Despropósito da Xunta ao utilizar a Lei de Acompañamento para modificar 19 normas "en fraude de Lei"

Despropósito da Xunta ao utilizar a Lei de Acompañamento para modificar 19 normas "en fraude de Lei"

Despropósito da Xunta ao utilizar a Lei de Acompañamento para modificar 19 normas "en fraude de Lei"

Grupo SocialistaO portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos González Santín, cualificou de “despropósito total e absoluto” a Lei de Acompañamento aos Orzamentos, pola que a Xunta modifica unilateralmente, sen debate e dunha soa vez un total de 19 leis diferentes. O responsable socialista lembra que o uso deste recurso está considerado “en fraude de Lei” pola doutrina constitucional.

O responsable socialista acusou ao goberno galego de recuperar este trámite, que fora erradicado polo goberno socialista de Touriño, para eludir o debate parlamentario dun conxunto de modificacións legais e salvar ademais as restricións á Lei de Orzamentos, que non pode crear novos tributos. Explicou que esta norma resulta “demasiado heteroxénea” e “adoece do rigor necesario na elaboración dunha Lei”.

Puxo como exemplo que o goberno galego utilice a Lei de Acompañamento para alterar unilateralmente e por Lei as condicións da concesión da Autopista da Costa da Morte. Esta práctica, dixo, resulta contraria á Lei de Contratos, que obriga a convocar un novo concurso, para beneficiar á concesionaria, Copasa, fronte ao resto das empresas que concorreron ao concurso e agora non poden reclamar.

González Santín lembrou que o PP fixo caso omiso mesmo da emenda técnica presentada polos propios letrados do Parlamento, a instancias do PSdeG, alertando da inconstitucionalidade do texto e ofrecendo un texto alternativo.

Explicou que a infraestrutura, que orixinalmente fora proxectada para construír 60 quilómetros por 540 millóns de euros -9 millóns por quilómetro- finalmente será reducida a 27 quilómetros cun custe de 617 millóns de euros –a un custe de 22,8 millóns de euros por quilómetro-.

Transacción

O portavoz de Facenda do Grupo Socialista advertiu que o PP tivo que utilizar unha emenda socialista para acadar unha transacción que resolvera unha das súas eivas no texto orixinal e permitirlle ao goberno galego aplicar bonificacións de ata o 60 por cento nas tarifas portuarias aos tráficos pesqueiros estratéxicos para Galicia.

Explicou que o PP tivo que facer o mesmo en Comisión parlamentaria, acadar unha transacción cos socialistas, para salvar a “desfeita” deste texto, que reducía o descanso ao persoal do servizo de extinción de incendios de 2 días a 1 e medio durante todo o ano. Dixo que os socialistas “somos contrarios a esta medida”, si ben “tivemos que aceptar un acordo menos malo” para manter o descanso de dous días en temporada de risco de lumes.

A lei aprobada hoxe incluíu ademais as 6 emendas socialistas aprobadas en Comisión, entre as que figura duplicar a dedución por fillo no caso de que este teña recoñecido un grao de minusvalía igual ou superior ao 33 por cento.

Tamén foi aprobado aumentar un 25 por cento o tipo impositivo aplicado á minería, si ben os socialistas reclamaran que se aplicara un canon de ata un 1,5 por cento sobre os ingresos das empresas, tal e como o goberno anunciara o pasado 27 de outubro.

Maremágnum

O responsable socialista criticou que o goberno utilice esta norma para aprobar un “maremágnum de medidas administrativas” que “merecerían unha Lei propia” co que “en lugar de ter un só debate para 20 leis, debéramos ter 20 debates separados”.

Así, advertiu que entre outras cousas a Xunta modifica o réxime de casinos, actualmente limitado a un en Pontevedra e A Coruña, para permitir que as empresas que xa dispoñen destas instalacións poidan abrir outro casino sen concurso público. Tamén regula as vivendas turísticas “sen contar co sector”, cando se trata dunha actividade que afecta a “moitos cidadáns que alugan unha vivenda para poucos meses nas vacacións”.

Ademais, modifica a Lei do Chan en pleno debate dunha nova norma para incluír a esixencia de 6 novos informes aos concellos afectados, ou regula as Cámaras de Comercio abrindo a porta á desaparición dalgúns destes entes absorbidos polas Cámaras mais fortes.

González Santín advertiu que a norma deixa sen embargo de lado a modificación do canon de Sogama, que no mesmo trámite do ano pasado era aumentado nun 35 por cento. Reclamoulle ao goberno galego que suprima este canon e “de non ser así, cando menos que figure a rebaixa do 10 por cento prometida pola Xunta”.

Texto da transacción aprobada hoxe:

"Para potenciar a captación e a consolidación de tráficos pesqueiros en cada porto, Portos de Galicia poderá aplicar bonificacións singulares sobre a contía desta tarifa a aqueles tráficos pesqueiros que sexan sensibles para a economía de Galicia que teñan a condición de prioritarios ou estratéxicos, de forma que poidan articularse accións comerciais axeitadas a determinados tipos de tráficos e operacións en colaboración co sector privado e a súa adaptación a condicións de mercado.

Só Terán dereito a estas bonificacións os suxeitos pasivos con compromisos de tráficos relevantes pesqueiros aprobados no conrrespondente convenio con Portos de Galicia.

Os parámetros de cuantificación en relación co suxeito pasivo serán:

a) O tipo de tráfico comprometido.
b) O volumen de tráfico comprometido e a súa evolución anual medido en toneladas de pesca fresca e facturación da primeira venda efectuada.
c) A duración do convenio.

A máxima bonificación que se poderá acadar sobre a contía da tarifa será do 60%”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar