerar as condicións de igualdade social e de oportunidades para construír unha sociedade máis xusta. Políticas sociais de atención aos nosos maiores e tamén políticas de apoio á dependencia.

4) E por último, queremos impulsar o potencial creativo e cultural de Galicia. Entender que a nosa lingua e a nosa cultura non son só parte da nosa identidade, senón un inmenso potencial creativo xerador de economía que nos conecta, sen dúbida, cun mundo máis plural, aberto e cosmopolita. Que Galicia non é final de camiño, senón punto de inicio dunha maneira de entender Europa e o mundo de xeito compartido, aberto e humanista.

RECUPERAREMOS O PESO POLÍTICO DE GALICIA

Neste intre de crise acelerada, cando nos enfrontamos a grandes problemas, hai, na Xunta de Galicia, unha grande escaseza de pensamento a longo prazo. O señor Núñez Feijóo non mirou máis alá dos titulares no medios de comunicación e a mesma cortedade de miras afecta as súas consellerías.

Houbo un tempo no que os presidentes González Laxe e Pérez Touriño ofrecían relatos a gran escala, volvían a vista atrás para mirar cara adiante, influían na economía de Galicia e proporcionaban orientacións para situar a Galicia na folla de ruta axeitada en España e no mundo.

Dende 2009, sen embargo, a Xunta comezou a abandonar ese longo prazo como horizonte temporal para a modernización e o progreso.

Agora temos a oportunidade de desaloxar o "cortoplacismo" da Xunta de Galicia. A solución reside en superar esa perda de visión panorámica, devolver á Xunta a súa misión de impulsar a economía de Galicia atendendo ao "micro" sen desatender o "macro".

A nosa é unha proposta aberta para sacar á Xunta de Galicia da situación actual de compracencia na que se atopa. Unha guía para que por fin a nosa economía poda navegar neste século XXI pola senda da converxencia con España e con Europa.
E iso só o faremos entre todos os galegos. Crendo nas potencialidades de Galicia, cunha folla de ruta propia.

Con solidez, con estabilidade, con capacidade. Como os socialistas sabemos facer alí onde gobernamos.

Fronte a Galicia da resignación e da pobreza de ideas eu propoño construír entre todos unha Galicia que mire máis lonxe e pise máis forte, unha Galicia audaz que voe para gañar o seu futuro.

Moitas grazas.

jacobo

Deixar a resposta

Pechar