Dimisión da conselleira do Medio Rural

Dimisión da conselleira do Medio Rural

Dimisión da conselleira do Medio Rural

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamou hoxe a dimisión “en bloque” da responsable do Medio Rural e do director xeral de Ordenación Forestal da Xunta de Galicia. Así o dixo logo de criticar a xestión dos lumes por parte do goberno galego, centrada en sinalar que “todo funcionou correctamente” e apuntar ao “terrorismo incendiario”.

Instou a Feijóo a seguir o camiño marcado polo veciño Portugal, onde vén de dimitir a ministra de Interior, e onde foi convocada dende o primeiro momento unha Comisión técnica dependente do Lexislativo. Reclamou así que a conselleira asuma a súa responsabilidade política, e engadiu que para “cambiar a política forestal” cumpre remover a quen leva “20 anos de gobernos do PP” á fronte de Ordenación Forestal.

Fernández Leiceaga apuntou que “cando os responsables públicos non están á altura o que fan é cesar”, e reclamou que sexan outros responsables diferentes os que se encarguen de planificar e executar unha ordenación sustentable do monte e afinar nas medidas de prevención.

Reclamou de novo a presenza do presidente da Xunta diante da Cámara autonómica con celeridade, lamentando que queira deixar a súa comparecencia para o Pleno dos días 7 e 8 de novembro, demasiado tempo despois dos lumes e “no medio do debate orzamentario”. Criticou a estratexia do goberno galego, centrada nunha “campaña de comunicación sen demasiada lóxica que pasa por obviar ao Parlamento de Galicia”.

O responsable socialista criticou a estratexia do goberno galego, centrada en sinalar en primeiro lugar que “todo funcionou de maneira perfecta, o dispositivo estaba plenamente operativo e o 112 non necesitaba máis recursos”. Rexeitou este principio porque “se isto é así, o presidente da Xunta terá que explicar que vai facer para evitar que isto se repita, e que en circunstancias semellantes, teñan lugar efectos diferentes”.

Sinalou que “despois nos vamos enterando de que o dispositivo non estaba perfecto, que os operativos de Seaga, que remataran os contratos días antes e foran chamados de novo, non estaban operativos”. Ao mesmo tempo, sinala, o alcalde de As Neves asegura que o coordinador de emerxencias non se presentou “nunca”, e coñecemos “empresarios que tiveron que chamar ata 6 veces ao 112 para que os atenderan”.

Concluíu que “nin o dispositivo estaba tan engraxado, nin era tan perfecto por parte da Xunta”, que sen embargo insiste en responsabilizar a un “suposto terrorismo incendiario”, que suxire a existencia de “organizacións e tramas dirixidas a queimar o monte”. Neste caso é o propio fiscal delegado de medio ambiente, Álvaro García – Ortiz, quen desminte a versión da Xunta, a última vez esta mesma mañá nos medios de comunicación.

Orzamentos

Neste contexto, dixo Leiceaga, o goberno galego reduce un 10 por cento os créditos previstos no orzamento de Medio Rural, o que supón algo máis de 30 millóns de euros “mentres nos anuncia a todos que esta vai ser a Lexislatura do rural”.

Acusouno ademais de agochar reducións orzamentaria nun documento no que “falla transparencia”. Puxo como exemplo neste sentido o incremento de 80 millóns de euros no capítulo de Persoal, exactamente a mesma contía que Facenda designa para reserva de crédito “que non se vai utilizar”.

Criticou que Feijóo “pinta cifras no documento que anuncia que non van ser utilizadas”, tal e como sucede co anuncio dun esforzo para contrastar persoal na sanidade e reducir a precariedade “cando hai exactamente o mesmo orzamento que o ano anterior”.

O portavoz socialista recuperou hoxe as críticas contra o orzamento do goberno galego, falto de ambición e que “demostra a ausencia de proxecto para o país, carente dun deseño de consistente para recuperar os servizos públicos básicos ou dun plan de modernización económica minimamente eficaz”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar