Desculpas obrigadas de Feijóo

Desculpas obrigadas de Feijóo

Carmen AcuñaA portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Carmen Acuña, esixiu hoxe dende a tribuna do Parlamento as desculpas do presidente da Xunta polas alusións referidas a ela mesma na sesión de control do pasado 27 de xaneiro. No debate dunha moción socialista, Acuña esixiulle ao presidente da Xunta que “deixe de comportarse como hooligan do PP e se desculpe”.

Acuña referiuse así á intervención do presidente da Xunta na sesión de control do pasado 27 de xaneiro, cando fixo alusión á investigación por presunta falsidade e estafa impulsada polo fiscal de Ourense e arquivada a semana pasada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A deputada socialista explicou que “avalar un crédito non é delito, como si o é o blanqueo, narcotráfico, cohecho, compadreo e conseguidores”.

Amosou a súa sorpresa pola “curiosa moral do PP”, quen “se alporiza ao escoitalo pero non ao facelo”, logo da reacción da bancada daquel Grupo durante a intervención da deputada socialista.

A deputada socialista dixo que “foi precisamente o presidente do goberno quen me xulgou e condenou coa única intención de facerlle dano ao meu partido” e engadiu que “Feijóo vai pasar á historia como o presidente das amizades perigosas”, en alusión á súa relación co narcotraficante Marcial Dorado e ao presunto conseguidor da trama investigada pola Operación Zeta, Pachi Lucas.

Reclamou “un trato igual ao que se lle deu a unha deputada do PP”, lembrando que Paula Prado puido utilizar unha quenda de intervención completa aludindo á súa situación procesual. Sen embargo, no caso da deputada do PSdeG-PSOE a Presidencia da Cámara impediu a súa intervención chamándoa á orde en dúas ocasións e obrigándoa a manter silencio durante varios minutos da súa intervención como forma de “pedir xustiza”.

A deputada socialista fixo esta intervención durante o debate dunha moción socialista para reclamar unha unidade de psicoxeriatría en tódalas áreas sanitarias de Galicia, cumprindo o Decreto 389/94 que regula a saúde mental de Galicia, e garantindo a atención acaída para tódalas persoas con enfermidades psiquiátricas. A proposta foi rexeitada polo PP.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar