Desinterese nas políticas de medio ambiente e territorio

Desinterese nas políticas de medio ambiente e territorio

Desinterese nas políticas de medio ambiente e territorio

A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, dixo hoxe que os orzamentos da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio son “a mellor mostra do desinterese” que ten o goberno galego por estes dous apartados. Na comparecencia da conselleira en Comisión para dar conta dos orzamentos do próximo ano, sinalou que é o departamento que menos crece do goberno galego.

A Consellería contará con 112 millóns de euros máis que o pasado ano e aínda 170 millóns menos que no ano 2009, co que a súa acción política “queda adiada ata que cambien as prioridades o PP”, cristalizando en “moitos plans e informes e poucas accións e realidades”. Sinala que os orzamentos “non están adaptados á evolución medioambiental do país nin á realidade do noso territorio”.

Unhas contas netamente “continuístas” cos anos anteriores que chega a copiar parágrafos enteiros dos orzamentos previos e polo tanto “unha oportunidade perdida para Galicia”. Así, valora por exemplo os “anuncios” dunha nova Lei de Protección e Benestar Animal, unha Lei de Patrimonio Natural de Galicia ou o decreto para a creación da Rede Galega de Reservas da Biosfera, “tres proxectos de papel – cartón porque carecen de orzamentos nin previsións”, e puxo o exemplo dos escasos 150.000 euros para protección animal.

O mesmo sucede cos acuíferos galegos, cun goberno que descansa o financiamento de Augas de Galicia “nos petos dos cidadáns” baixando o seu orzamento de 99 a 57 millóns de euros pero “iso si, mantendo o canon da auga e o coeficiente de vertedura”.

Augura ademais que o próximo ano continuarán as sancións da UE contra o saneamento das rías, xa que non está previsto rematar a mellora e depuración da Ría de Arousa, a Edar de Praceres e o saneamento da ría de Pontevedra, e esquece “puntos negros” como as rías de O Burgo e Ferrol, que prevén investimentos irrisorios.

Os socialistas galegos critican ademais que o goberno galego, lonxe de cambiar o modelo de xestión de Sogama e impulsar un verdadeiro sistema de reciclaxe, reutilización e redución de residuos, manteña un sistema de incineración de lixo financiado a través dun canon imposto aos concellos galegos, a pesares do cal continúan sen prever a construción da nova planta de compostaxe en Cerceda.

Vilán advertiu fronte ao caso omiso que lle fai o goberno galego á Memoria publicada pola propia entidade, que alerta da insuficiente información sobre a xeración e recollida de residuos, a elevada porcentaxe de impropios na recollida selectiva, os problemas que supón a elevada dispersión territorial, que fai necesario ampliar a xestión in situ.

Ordenación do territorio

A parlamentaria socialista criticou ademais a falla dunha verdadeira política de ordenación do territorio por parte do goberno galego, cun orzamento insuficiente para a xestión do planeamento urbanístico dende o Instituto de Estudos do Territorio, así como para a creación dos plans básicos, que continúan recibindo apenas 250.000 euros.

Lembra o fracaso na xestión do urbanismo que supuxo o pasado ano, no que deixaron sen executar 42 millóns de euros, aos que suma 50 millóns de recortes por modificacións presupostarias, case 90 millóns de euros que explican “o desinterese do goberno galego a política de apoio ao territorio”.

Patricia Vilán puxo o acento finalmente na ausencia de vivenda de protección oficial para o próximo ano, que “nin se prevé nin se facilita”, co que “fica a nivel anecdótico”. Engadiu a situación de entidades coa Axencia de Protección da Lexislación Urbanística –APLU-, mantén un orzamento de 5,4 millóns de euros, dos que 3 corresponden só a persoal, unhas carencias que fan “imposible impulsar e mellorar o papel de vixilancia”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar