Desleixo, inoperatividade e ineficiencia de Feijóo co transporte público por estrada

Desleixo, inoperatividade e ineficiencia de Feijóo co transporte público por estrada

Desleixo, inoperatividade e ineficiencia de Feijóo co transporte público por estrada

A viceportavoz do Grupo Socialista, Carmen Gallego, anunciou que a sesión de control do próximo Pleno do Parlamento centrarase no “desleixo, inoperatividade e ineficiencia” demostrada por Feijóo na xestión do transporte público por estrada de Galicia. Así o dixo logo da reunión da Xunta de Portavoces na que foi acordada a orde do día do Pleno da próxima semana.

A responsable socialista lembrou a sentenza do Tribunal Supremo que anula o 98 por cento das prórrogas ás concesións de transporte por estrada asinadas por Feijóo por ir en contra da normativa europea que impide concesións de servizos públicos por máis de dez anos. Gallego ironizou sobre “unha mostra máis da eficacia na xestión de Feijóo”, quen, dixo, “está a botar por terra as aspiracións de moitos sectores económicos de Galicia”.

Gallego criticou o novo veto do PP á comparecencia de Feijóo para dar conta do fracaso da súa política laboral. Lembrou que no que vai de lexislatura o presidente da Xunta rexeitou tódalas comparecencias solicitadas polos socialistas galegos para dar conta da redución persoas ocupadas, o incremento de parados e paradas e a alarmante precarización do mercado laboral galego.

Abortos euxenéticos

Tamén vetaron a comparecencia do conselleiro de Sanidade para dar conta do incumprimento da Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo na sanidade pública de Galicia, coñecido a raíz das denuncias do “trato denigrante” aos abortos euxenéticos no Hospital de A Coruña.

Os socialistas galegos presentarán sen embargo unha proposición non de Lei para garantir a atención integral e de calidade a todas as mulleres que teñan que interromper o seu embarazo. No mesmo apartado de sanidade, o Grupo Socialista presentará tamén unha proposición non de Lei para reclamar o rescate da concesión do Hospital privado de Vigo e devolvelo ás condicións orixinais de número de camas e servizos.

Gallego sinalou que o próximo Pleno incluirá unha interpelación socialista para que o conselleiro de Presidencia dea conta do incumprimento da Lei de Igualdade de Trato e non Discriminación de LGTBI. Cualificou a aprobación desta Lei de “operación estética e cosmética” do goberno galego, por canto “logo de ser votada decidiu gardar a Lei no armario”.

Fusión

O próximo Pleno tamén incluirá unha interpelación do Grupo Socialista sobre a fusión dos concellos de Cerdedo e Cotobade, que comparou coa de Oza e Cesuras por canto “os dous procesos coincidiron no nivel de opacidade, improvisación, prevendas ridículas e fondo descontento coa poboación afectada.

No apartado de preguntas ao goberno, os socialistas reclamarán actuacións do goberno galego para evitar a desigualdade laboral das mulleres no medio rural, así como medidas para recuperar o carácter reeducativo do Centro Público Santo Anxo, de Rábade.

Declaración institucional

Diante da proposta de algún grupo parlamentario para arriar as bandeiras da UE como forma de protesta contra o acordo da Comisión Europea para o trato de refuxiados, a viceportavoz socialista propuxo acordar unha declaración institucional en contra dunha decisión política que “vai contra os dereitos fundamentais e contra os dereitos humanos, impedindo o asilo a milleiros de refuxiados que están a fuxir dunha guerra”.

Gallego reclamou “non confundir as institucións co que son os seus gobernos”, e subliñou o seu desacordo con esta política migratoria, o que “non quere dicir que esteamos en contra dunha Unión Europea como espazo de paz e liberdade”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar