Desleixo da Xunta diante da folga do transporte sanitario

Desleixo da Xunta diante da folga do transporte sanitario

Desleixo da Xunta diante da folga do transporte sanitario

A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Carmen Acuña, denunciou o “lamentable desleixo” da Xunta diante do anuncio de folga no transporte sanitario para a próxima semana. Acuña lamentou que o goberno galego “renuncie das súas obrigas” como mediador para a sinatura dun novo convenio colectivo no sector.

A responsable socialista advirte que a falla de acordo aboca ao transporte sanitario a un calendario de protestas que terá lugar entre o 12 e o 14 de decembro, datas nas que “os galegos veranse seriamente prexudicados” neste conflito do que a Xunta “trata de desentenderse” no que cualificou de “actitude lamentable”.

Aludiu así á ausencia deliberada do Sergas nunha xuntanza o pasado 5 de decembro á que se tiña comprometido a acudir como mediador entre as empresas e os traballadores para asinar un novo convenio colectivo. Lembra a importancia de que o goberno galego se implique para renovar “en tempo e forma” este convenio logo de que o anterior tivera caducado.

A portavoz de Sanidade pregúntalle ao goberno galego si esta “actitude pretende desestabilizar a situación deliberadamente” co obxecto de centralizar o servizo e poñelo a disposición de empresas foráneas, en contra do que o goberno galego ten comprometido na Cámara autonómica. Salientou así a “preocupación e desconcerto” tanto nos usuarios como nos profesionais do sector pola “falla de transparencia” do goberno galego.

Asfixia

Dixo que a Xunta ten provocado a asfixia económica das empresas concesionarias, a desconfianza dos traballadores, o deterioro do servizo para os usuarios, situando un novo sector económico “ameazado” mentres auguran a aplicación de copago para os usuarios. Advertiu que “a realidade está a constatar diariamente a supresión dos servizos para a cidadanía”.

A responsable socialista apuntou que os concertos entre a Consellería e as empresas que fan o transporte ordinario e programado en Galicia rematou en decembro de 2011 “pero dende entón estanse prorrogando sen saber qué vai pasar”. Dixo que esta situación “intranquiliza e moito ao sector que sospeita que se están cociñando grandes cambios”.

Lembrou a “nefasta xestión” da Xunta neste sector ao suprimir ambulancias medicalizadas comprometidas como a de Valdeorras, suprimiron transporte urxente en Marín, recortaron e suprimiron transporte ordinario de forma xeneralizada, suprimiron ambulancias nocturnas no rural, suprimiron os vehículos que atendían aos PACs, afogan ás empresas e recortan o persoal provocando un grave deterioro do servizo.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar