Diminúen as denuncias e ordes de protección por violencia de xénero mentres se duplican as vítimas mortais en Galicia

Diminúen as denuncias e ordes de protección por violencia de xénero mentres se duplican as vítimas mortais en Galicia

Diminúen as denuncias e ordes de protección por violencia de xénero mentres se duplican as vítimas mortais en Galicia

A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Carmen Acuña, criticou o “fracaso” das actuacións da Xunta contra a violencia de xénero no ano 2014, no que se duplicaron as vítimas mortais, pasando de 3 a 6, ao tempo que se reducen as denuncias e as ordes de protección e aumentan as renuncias.

Acuña criticou o “triunfalismo” do goberno na comparecencia da secretaria xeral de Igualdade para dar conta do informe anual de 2014 sobre a situación da violencia de xénero, un ano no que, ademais das 6 falecidas, sumou o falecemento dunha vítima en Cervo e o ataque a unha muller en Chantada, á que o maltratador “non a matou pero a deixou impedida”.

Advertiu que a redución no número de denuncias, que pasaron de 3.931 en 2013 a 3.893 en 2014, da a medida do fracaso do goberno galego, así como o incremento das renuncias das supostas vítimas, que aumentaron dende as 254 en 2013 ás 328 en 2014. Ademais, foron denegadas o 36 por cento das ordes de protección solicitadas polas vítimas.

Acusou ademais ao goberno galego de “facer negocio” coas axudas económicas para as vítimas, xa que tan só 408 das 3.893 denuncias obtiveron este apoio. Explicou que as solicitantes que obteñen a axuda reciben en primeiro lugar a Renda Activa de Inserción –RAI-, de 470 euros, mentres agardan polo “salario da liberdade”, de 645 euros, pero cando o obteñen atópanse con que o goberno desconta cada mes 200 euros da RAI.

Ao mesmo tempo, tan só 204 das 3.893 denunciantes puideron acceder ao programa de axuda para vivenda, só 430 derivaron en asuntos xudiciais nos que tiveron axuda letrada e as beneficiarias dos programas de inserción laboral pasaron de 56 a tan só 11 en 2014. Acuña advertiu que tódolos indicadores do apoio do goberno galego ás vítimas teñen empeorado, mentres o Consello Galego das Mulleres e o Observatorio galego de Violencia permanecen inactivos.

A deputada socialista reclamoulle ao goberno galego que lle reclame ao grupo de traballo sobre a “Voz das Vítimas”, constituído precisamente dentro do Observatorio, a súa valoración sobre o caso de acoso sexual denunciado no Club Feminino de Fútbol Sala Leis 26 de Pontevedra contra o seu presidente, que “continúa no seu cargo”, mentres as vítimas son “expulsadas do equipo, sinaladas e represaliadas”.

Censurou que mentres a secretaria de Igualdade elude tomar cartas no asunto, o presidente da Deputación e tamén da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, “asegura que non ten competencias mentres si que as ten para ofrecer mitins políticos dende a Igrexa de Bamio –Vilagarcía-.

Finalmente, denunciou a falla de interese do goberno diante destes casos, como evidencia que o propio Delegado do Goberno eludira responder á chamada desta deputada para denunciar un caso de violencia de xénero cunha menor en perigo.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar