Desleixo inaceptable cara ao ensino público, a cultura e a lingua nos orzamentos da Xunta para 2018

Desleixo inaceptable cara ao ensino público, a cultura e a lingua nos orzamentos da Xunta para 2018

Desleixo inaceptable cara ao ensino público, a cultura e a lingua nos orzamentos da Xunta para 2018

O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, cualificou hoxe de “continuístas nos seus erros” os orzamentos da Consellería de Educación para 2018. Na comparecencia do conselleiro na Comisión de Orzamentos, sinalou que estas contas demostran un “desleixo inaceptable” sobre o ensino público e a cultura de Galicia.

Sinalou que o proxecto “contempla idéntica cantidade de docentes” no ensino obrigatorio, desmentindo os anuncios de reforzo do persoal e negando a recuperación das condicións de traballo dos docentes, así como a implantación de novas ensinanzas en ningunha das etapas. Ademais, consigna “cantidades ínfimas a programas que son cruciais”, como o caso da FP dual e os programas de emprendemento.

Ao mesmo tempo, os servizos e axudas complementarias revelan “un modelo baseado nas axudas en lugar dos dereitos, e sinalou que mentres prevé 3 millóns de euros para o programa de gratuidade solidaria de libros de texto, reserva case o dobre -5,5 millóns- para axudas á adquisición de libros e material escolar.

Advertiu que a partida reservada para reparacións, ampliacións e melloras de centros públicos limítase a 7,1 millóns de euros para toda a rede, o que resulta “manifestamente insuficiente, considerando o elevado número de edificios e a súa antigüidade”.

Universidade

Luis Álvarez explicou que os fondos destinados ás universidades “practicamente se conxelan”, co que “non ofrece ningunha solución aos seus problemas, entre eles un dos mais graves, a perda de profesorado e de persoal de administración e de servizos”. De novo, explicou, “incumpre o obxectivo de facer chegar o orzamento das universidades ao 1,5 por cento do PIB de Galicia”.

Criticou o escaso interese do goberno galego respecto dos fondos destinados a I+D, cun incremento “moi cativo, sobre todo tendo en conta que as universidades son os maiores axentes de investigación”. Advertiu a “baixa execución” orzamentaria nestas partidas, cando nos tres primeiros trimestres do ano só deron gastado o 8,4 por cento do programa de investigación universitaria.

Lingua e cultura

Finalmente, criticou o “desleixo inaceptable” con respecto á lingua e a cultura galegas, que son “as grandes esquecidas e marxinadas da acción política do PP”, mentres “non hai nada que faga pensar que a Consellería ten intención de impulsalas” tampouco no próximo ano.

Sinalou que os orzamentos neste apartado “perseveran no erro” ao reducir os orzamentos para cultura e lingua nun 50 e un 70 por cento respectivamente dende o ano 2010, malia un “pequeno incremento” para o próximo ano que “non resolve ningún problema”.

Explicou que os orzamentos de investimento real “practicamente se conxelan” mentres a Cidade da Cultura “segue a ser unha rémora para a nosa cultura” absorbendo case 10 veces máis que o dedicado a rehabilitación do patrimonio.

Mentres, dixo, continúan co “nulo apoio ás bibliotecas e á edición do libro en galego”, reducen as partidas para actividades culturais e de animación á lectura e abandonan aos centros de produción de cultura, como é o caso do Centro Dramático Galego ou o Centro Coreográfico, que ven as súas partidas conxeladas.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar