Desleixo da Xunta fronte ás prácticas ilegais das grandes cadeas coa carne de polo

Desleixo da Xunta fronte ás prácticas ilegais das grandes cadeas coa carne de polo

O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Pablo García, criticou hoxe o “absoluto desleixo” amosado pola Xunta de Galicia fronte ás “prácticas ilegais” das grandes cadeas, que venden a carne de polo por debaixo do custe para utilizalo como produto reclamo. O responsable socialista presentou unha pregunta na Comisión de Agricultura sobre esta práctica que “castiga con virulencia aos produtores”.

O responsable socialista censurou a “nula iniciativa política” do goberno galego que, logo de confirmar a existencia destas prácticas, “o único que pode ofrecer é que segue a estudar o problema”. Criticou a “falla de estratexia e de contacto” cos produtores dun sector que aglutina 722 granxas, o 14,33 por cento do Estado, e supoñen 940 traballos directos e mais de 3.000 indirectos.

García advertiu que malia que o nivel de consumo se ten mantido e os custes de produción incrementáronse nun 30 por cento, os prezos baixan ata o punto de facer inviables as explotacións derivados da estratexia das grandes cadeas.

Explicou que o custe de produción estimado ascende a 2,85 euros por quilogramo de media, mentres as distribuidoras, como Alcampo, Día, Eroski ou Hipercor vendían o polo hai escasos días entre 2,18 euros o quilo. Criticou que o goberno galego, coñecendo esta situación, continúe “analizando, estudando e recabando información” sen ter tomado ningunha decisión a favor dos produtores galegos.

Advertiu que malia que as grandes medidas “deben ser tomadas a nivel nacional”, explicou que “o problema é a falla de iniciativa política” dunha Comunidade Autónoma, como Galicia, que é das principais produtoras de carne de polo. Esta circunstancia non animou sen embargo á Xunta a “liderar e impulsar medidas a nivel estatal imprescindibles para salvar ao sector en Galicia”.

A Consellería, dixo, “agocha o seu absoluto desleixo en que está recabando datos, cando os datos do propio Ministerio manifestan claramente que o prezo en España e moi inferior ó resto de Europa, e que os prezos de venda ó consumidor están por debaixo dos de custos de produción, sen que se tome ningún tipo de medida por parte da Consellería”.

Plan de xestión territorial

Por outra parte, o portavoz de Agricultura do Grupo Socialista acusou hoxe ao PP e ao goberno galego de despilfarrar cada ano 100 millóns de euros do orzamento da Xunta para extinción de incendios “mesmo nos anos en que non temos lumes”. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei para impulsar un plan de xestión territorial que destine ese orzamento á prevención, e que foi rexeitada polo PP.

García lembrou que cada euro investido en prevención supón un aforro de 3 en extinción e de 1,5 en rexeneración de montes, e advertiu que fiar a estratexia da Xunta na extinción e nunha Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia –Metaga- que será “papel mollado” supón “tirar os cartos públicos”.

O responsable socialista sinalou que a Metaga “constitúe unha parte pequeniña do que debe ser unha estratexia de recuperación do territorio, pero sen nada mais quedará escrita no DOG, como a Lei de Mobilidade de Terras ou a Lei de Montes, pero non servirá para nada”.

Por este motivo reclamoulle ao goberno galego un Plan de xestión territorial integral e transversal que inclúa a mobilidade de terras agrarias para as explotacións agrícolas e gandeiras, un aproveitamento económico do uso do monte, medidas eficaces de prevención de incendios e a fixación de poboación no rural.

Explicou que “o mellor axente para xerar emprego, explotar e desenvolver o monte e loitar contra os limes é precisamente a xente que reside no rural” e chamou a Xunta e PP a poñer en marcha dunha vez medidas eficaces de fixación de poboación no rural a través de axudas ás explotacións que sen apoio resultan inviables.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar