Denunciamos diante da Xunta Electoral os anuncios de campaña ilegais do PP

Denunciamos diante da Xunta Electoral os anuncios de campaña ilegais do PP

O Partido Socialista de Galicia interpuxo esta mañá unha denuncia ante a Xunta Electoral na que pon de manifesto a vulneración da normativa electoral por parte do PPdeG, pola publicación hoxe en diversos diarios galegos dun anuncio dun acto de campaña programado para este sábado, 10 de setembro. Este anuncio inclúe unha imaxe do candidato da formación popular, co logotipo do PP e coa lenda Esperámoste, xunto coa combinación do nome do candidato coa data do 25-S, na que se celebrarán os comicios autonómicos galegos.

En diversas cabeceiras da prensa galega o partido liderado por Feijóo publica hoxe un faldón de publicidade sobre o acto político previsto para o sábado en Pontevedra. O escrito da denuncia, asinado pola presidenta da xestora socialista, Pilar Cancela, precisa que a Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral establece explicitamente que “desde a convocatoria das eleccións ata o inicio legal da campaña” queda prohibida a realización de publicidade ou propaganda electoral mediante carteis, soportes comerciais ou insercións en prensa, radio ou outros medios dixitais”.

O PSdeG esgrime ademais no seu escrito a Instrución 3/2011 da Xunta Electoral Central, que explica que “durante o período referido, as formacións políticas e as candidaturas non poderán contratar directamente nin a través de terceiro, espazos, soportes ou sitios para a difusión de publicidade ou propaganda electoral”. A devandita instrución aclara que desde a convocatoria das eleccións ata o inicio legal da campaña tampouco se considera permitida “a exhibición de fotos dos candidatos ou de carteis coa denominación, siglas ou símbolos dunha formación política no exterior de domicilios privados”.

Ante os feitos expostos, o PSdeG solicita á Xunta Electoral de Galicia que “ordene a retirada con efectos inmediatos das insercións referidas, mesmo de xeito cautelar, ata o inicio de campaña electoral, impoñéndose a sanción prevista na normativa electoral para este tipo de actuacións”.

Os Socialistas de Galicia consideramos lamentable que unha vez máis o PPdeG e Feijóo en particular actúen á marxe da legalidade vixente, cando con toda seguridade son coñecedores das restricións que sobre a publicidade e propaganda establece a normativa electoral.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar