Desleixo, descontrol e incompetencia do goberno galego fronte ao lume forestal

Desleixo, descontrol e incompetencia do goberno galego fronte ao lume forestal

Desleixo, descontrol e incompetencia do goberno galego fronte ao lume forestal

O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, José Antonio Quiroga, criticou hoxe o “desleixo, descontrol e un nivel de incompetencia descomunal” na política forestal do goberno galego. Así o dixo na comparecencia da conselleira do Medio Rural no Pleno do Parlamento para dar conta da actuación do goberno galego fronte aos incendios desta fin de semana.

O responsable socialista criticou que o fracaso do goberno galego “tivo como consecuencia o desamparo da poboación, que quedou a mercé dos ventos que axudaron a pasear o lume por boa parte do país”. Criticou que a súa única explicación sexa “escudarse detrás dos incendiarios e do tan cacareado terrorismo medioambiental, dunha simpleza tal que non podemos aceptala como causa única”.

Quiroga criticou que o pasado día 30, coñecendo da perigosa situación meteorolóxica, o goberno galego dera por rematado o contrato de 436 fixos discontinuos nas brigadas de extinción “para logo volvelos a contratar o día 11 coa vaga de lumes en marcha. Igualmente, o 12 “botaron para a casa aos 500 brigadistas altamente cualificados de Seaga para volvelos reintegrar o 15 e 16.

Censurou que “tiveran presa en licenciar aos efectivos públicos, pero non tiveron a mesma presa cos efectivos das empresas privadas”, e esixiu tamén “unha explicación do apagón informativo da TVG ata a mesma noite do domingo, ou do colapso do 112”.

Acusou ao goberno galego de intentar agochar o seu “elevado nivel de incompetencia” detrás dos presuntos incendiarios, “nos que vostedes se escudan para non aceptar a realidade da situación, sembrando a dúbida sobre unha parte importante da poboación”.

Lembrou neste sentido o veto do PP a unha proposta socialista para incrementar os medios e dotación orzamentaria para controlar aos incendiarios, e o seguimento e axilización dos trámites xudiciais dos casos con culpables.

Cambio de modelo

O responsable socialista reclamou un “cambio na política forestal” do goberno galego para “ordenar as masas, especies forestais e usos do chan”, e advertiu que “non podemos seguir un Plan Forestal obsoleto e desbordado que propicia o descontrol das masas forestais e un usos do chan e que non responde ás necesidades do país”.

Reclamoulle ao goberno galego que abra o borrador do Plan Forestal, “estancado” actualmente na Xunta, á participación dos actores do sector e dos grupos parlamentarios, para permitir afrontar as “causas profundas, complexas e estruturais” que levan aos lumes forestais. Así, apuntou ao despoboamento ou ao abandono da actividade agraria como elementos fundamentais á hora de explicar os lumes forestais.

Advertiu que hoxe “págase por apagar e non por prever”, e acusounos de “tratar o problema do lume como un suculento negocio para determinadas empresas, mentres o rural esmorece entre o desleixo e grandes titulares de investimentos e accións que non son capaces de fixar poboación nin dinámica socioeconómica”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar