Denuncian o cobro da metade do tratamento hospitalario a enfermos de VIH-Sida

Denuncian o cobro da metade do tratamento hospitalario a enfermos de VIH-Sida

Denuncian o cobro da metade do tratamento hospitalario a enfermos de VIH-Sida

A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Carmen Acuña, anunciou que presentará unha iniciativa na que denuncia a intención do Goberno de España e da Xunta de cobrar o 50 por cento do tratamento ambulatorio que reciben nos hospitais os enfermos de VIH – Sida.

Tamén advertiu do “problema de saúde pública” que supón a retirada do cartón sanitario a inmigrantes non regularizados fronte a casos como as infeccións por VIH – Sida. Acuña advertiu do retroceso na loita contra esta doenza a través dunha iniciativa parlamentaria presentada con motivo do Día Internacional de Loita contra o VIH – Sida, mañá sábado, 1 de decembro.

Estas decisións, sinala, supoñen “o abandono na responsabilidade de garantir o acceso igualitario aos servizos de protección socio – sanitaria en todo o territorio e para toda a cidadanía”.

Apunta que a exclusión do sistema sanitario ou a dificultade de acceso ao tratamento “implican unha deterioración da saúde comunitaria e unha falla de control sanitario respecto da transmisión de enfermidades, viola os dereitos humanos e contravén o artigo 43 da Constitución Española onde recoñece o dereito á protección da saúde”.

Denuncia que os orzamentos e por ende a capacidade de actuación das entidades que traballan co Sida en Galicia foron mermadas temerariamente ata un 50% polo Goberno popular da Xunta precisamente nun momento onde as prácticas de risco van en aumento xa que cada vez mais persoas se ven abocadas a unha pobreza na que ás veces a única saída para a supervivencia é “o recurso a actividades sumerxidas como a prostitución ou o refuxio emocional no alcohol e as drogas aumentando o numero de persoas excluídas e por ende unha maior indefensión fronte á transmisión do VIH”.

Advirte que a redución das axudas destinadas á prevención, concienciación, investigación e tratamento desta enfermidade “supón un paso atrás nos logros acadados na redución e control de devandita infección”. Considera que o aforro económico “non xustifica nin compensa o retroceso na resposta do VIH no noso país”.

Iniciativa

A responsable socialista reclama a aprobación e desenvolvemento de plans ou servizos autonómicos de resposta ao VIH “garantindo ademais a continuidade dos programas desenvolvidos polas ONG co fin de evitar a desatención dos milleiros de persoas que están detrás deses servizos”. Esixe “a dotación orzamentaria da Xunta suficiente para garantir o traballos das ONGs no noso pais”.

Tamén chamou ao posicionamento unánime da Cámara autonómica “a favor da recuperación do Plan Nacional sobre a Sida, como organismo coordinador, e a elaboración dun novo Plan Multisectorial fronte ao VIH – Sida”. Ademais, reclama “que se consignen explicitamente tamén as partidas económicas para iso nos Orzamentos Xerais do Estado que se elaboren nos próximos anos”.

Solicita que os estamentos públicos “cumpran cos acordos internacionais no ámbito do VIH – Sida que o noso Estado comprometeuse fronte a Onusida, Ungass, OIT, e o Parlamento Europeo, para alcanzar o “Obxectivo Cero: un mundo con cero novas infeccións por VIH, cero discriminación e cero mortes relacionadas coa Sida”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar