Denunciamos que a Xunta deixa de asignar 90 millóns en só dous anos para iniciativas empresariais no 'Plan Ferrol'

Denunciamos que a Xunta deixa de asignar 90 millóns en só dous anos para iniciativas empresariais no 'Plan Ferrol'

Os socialistas veñen de presentar varias preguntas no Parlamento nas que denuncian que a Xunta “non gastará nin un euro” dos 45,7 millóns que tiña orzamentados na convocatoria de 2015 para apoiar proxectos empresariais nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. A última convocatoria do programa Reindus, publicitado pola Xunta como piar fundamental do chamado Plan Ferrol, quedou deserta tras desestimarse dúas solicitudes e non conceder ningunha. A isto súmanse os case 45 millóns que quedaron sen asignar na partida do 2014, o que fai un total de 90 millóns en só dous anos. Unha situación “absolutamente incomprensible nunhas comarcas cunha taxa de paro de case o 30%”, censura o voceiro de Economía e Industria, Abel Losada.

“A publicidade e a propaganda do Igape e do Ministerio de Industria non se traduce en investimento e emprego na comarca”, lamenta, cunhas actuacións “que axudan a explicar as baixísimas execucións orzamentarias da Consellería de Economía e Industria”. As resolucións de 2015, din os socialistas, continúan unha tendencia que este programa vén sufrindo dende 2013, cando as bases cambiaron os anteriores créditos a interese cero por préstamos en condicións moi próximas ás de mercado e anunciaban a obrigatoriedade de avais. Nese ano suprimíronse as subvencións a fondo perdido. “Iso si, a Administración autonómica ten unha oficina en Ferrol para apoiar a implantación de empresas e o emprego, a pesar do eterno viaxe do vicepresidente Rueda na redución de organismos dependentes da Xunta”, ironizan.

Ante esta situación, os socialistas preguntarán na Cámara autonómica se a Xunta “é consciente das dificultades das Pemes galegas para acceder ao crédito nos circuítos ordinarios” e “como se pode explicar a falla de proactividade do Igape en termos de financiamento nun período no que é case imposible para as Pemes acceder ao crédito”. Ademais, queren saber “cales foron as razóns da negativa de financiamento aos proxectos presentados” e “cales son as razóns da escasa demanda ante esta convocatoria”. Nesta liña, queren saber “se existe algún plan alternativo para facilitar que as Pemes galegas acudan a estas convocatorias cunhas mínimas posibilidades de éxito” e, por último “cal é o destino alternativo deses recursos non utilizados” neste Programa.

32641281A

Deixar a resposta

Pechar