Discurso de Xoaquín Fernández Leiceaga no debate do Estado da Autonomía

Discurso de Xoaquín Fernández Leiceaga no debate do Estado da Autonomía

Discurso de Xoaquín Fernández Leiceaga no debate do Estado da Autonomía

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leieaga, interveu hoxe no Debate do Estado da Autonomía para sinalar que Feijóo tan só pode presentar balance dun ano perdido, sen proxecto, cheo de publicidade e propaganda. O responsable socialista criticou que a ambición de Feijóo por desembarcar en Madrid lle impide defender con rotundidade e determinación os intereses de Galicia con relación aos Orzamentos, o AVE ou a AP-9.

Leiceaga criticou un goberno "sen proxecto e sen alma", ademais de carecer de proxecto para afrontar a cuestión territorial porque "é o tempo da política, non do silencio e a policía contra a xente. É o tempo do diálogo trabsaccional", e propuxo neste sentido abrir a Comisióni de Reforma do Estatuto para consensuar as bases para a reforma da carta galega.

Debate do Estado da Autonomía 2017

Xoaquín Fernández Leiceaga,
portavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia

Este texto é un borrador, pode estar suxeito a modificacións sobre a intervención final

Señor Presidente, señorías:

• INTRODUCIÓN
Dóeme Cataluña pero tamén, e sobre todo, dóeme Galicia. E temos que falar dela, sr. Feijóo.

Pasou xa un ano desde a súa vitoria electoral. Foi un ano perdido: repito, un ano perdido, en termos de modernización económica, de inclusión social ou de afirmación da nosa autonomía. Porque foi un ano sen proxecto, cheo de publicidade e propaganda.

O decenio perdido da crise agravou as catro fracturas internas que ameazan a cohesión da nosa sociedade:

- A fractura social, entre os integrados e os excluídos. Sobre todo polo desemprego.
- A fractura xeracional.
- A fractura de xénero.
- A fractura territorial interna, por último.

Estamos nun punto de inflexión da historia de España e de Galicia. Económico, social, territorial. Nesta conxuntura, máis do que nunca, precisamos un proxecto. Unha folla de ruta definida que mobilice os recursos públicos e oriente as enerxías sociais.

O seu goberno carece de proxecto. Segue instalados na lóxica da crise, cun só obxectivo: a sostenibilidade financeira que non poña en risco o seu apoio electoral. Combinando a alerxia á construción de servizos públicos de primeiro nivel cun populismo impositivo que distribúe clientelarmente regalos fiscais sen efectos no emprego e o crecemento. Aumentando a fractura social.

Tamén carece de proxecto para España. Aos galegos e galegas interésalle unha España moderna, democrática, plural e solidaria. Direino con Francesc de Carreras: “Es buena compañía el resto de España”. Somos autonomistas convencidos.

Pero hoxe está en cuestión a distribución territorial do poder. Cunha aposta independentista que nos debilita como conxunto e prexudica notablemente a Galicia en termos financeiros pero tamén políticos. Confrontada a unha aposta neocentralista que desexaría concentrar todo o poder no que vulgarmente coñecemos como “Madrid”, que é un concepto social e non territorial: un núcleo político, financeiro, empresarial e mediático, unha élite que procura ampliar a súa hexemonía.

E vostede está atenazado: pola súa ambición de entrar a formar parte dese núcleo, pola orientación do seu partido, pola perda do favor do seu líder nunha organización tan xerárquica como o PP. Un bloqueo que lle impide defender con rotundidade e determinación os intereses de Galicia (nos orzamentos, no AVE, na AP-9). Vostede non ten proxecto dunha Galicia en España. O único proxecto seu para España chámase Núñez Feijóo.

A defensa da democracia e o orde constitucional en España, por suposto. É o fundamento das nosas liberdades cívicas, do autogoberno de Galicia. Pero non abonda. Compre un diálogo construtivo para reformalo. Xusto o que renunciou a facer o sr. Rajoy no último lustro, traéndonos ate o borde do precipicio.

Unha reforma que debe ter como horizonte un modelo federal (ou sexa, igualitario), respectuoso da diversidade cultural (incluída a nosa). Un proxecto no que poida expresarse plenamente a nosa personalidade diferenciada compartindo de xeito solidario os destinos dunha España democrática, equilibrada, moderna e plural.

• UNHA AUSENCIA DE PROXECTO QUE IMPIDE AVANZAR AO RITMO PRECISO (ÁMBITO INTERNO)

Hai aproximadamente un ano recrimináballe que non fixera balance despois de 8 anos de goberno en Galicia. E resumíalle o meu: “a demografía é regresiva, a economía débil, a paisaxe social está devastada e a administración autonómica debilitada”.

¿E no último ano? Galicia non progresa en poboación, en emprego, nos servizos sociais básicos, no funcionamento da administración (sempre, claro, en termos relativos, en comparación coa media española). Vostede non ten proxecto. Só na realidade virtual que constrúe coa maquinaria de fabricación de publicidade e propaganda.

Ano tras ano anuncia grandes avances e iniciativas que non teñen reflexo posterior na realidade (nas estatísticas). É experto en sinécdoque (tomar a parte polo todo). En vender atrasos e fracasos como novas promesas.

Fíxese: o seu goberno só aprobou neste ano a Lei de benestar animal. Foi un ano perdido para facer avanzar a modernización inclusiva de Galicia. E non me diga que é unha cuestión de recursos económicos. É de proxecto, iniciativa e capacidade.
Por exemplo, na construción de medios públicos independentes e plurais. Negáronse a cumprir a lei de 2011 para elixir ao director da corporación por maioría cualificada do Parlamento de Galicia; impulsar o Estatuto profesional; crear o Consello de Informativos; desenvolver os Contratos-programa e impulsar a Autoridade Audiovisual. ¿Recursos? Non. Só vontade política. Prefiren manter o control férreo dos mecanismos de propaganda a cumprir a lei.

Por exemplo, no combate á corrupción, opoñéndose á protección dos denunciantes internos ou á garantía da limpeza dos contratos públicos. A gangrena interna do PP chega tamén á Xunta de Galicia. ¡Por primeira vez un deputado, do seu grupo, condenado por tráfico de influencias! Non mire para outro lado, o tráfico de influencias é co seu goberno, sr. Feijóo.

Por exemplo, en materia de igualdade de xénero, para pechar a fenda de xénero, ou de tratamento non discriminatorio do colectivo LGTBI. Esta ben falar de igualdade pero o relevante é construíla. Tamén carece de proxecto neste eido. A limitada Lei de Igualdade de 2015 segue sen desenvolverse. O Plan Galego de Emprego Feminino para combater a parcialidade e a temporalidade excesivas ou a fenda salarial, tampouco.

Os Plans de Igualdade nas empresas, que son obrigatorios para a administración autonómica e os seus diversos entes, inéditos. O Plan de Igualdade da XG rematou en 2015 e non foi aínda substituído ¿Compromiso do seu goberno coa igualdade? Ningún. Non se quede na retórica, sr. Núñez Feijóo. Poña decisións, recursos, programas.

O Pacto de Estado en violencia de xénero é hoxe unha realidade. A cuestión é levalo rapidamente do papel á rúa ou os fogares. Especialmente en Galicia, onde ano tras ano vimos asistindo a unha dotación económica moi insuficiente e a accións sen alcance. Galicia conta con competencias exclusivas en materias educativas e sanitarias. Propóñolle por en marcha, de forma efectiva e inmediata, o fomento e implantación da prevención en todas as etapas educativas da violencia de xénero, o machismo, a educación emocional e sexual e a igualdade; e da prevención precoz sanitaria.

II. 1 UNHA DEMOGRAFÍA CALAMITOSA

En demografía, Galicia segue indo a menos.

O seu proxecto foi a “caixa finlandesa” e a Tarxeta Benvida. ¿Funcionaron? Non ¿Fixeron aumentar o número de fillos que deciden ter as parellas? Para nada. No último ano, os nacementos seguiron baixando até 18.952 nunha pendente continuada. Seguiu aumentando o número de defuncións até os 31.473: hoxe os tanatorios son a principal empresas nalgúns concellos de Galicia. É o Presidente co saldo natural negativo máis elevado : 80.000 galegos e galegas menos desde 2009.
A Conferencia de Presidentes non significou ningún avance. O Observatorio autonómico acaba de constituírse, pero non deixa de ser a constatación do fracaso das súas políticas. Deben cambialas radicalmente para conseguir resultados: apostando polo emprego de calidade para a xuventude, pola igualdade, a conciliación e o reforzamento dos servizos básicos.

Magras iniciativas e empeoramento dos resultados. Ausencia de proxecto. Ese é o seu balance do último ano.

Esqueceuse da xuventude. Hai menos que nunca: 130.000 mozos e mozas menos desde 2009. Por iso o paro xuvenil non é de escándalo e as cifras de emigración non son dramáticas. Non puxo en marcha ningún programa específico para evitar a emigración ou facilitar o retorno. As súas políticas agravan a fractura xeracional.
E mentres os refuxiados chegando a moreas a Europa e morrendo a miles no Mediterráneo, nunha política sen corazón negándose a acollelos para compartir as cargas con outros países europeos. ¿Non din que faltan homes e mulleres en Galicia? Sexamos humanistas, sexamos solidarios e fagamos un esforzo que constrúa vidas e oportunidades.

E segue aumentando a fractura territorial. Pois fronte ao discurso oco da “lexislatura do rural” atopamos a realidade de que a reorganización sanitaria ou escolar cébase na Galicia periférica, de que as oportunidades laborais e a riqueza tenden a concentrarse ao redor da AP-9 e de que, se unha política firme e duradeira non o impide, asistiremos á agonía de comarcas enteiras. O viño, as castañas ou o cereal afectados polas xeadas e o sector lácteo que apenas percibe a recuperación dos prezos en toda Europa. A reforma do transporte reduciu oportunidades de desprazamento, e non falou do Plan que fai falla desenvolver. Non hai Plan Forestal e o Plan de mellora de camiños rurais deste ano está inédito a dia de hoxe para os concellos. Faltan investimentos, falta atención, faltan políticas eficaces, e de novo, sobra propaganda: as súas rebaixas fiscais, ¿cambiaron a sorte do mundo rural? Non.

E no mar, fronte ao seu triunfalismo, compre investir en seguridade. E temos os lombos do Ulla diminuídos, na ría de Noia as toxinas sendo protagonistas, e o saneamento pendente en Ribeira, Santiago, Poio, Sanxenxo, Foz, Noia.

Non citou aos concellos. Non ten a xenerosidade de permitir que se constitúan as áreas metropolitanas, porque perderían poder.

II.2 UNHA RECUPERACIÓN ECONÓMICA SEN EMPREGO DE CALIDADE

A recuperación económica está impulsada polos crecemento dos nosos socios, pola caída do euro, o prezo do petróleo ou as baixas taxas de xuro. Pero non coñezo ningunha análise que a ligue coas decisións da XG. É difícil non medrar se o fan España e Europa. Pero entón, ¿para que queremos no plano económico as institucións de autogoberno?

As exportacións van ben, aínda que están demasiado concentradas. Pero o protagonismo da demanda externa é excesivo. Camiñariamos mellor sobre os dous pés, pero a demanda interna está lastrada pola reforma laboral, polas pensións insuficientes - as máis baixas de España-. E por un consumo público aínda limitado pola estratexia da austeridade.

A ESTRATEXIA ECONÓMICA
Fíxese o paradoxo da austeridade: os concellos non poden usar o seu superávit para impulsar o investimento público en infraestruturas necesarias. E reducen así o ritmo de crecemento agora e a posibilidade de crecemento futuro. E a Xunta de Galicia fai o mesmo cando evita usar toda a capacidade de endebedamento e cando reduce os niveis de execución. Poden investir e non o fan, obsesionados polo déficit.

O cumprimento do déficit non é unha estratexia; é unha restrición. O clientelismo é a única guía para a acción. A Xunta de Galicia dedicouse ao curto prazo (electoralismo e propaganda fronte ao medio e longo prazo (produtividade, progreso inclusivo, emprego).

Peor aínda: a Xunta de Galicia ten a furia do neófito. Vai máis alá do estipulado no axuste. Renunciou a 60 millóns de euros de gasto nas cifras iniciais do orzamento 2017. Falta ambición e confianza. Cun robusto crecemento económico o investimento autonómico público apenas despega. E recuperar investimento público é necesario para atender demandas necesarias. En infraestruturas, en servizos públicos, en saneamento. De novo, falta ambición de facer e proxecto de futuro. Tampouco despega o investimento privado, o que suxire unha baixa confianza empresarial.

A estratexia tributaria é de chuvia fina: rebaixas selectivas, para sectores ou actividades determinadas, e renuncia a unha maior progresividade fiscal. Promete agora máis rebaixas. Alegrámonos polos beneficiarios. Pero, ¿van aumentar a progresividade? ¿van alentar o crecemento? Para nada ¿Teñen algunha avaliación dos efectos das rebaixas fiscais xa feitas? Tampouco. O clientelismo fiscal privilexia o electoralismo (a propaganda) fronte ao crecemento e á igualdade.

A ESTRATEXIA INDUSTRIAL
Carecen dunha política industrial digna deste nome. Non teñen proxecto industrial. Aínda non recuperamos o nivel de produción en termos reais de 2008, estamos lonxe nos niveis de ocupación. Para aumentar o peso da industria na composición do PIB galego compre apostar por xerar emprego de calidade, ampliar a internacionalización a novas empresas, sectores e países, e aumentar a produtividade para ser máis competitivos.

A Lei reguladora da política industrial para Galicia, de hai seis anos, foi un fracaso completo. ¿Cantas veces a aplicaron? ¿Activou o investimento e a captación de empresas? Xa lle digo que non. Un éxito de propaganda, un fracaso en resultados efectivos. E agora, coa nova lei aínda en trámite, mais do mesmo. ¡Como será, que o grupo popular se autoenmenda significativamente! Desregula e reduce os controis públicos, sobre todo naquelas actividades con efectos ambientais máis nítidos (mineiro, eólico, forestal). Pero non elimina os controis que non aportan valor.

O sector naval certificou falsas promesas (lembre a PEMEX). A recuperación internacional actívao -está ben- pero sen resolver problemas estruturais: Navantia, pese aos anuncios, continúa en indefinición como estaleiro, e non acaba de ver a luz ao final do túnel. A entrada de capital estranxeiro, mexicano ou chino, en diferentes estaleiros galegos non acaba de producir efectos positivos na organización empresarial, na intensidade tecnolóxica dos bens producidos ou no emprego.

O automóbil tamén segue ao ciclo, pero perdendo oportunidades por falla de solo industrial (aínda temos que seguir falando da PLISAN), e localizando en Portugal, Marrocos ou Irán riqueza e empregos que nalgunha medida podían estar en Galicia.
Na política enerxética constatamos o fracaso da reforma Rajoy, a parálise do sector eólico: non hai novos parques construídos, non hai proxectos industriais asociados, pero si hai condenas xudiciais que teñen custe para os galegos e galegas. Perdemos peso na industria eólica, deslocalízase a produción de compoñentes. O novo sistema de poxas, que se está desenvolvendo, aínda non ten ofrecido resultados concluíntes da súa viabilidade.

Tampouco pasou apenas da fase de propaganda o Plan Integral de Impulso a Biomasa, a pesar da súa dimensión territorial e económico-medioambiental. Nin a Xunta de Galicia actuou sobre as restricións ao Autoconsumo eléctrico. Nin quixo enfrontarse ao goberno de Rajoy na aplicación obrigada dos suplementos territoriais. Dixeron non á nosa proposta.

E un IGAPE minguante (de 345 millóns en 2010 a 98 en 2017), atenazado pola lembranza das detencións do caso Campeón e sen dirección: sen liñas de actuación definidas con prioridades claras e medíbeis, para rematar coas políticas de “choiva fina”; cunha capacidade de execución excesivamente baixa e en descenso.

A súa política despreza á I+D+I. O gasto público e privado caeu sensiblemente nos seus anos, é inferior á media española e continúa diverxendo. A Xunta de Galicia mantén a segregación entre a investigación básica (sobre todo universitaria, cada vez en condicións mais precarias) e a investigación aplicada e a innovación, rachando coa política de integración habitual noutros territorios. Os recortes orzamentarios quebraron un proceso acumulativo imprescindible para consolidar os avances acadados. Os problemas de competitividade agrávanse. Este foi un ano mais perdido nesta área.

A ESTRATEXIA LABORAL
Os datos da EPA (ou onte do Paro rexistrado) son unha clamorosa chamada de atención á súa política laboral e por extensión económica. O emprego crece menos que en España e o paro baixa mais lentamente. Dramático. Pero nada diferente do que sucedeu nos últimos 8 anos.

Hai hoxe en Galicia 121.400 persoas menos traballando que en 2009. Ao ritmo do último ano, España tardará 1 en recuperar o nivel do emprego de 2009. En Galicia máis de 8. Esa é a súa responsabilidade. A sociedade galega non pode agardar ese tempo, e o custe das pensións é insoportable. A fractura social e xeracional agrándase.

O seu contrato con Galicia de 2009 prometía emprego para todos ¿Teremos o emprego de 2009 cando deixe a presidencia da XG? Non ¿Vai crear 100 mil empregos nesta lexislatura? Tampouco.

Se Galicia se comportase en materia laboral como a media española desde que é presidente, teríamos emprego para todos os parados de mais de 2 anos; ou poderíamos eliminar o paro entre a mocidade de 25 a 34 anos.

Sr. Núñez Feijóo, é imprescindible cambiar a súa política laboral e a súa política económica. En emprego, Galicia vai peor que o resto de España. Iso da a medida do seu fracaso.

Tamén na mocidade o comportamento do emprego e do desemprego é peor que en España, ampliando a fractura xeracional. Desde 2009 perdemos un 42% do emprego xuvenil, e a taxa de paro da mocidade pasou dun 16.9% a un 26.3%. Nada do que presumir, moito do que preocuparse.

E mentres o Programa de Garantía Xuvenil -como en xeral a política de emprego- é un absoluto fracaso. Puxeron en marcha un novo programa. Xa lle dixemos que ían perder un tempo precioso en burocracia. Tempo que a nosa mocidade non ten. E destinan unha dotación orzamentaria moi insuficiente. Os 90 millóns deberían ser anuais e non por 4 anos: os 10.000 mozos/as axudados, cada ano e non para catro anos. Para garantir un futuro a todos aqueles que desexan incorporarse ao mercado laboral. Convertan o sistema público de emprego nunha Axencia galega. E presten a atención debida á formación.

Permítanme unha palabras para os autónomos. Están expandíndose os falsos autónomos e o auto-emprego, mais unha necesidade que unha oportunidade, apenas medra. O 80% dos novos negocios non superan os dous anos de vida, o que duran as axudas: elevadísima rotación, enormes dificultades para a consolidación.

O Congreso dos Deputados está dando pasos adiante. Pero non abonda. A XG ten que apoialos eficazmente. Facilitando a substitución xeracional con políticas de formación e apoio aos mozos. Con políticas de axudas ao financiamento, eliminación de trabas administrativas, control da morosidade, fomento do relevo xeracional e plans de segunda oportunidade.

II.3 POLÍTICA SOCIAL E SERVIZOS PÚBLICOS BÁSICOS

POLÍTICA SOCIAL
Para moitas familias a recuperación non aparece. Para moita mocidade o futuro é unha quimera. E non ten un proxecto para combater a fractura social.

O mercado produce mais desigualdade e as políticas públicas non están á altura. Galicia está en 2.6 no índice DEC (Dereitos, Economía, Cobertura), de desenvolvemento dos servizos sociais, para unha media española do 4.5. É a cuarta comunidade con maior axuste porcentual no gasto en políticas sociais desde 2009, un 16,9%.

Están cualificando con un moi deficiente as súas políticas sociais, que se concreta nunha RISGA infradotada ou nunha atención á dependencia inaceptable. Compre transformar intensamente a RISGA, en primeiro termo, para transformala nunha Renda de Inserción Social digna deste nome. Non queren. Acaban de dicir que non no Congreso dos Deputados.

Hai máis de 100.000 persoas en Galicia con privación material severa. A RISGA chega tan só a 15.000. En Galicia a prestación media está no entorno dos 400 euros ao mes, fronte ás 665 euros do País Vasco. Un nivel insuficiente. Ademais, a Lei de Inclusión social incúmprese, e o regulamento que debería estar listo en 2014 aínda non o está.

Compre reforzar a atención á dependencia, en segundo termo. ¿Aumentan as persoas atendidas? Claro, é o resultado inevitable dun calendario de implantación progresiva. ¿Este é o gran éxito? Sacan peito de cumprir, mal, unha lei á que se opuxeron.

Coas súas decisións políticas agravaron as listas de agarda. O goberno do sr. Rajoy fixo recortes na aplicación da lei en 2012 e reduciu o financiamento: 35 millóns menos cada ano para Galicia. E vostede impulsou unha xestión lenta (2 anos ou mais de tempo de agarda) e pouco xenerosa (obrigando a escoller as prestacións mais económicas). O que esixe unha resposta e unha rectificación.

Os maiores con recursos, acoden ás residencias privadas, con custes mensuais que roldan os 1.500-2.000 euros. Os maiores sen recursos abondo, ou prescinden do seu patrimonio ou pesan sobre os familiares. Unha praza de financiamento público é na Galicia que goberna hai 8 anos, unha misión imposible.

¿Novas prazas residenciais até 2020? Veremos, pero aínda cumprindo, serán insuficientes. Galicia non resiste a comparación con outras CCAA: con menos maiores, CeL ten o duplo de prazas residenciais e mais do duplo con financiamento público. En Galicia só temos dificultades duplicadas. Hai unha intensa demanda acumulada por anos de inacción do seu goberno. Prometeu vostede en 2012 2.500 prazas públicas, pero non cumpriu. Precísanse 3.750 prazas de residencias de financiamento público para igualar a media española actual.

Abra as residencias públicas xa construídas, desbloquee os convenios con outras administracións, impulse un programa ambicioso de construción de novas residencias autonómicas duplicando as prometidas. Entrar nunha residencia pública deixaría de ser unha misión imposible.

Hai moitos maiores que non poden afrontar os custes dunha residencia privada coa súa pensión. Vostede está aplicando un imposto non declarado aos maiores . Está condenando aos maiores con menos recursos aos efectos da necesidade e da incerteza; está condenando ás súas familias a suplir a inacción da Xunta de Galicia. Son un goberno sen proxecto e sen alma.

SERVIZOS PÚBLICOS BÁSICOS

Educación
O sistema educativo galego está mellorando, certo, pero aínda está lonxe dos punteiros. Non somos Finlandia, tampouco aquí. Mellora porque o fai o capital escolar das familias, porque a crise demográfica leva menos nenos ás aulas, porque o paro xuvenil desalenta o abandono. ¿Progresa polas políticas da Consellería de Educación?
A Consellería é cómplice da permanente improvisación no acceso á universidade do alumnado do bacharelato e que, desgraciadamente, leva o mesmo camiño este curso. Rexeitaron todas, ¡todas! as iniciativas do noso Grupo encamiñadas a eliminar esa improvisación.

O plurilingüísmo, a grande bandeira do Sr. Feijoo, é, de novo , unha grande estratexia de publicidade sen resultados avaliables. Despois de tantos anuncios, ¿mellorou a competencia en linguas estranxeiras do noso alumnado? Non se ten feito nin unha soa avaliación para comprobar os resultados. Repito, nin unha soia avaliación. Coas súas políticas levamos camiño de non mellorar suficientemente no inglés e de desandar o camiño no galego, sr. Feijóo.

A Formación Profesional Dual ten unha presencia residual, con 18 ciclos formativos ofertados para este curso 2017/2018 nos que, por certo, existen vacantes en todos. Por non falar da oferta de formación profesional en xeral, na que tamén rexeitaron a nosa proposta para adecuala ao tecido produtivo. O elevado desemprego xuvenil indica o seu fracaso en resultados.

O fracaso da introdución dos libros dixitais é clamoroso, tanto na resposta dos centros como na implementación do programa Edixgal, con alumnos que non dispoñerán dos materiais necesarios ata preto do Nadal.

Introduciron os concertos educativos por 6 anos nas etapas nas que non era obrigatorio concertar máis alá de catro, coa única finalidade de blindar os concertos, incluso nos centros que segregan por sexo.

Practican a ausencia de diálogo coa comunidade educativa; basta lembrar a xestión do peche de centros no remate do pasado curso, as continuas queixas dos representantes do profesorado pola falta de información, e a negativa ao debate, nas canles previstas para a participación dos docentes.

E ao anterior pode engadirse unha propaganda cada vez máis impúdica, con mentiras clamorosas como o anuncio recente de remate de obras de mellora que nin sequera están iniciadas.

Bolsas universitarias de excelencia? Non queremos bolsas-premio. Queremos bolsas que atendan aos alumnos con menos recursos e que cumpren para aumentar a igualdade de oportunidades.

Sanidade
Na sanidade temos un sistema de primeiro nivel grazas aos profesionais pero que se está deteriorando por culpa da súa xestión. E non resistimos a análise comparativa. O sistema sanitario de Galicia é o terceiro peor valorado pola cidadanía dentro dos sistemas de saúde de todas as CCAA España. As consecuencias dunha década de axuste son dramáticas, sobre todo para os cadros de persoal. Centrarse no axuste impediu ademais afrontar unha planificación adecuada aos obxectivos de achegamento do sistema ao cidadán e adecuación de servizos ás necesidades reais.
A valoración máis crítica e os problemas fundamentais están na atención hospitalaria. As listas de agarda reais, non as publicadas, aumentan. A derivación de pacientes á privada é norma. O baile de entradas e saídas nas listas é unha xestión orientada á publicidade pero que complica a vida á cidadanía. E isto val para os pacientes prioritarios ou non. Aínda non cumpriron coa hemodinámica en Lugo e Ourense.

Obviamente, precísase máis persoal, perdido polas taxas de reposición nulas ou baixas. Galicia ten a maior baixada interanual dende 2012 na ratio de persoal sanitario/habitante (Fundación Gaspar Casal). E precísase combater a alta temporalidade e a precariedade crecente do persoal sanitario, que afecta á calidade da atención. Con sentenzas europeas que condenan ao SERGAS por ter traballadores concatenando contratos temporais para ocupar postos estruturais. As partidas orzamentadas ocultan o investimento en persoal inestable e temporal.

O incumprimento das listas de espera habilita, no marco legal aprobado por vostedes, a desviar á concertada. 208 millóns de euros en 2015, aparte POVISA (Consello de Contas). Non hai solucións, e o problema das listas de espera non evidencia mellora. Deterioro da sanidade pública, felicidade para a privada.

É imprescindible ampliar a convocatoria de prazas ao longo dos vindeiros anos e axilizar ao máximo as que están previstas. Xusto o contrario da súa xestión, que peca de falla de ambición, alonga prazos conscientemente e mantén así unha precariedade crecente pero funcional.

Os déficit de persoal están tamén afectando á atención primaria, con atrasos e listas de agarda. Faltan pediatras e non vai ser fácil captalos. ¡En Carballo, 1 para 1600 nenos! Os atrasos intencionados na construción de novos centros de saúde ou arranxos nos existentes contribúe ao deterioro.

O anteproxecto de Reforma da Lei de Saúde de 2008 evidencia unha inadecuada planificación. Pérdense servizos nos hospitais comarcais, afástanse os servizos de saúde da cidadanía. Despois das EOXI pretenden afondar no sistema, que afecta á poboación de Galicia que vive máis lonxe dos centros urbanos. Os hospitais periféricos e as xerencias de atención primaria asociadas perden capacidade de decisión. A intensa mobilización social indica o rexeitamento desta concepción recentralizadora dos servizos sanitarios. Implantar nos hospitais comarcais as especialidades de maior demanda é posible. Retiren o anteproxecto e sentémonos a dialogar.

III. AUSENCIA DE PROXECTO (ÁMBITO EXTERNO)

III.1 A DEFENSA DOS INTERESES DE GALICIA
Sr. Núñez Feijóo, despois dun ano de lexislatura xa sabemos que vostede non está en condicións de defender con contundencia os intereses de Galicia fronte ás políticas recentralizadoras e oportunistas do sr. Rajoy. Porque choca cos seus proxectos de futuro, coa lealdade partidaria, coa súa posición no PP. A súa coalición non é con Galicia. E con Rajoy e coa súa propia ambición.
Non pelexou contra os recortes nos orzamentos xerais do Estado para 2017. Perdemos en investimentos 440 millóns de euros, despois de que o goberno amigo deixara de executar 2.200 millóns desde 2012. ¿Que fixo para evitalo? Nada.
Non pelexou contra os atrasos no AVE. Acumulamos desde 2012 4 anos de atrasos. Non poderemos chegar da Galicia Atlántica a Madrid en 2h 35´ ate 2022 cando menos. A conexión da liña de alta velocidade coa Meseta significa iso xustamente. ¿E que pasa coas Estacións Intermodais, singularmente a de Ourense? ¿Co tramo Taboadela-Ourense?

E non me diga que non hai fondos. Si os houbo para o pacto co PNV, ao que non se opuxo. Ademais do compromiso de conexión do porto de Bilbao ao corredor europeo. ¿Que fixo para conseguir un trato igual para Galicia? ¿Que fixo para conectar a Plisan ao porto de Vigo e á liña Monforte-Venta de Baños? Nada.

E por fin, as autovías. Todas elas paralizadas con atrasos moi considerábeis. O gran impulso ás infraestruturas de Galicia foi feito polos últimos gobernos socialistas. Desde aquela: recortes, escusas e atrasos. Convoquemos aos restantes grupos a unha Comisión Especial deste Parlamento que defina actuacións, prazos e orzamentos para as infraestruturas de Galicia, fixando unha data de 2 meses para o remate dos seus traballos.

Por último, ¿que fixo para levantar o veto do goberno á transferencia da AP-9? Nada. Aprobamos a segunda proposición de lei no Parlamento de Galicia, tamén co seu voto. E o goberno do seu compañeiro de partido, o sr. Rajoy, veta con premeditación, aleivosía e reiteración, con falsidades, esta iniciativa.

Un desprezo ao Parlamento de Galicia. Ten que escoller entre o enfrontamento co sr. Rajoy…ou parecer cómplice. Vostede propón a pasividade. Nós dicímoslle que pode convocar a Comisión Mixta de Transferencias para un último intento.

III.2 A NOSA POSICIÓN NA CUESTIÓN TERRITORIAL
Temos que abordar urxentemente a reforma do modelo territorial. Desbordan as augas en Cataluña: o goberno do sr. Rajoy optou polo tancredismo e a aplicación a golpes da lei. Non estamos, afortunadamente en 1934. Non hai ruído de sables nin violencia no horizonte. Pero daquela non había, como hoxe, unha mobilización popular persistente.

É o tempo da política, non do silencio e a policía contra a xente. É o tempo do dialogo transaccional. E neste tempo, ¿como facemos avanzar os intereses e a posición de Galicia? A súa falla de proxecto é clamorosa, sr. Feijóo, tamén neste punto. En materia de financiamento autonómico foi este grupo, con dúas iniciativas, o que permitiu marcar unha posición común. Pero vaiamos ao fundamental.

Hai tres posición básicas para a reforma do modelo territorial.

A posición de ruptura, ben sexa pola vía da independencia ou soberanista. Non é a nosa aposta.
A posición de regresión autonómica, que considera ao modelo autonómico ineficiente e despilfarrador, e unha vía de tránsito á disgregación de España. É un erro imposible.

Nós apostamos pola modernización do modelo autonómico nun sentido federal. Xa sei que vostedes son sempre unha forza conservadora. Levoulles tempo pasar da crítica ao Título VIII a defendelo. E hoxe precisan pasar da mera defensa a aceptar unha discusión aberta sobre os cambios necesarios. Porque a CE 78 non ten instrucións para facer funcionar este modelo. Porque está esgotado o impulso das transferencias. Porque hai novas realidades, desde a integración europea ao mundo dixital. Porque hai disfuncións que arranxar e realidades que aceptar. Por iso é preciso abrirse á reforma constitucional e, en Galicia, á reforma estatutaria.

Nin ruptura nin retroceso. Política, reforma, diálogo. No marco da reforma constitucional, no Congreso dos Deputados. Que votemos en referendo legal todos e todas. En Galicia, en Cataluña, no resto de España. Non chega coa lei. Precisamos acordos. Que permitan convencer á maioría da opinión pública catalá e española, incluída a galega, para seguir xuntos. O inmobilismo e a mera represión fabrican independentistas.

Nós partimos de dúas constatacións. A primeira, que existen diversos niveis de preferencias polo autogoberno. Hai un desaxuste entre a homoxeneización de competencias (o café para todos) e esa heteroxeneidade. Cando a CE 78 distinguía entre nacionalidades e rexións reflectía esa realidade. Hoxe a nova xeración de Estatutos (na que Galicia non participou porque vostedes se opuxeron) desdibuxou esa distinción. Pero si é unha das claves do deseño futuro, Galicia non debe quedarse atrás.

A segunda constatación é que a preferencia polo igualdade é moi marcada en España. Os agravios comparativos son un resorte mobilizador de sentimentos e acción. Tender á igualdade axuda ao equilibrio.

É urxente abrir o diálogo transaccional. Este ten que ser o método. Non estamos na España de 1934. Hai unha realidade do autogoberno moito máis completa e dilatada no tempo. Hoxe temos unha posición rupturista das institucións catalás acompañada dunha mobilización de masas. O camiño a un futuro de convivencia non pasa pola insubmisión nin pola represión. Pasa polo convencemento e a asunción democrática. Polo acordo e o voto.

Pero neste espazo de diálogo transaccional os actores non poden ser só Cataluña e a AXE. Galicia ten que estar presente. Porque hai riscos a conxurar e oportunidades a aproveitar. Abramos no Parlamento galego a Comisión de Reforma do Estatuto, para consensuar de entrada unhas bases orientadoras da reforma. Falemos do simbólico, das competencias e do financiamento.

• FINAL

Remato xa.
Sr. Feijóo, os socialistas cremos que a cidadanía de Galicia precisa hoxe outras políticas. Precisa un proxecto: centrado no crecemento económico sostible; na creación de emprego estable e de calidade; cunha política económica ambiciosa e unha política industrial digna; con redución das desigualdades sociais; de reconstrución dos servizos básicos; de impulso da transparencia, a calidade dos medios públicos, de combate decidido contra a desigualdade de xénero e territorial. De integración da mocidade.

Un proxecto que defenda os nosos intereses fronte ao goberno do sr. Rajoy. Que encaixe a Galicia na España plural e solidaria para facela máis forte e autónoma. Que contribúa a reformar o modelo territorial, desde o diálogo, para que poidamos gañar todos xuntos o futuro.

Non perdamos mais tempo.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar