Denuncian que o Goberno galego está a abandonar á súa sorte ás vítimas de violencia machista

Denuncian que o Goberno galego está a abandonar á súa sorte ás vítimas de violencia machista

Denuncian que o Goberno galego está a abandonar á súa sorte ás vítimas de violencia machista

Carmen Acuña censura que se baixen os orzamentos un 25% e se deixen de atender as solicitudes de achegas desde xuño porque ou non hai cartos ou pechan o exercicio para que Feijóo poida presumir de boa xestión

A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista defendeu tamén a intención do PP de pechar os Centros de Orientación Familiar e centrar o servizo en Atención Primaria

Denuncia Acuña o impacto negativo que sobre a saúde sexual dos galegos e galegas está a ter a influencia da Conferencia Episcopal en Feijóo, Gallardón e “medio PP”

A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Carmen Acuña, denunciou hoxe que o Goberno galego “está a abandonar á súa sorte” ás vítimas de violencia machista. A deputada xustificou a súa afirmación no progresivo endurecemento dos criterios de acceso ás achegas, que deixa fóra das mesmas a moitas mulleres maltratadas.

A isto habería que engadir que, desde o mes de xuño, nin se pagan nin se admiten novas solicitudes “ben porque se remataron os cartos, porque os queren aforrar, ou porque pecharon o exercicio para casar os orzamentos e crear o mito dun Feijóo con boa xestión”, apuntou Acuña.

A parlamentaria socialista defendeu unha proposición non de lei na que se instaba a Xunta a garantir que ningunha muller vítima de violencia machista en Galicia quede fóra das axudas periódicas por falta de orzamento. Así como que as solicitudes se resolvan nun prazo máximo de 20 días, xa que se trata de “persoas ameazadas”.

A iniciativa recollía tamén que a Secretaría Xeral de Igualdade inicie de xeito inmediato unha liña de investigación para poder determinar o impacto que a crise está a ter nas vítimas da violencia machista. Saber a que se debe a diminución das denuncias e o incremento da retirada das mesmas.

As denuncias de violencia, segundo o Observatorio de Violencia de Xénero, caeron un 7% en 2012. Acuña estima a existencia dun “impacto directo” da crise na baixa das denuncias como no feito de que 301 mulleres decidiran retirala.

Segundo explicou Acuña, o Goberno rachou o seu compromiso coa loita contra a violencia machista e reduciu nun 25% os cartos para as mulleres maltratadas. A pesares de que a cantidade anterior, que superaba os dous millóns de euros, tivera que ser aumentada. Para 2013 están previstos algo máis de 688.00m euros e e 1.120.000 para 2014.

A socialista denunciou tamén que se deixaron de asinar plans de cooperación nos que se reservaban postos de traballo para as vítimas da violencia machista. En definitiva, “pintan bastos” para as vítimas, rematou Acuña.

DEFENSA DA CONTINUIDADE DOS CENTROS DE ORIENTACIÓN FAMILIAR

Noutra iniciativa defendida hoxe na Comisión 5ª, Carmen Acuña, esixiu do Goberno galego a continuidade dos Centros de Orientación Familiar (COF) de carácter público, interdisciplinario e con persoal e medios axeitados e accesibles.

A proposición non de lei propoñía tamén integrar na educación afectiva e sexual en todos os niveis da Educación, desde Infantil ata Bacharelato.

A proposta de Acuña se completaba instando á Xunta a implantar na Atención Primaria un programa de muller integral e de calidade co apoio dos COF, financiar todos os medios anticonceptivos e manter o dereito ao aborto gratuíto , realizado na sanidade pública e con respecto á libre decisión da muller.

A portavoz de Sanidade censurou a intención do Goberno Feijóo de que a labor dos COF se asuma pola Atención primaria, pero sen que ata o de agora nese nivel “non saiban nada” disto.

Acuña salientou que os Centros de Orientación Familiar son os únicos centros con competencias, aínda coas súa diversidade, no abordaxe socio-sanitario-afectivo-sexual da anticoncepción, interrupción legal do embarazo, exame de saúde xinecolóxica periódico, esterilidade, atención de problemas sexuais e da parella e actividades educativas e de promoción da saúde afectivo sexual.

Destaca a deputada a importancia de que todos estes servizos se realizan nun ámbito privado e confidencial, no que a muller decide con información e liberdade.

Censura Acuña o interese do Partido Popular por suprimir os COF “o que vai agravar o deterioro que está a sufrir o coidado da muller. O PP está a “ameazar” todos os avances que a lexislación dos gobernos socialistas tiña impulsado en materia de saúde sexual e reprodutiva tanto en Galicia como no Estado.

Rexeitou a deputada socialista a influencia da Conferencia Episcopal no ministro Gallardón e “penso que en medio PP tamén” . A saúde sexual e reprodutiva é fundamental para o completo desenvolvemento do individuo, dixo, “Feijóo e Gallardón están cos bispos en lugar que coa OMS, e os bispos saberán moito de igrexa, pero de saúde están demostrando que non saben nada de nada”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar