Desenvolvemento da Lei LGTBI

Desenvolvemento da Lei LGTBI

Desenvolvemento da Lei LGTBI

A viceportavoz do Grupo Socialista, Carmen Gallego, esíxelle ao goberno galego que comece o desenvolvemento da Lei de Igualdade de Trato e non Discriminación de LGTBI. A deputada socialista acusa ao Executivo autonómico de ter “metida no armario” unha lei aprobada sen votos en contra hai xa dous anos.

Gallego presentará unha moción no Pleno do Parlamento que comeza mañá na que insta ao Executivo autonómico a convocar ás organizacións LGTBI galegas xunto coas demais administracións para poñer en marcha a norma. Urxe así a aprobación dun protocolo sanitario e educativo, así como a incorporación de persoal formado especificamente na realidade LGTBI aos centros de información, atención, orientación e asesoramento.

A deputada socialista acusou ao goberno galego de ter encetado “cero actuacións” para cumprir coas obrigas e medidas que inclúe a norma, que aprobaron, dixo, “porque esteticamente quedaba ben, pero aí quedou todo”. Sinala que “non só non asumiron o que di o texto legal, senón que a súa práctica cotiá a contradí porque non a consideran nin importante nin prioritaria”.

A moción socialista inclúe ademais a creación dun “documento transitorio de identificación das persoas transexuais residentes en Galicia” que sexa expedible “a partir de que a persoa realice o tránsito social”, manifestando “o seu sexo sentido”. Este documento debe ser válido “namentres que estas persoas non poidan acceder a modificar o seu nome e sexo no Rexistro Civil, e por tanto dos documentos acreditativos como o DNI”.

Réxime sancionador

Finalmente, recolle as recomendacións presentadas pola Valedora do Pobo na súa recente comparecencia para presentar un informe específico sobre a realidade das persoas LGTBI en Galicia. Os socialistas solicitan así a introdución dun “procedemento de infracción sancionador e contemplar a realidade transexual das persoas en todas as etapas da súa vida e o dereito ao recoñecemento da identidade de xénero”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar