Deslealdade institucional da Xunta ao incumprir os acordos co Concello de Lugo para recuperar o cuartel de San Fernando

Deslealdade institucional da Xunta ao incumprir os acordos co Concello de Lugo para recuperar o cuartel de San Fernando

A deputada socialista Concepción Burgo denunciou hoxe a “deslealdade institucional” amosada polo goberno galego ao incumprir os acordos asinados co Concello de Lugo en 2010 para rehabilitar o Cuartel de San Fernando e construír nel o Museo da Romanización de Galicia. O PP rexeitou hoxe unha proposición non de Lei do PSdeG para cumprir con este compromiso.

A deputada socialista criticou os “incumprimentos continuos, falla de compromiso de Feijóo e falla de seriedade” para responder das súas promesas coa cidade. O Cuartel, declarado BIC pola Xunta en 2009, foi adquirido polo Concello para cedérllelo a continuación ao goberno galego, tal e como apuntaba o convenio entre as dúas institucións do que Feijóo agora non quere saber nada.

Lamentou que o propio candidato do PP á alcaldía de Lugo, Jaime Castiñeira, pasara de urxir ao Concello a adquirir o inmoble e cedérllelo á Xunta en 2010 a votar hoxe en contra da súa rehabilitación e da construción do Museo da Romanización mentres critica que o Concello teña a iniciativa de comezar coas obras de reparación do edificio.

Advertiu que o goberno galego non quere facerse cargo do inmoble “por unha decisión política do conselleiro de Cultura”, que mesmo incumpre o compromiso acadado en novembro de 2014 para asumir a metade dos 181.000 euros que custan as obras de consolidación para evitar o derrubo do inmoble.

Burgo explicou que a situación do cuartel é unha mostra mais do castigo do goberno galego á cidade e a toda a provincia de Lugo a través dos reiterados incumprimentos dos seus compromisos.

Lembrou o incumprimento da implantación de hemodinámica 24 horas no Hula, da implantación dos servizos sanitarios no Barrio da Residencia, a rehabilitación do emblemático barrio da Tinería ou a construción da Rolda Este para conectar o hospital coa cidade.

Proposta

O PP negouse hoxe a “establecer un convenio co Concello de Lugo no que se fixen as obrigas no mantemento do cuartel de San Fernando e as cantidades que cada institución aportará anualmente, e que no caso da Xunta non serán inferiores ao 50 por cento do investimento necesario”.

A proposta inclúe a “obriga firme da Xunta de Galicia de construír o Museo da Romanización de Galicia no cuartel de San Fernando de Lugo e o cronograma exacto de actuacións a levar a cabo para poñelo en marcha”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar