Denunciamos a escalada de manipulación da TVG tras a última denuncia dun xornalista

Denunciamos a escalada de manipulación da TVG tras a última denuncia dun xornalista

Denunciamos a escalada de manipulación da TVG tras a última denuncia dun xornalista

O portavoz socialista na comisión da CRTVG, Luis Álvarez, denunciou hoxe a “escalada de manipulación”, existente na TVG, tras a “punta do iceberg” da denuncia de manipulación dun xornalista despois de que fose recortada unha parte da súa información sobre o cultivo de ostras xusto pola parte que contiña críticas á Xunta, mantendo a súa sinatura coa súa voz en off.

 

Álvarez sinalou que agora “non só é o comité de empresa quen denuncia”, senón que “xa hai xornalistas con nome e apelidos que saen á palestra a denunciar as súas prácticas”. Unhas prácticas que, tras pedir amparo, agora denuncian tamén o propio comité de empresa e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. O colexio, como desvelou o socialista, emitiu unha resolución na que, entre outras cousas, di que “a dirección de informativos comprometeu a dignidade e a imaxe profesional” do afectado, xa que “ningún xornalista pode ser obrigado a asinar unha información contra a súa vontade”.

 

“Debería sonroxalo que o comité de empresa da CRTVG veña de activar un protocolo para asumir o control contra a manipulación na canle, ante a falta dun consello de informativos que vele pola obxectividade, porque a Xunta está a incumprir a lei”, expuxo Álvarez. “O comité de empresa vai acudir á Valedora do Pobo para que os ampare. Parécelle pouco para esixirlle o cumprimento da Lei a Feijóo? Sabemos que quen manda na TVG é Feijóo e a secretaria xeral de medios, Mar Sánchez Sierra, pero reflexione, porque aínda que non mande, vostede políticamente é o responsable”, advertiulle.

 

“Coa falta de credibilidade e as sospeitas de manipulación da televisión pública, ao cortar unha noticia deberan mirar ben o que cortan”, afirmou Álvarez, que lle reprochou ao director xeral da CRTVG que reduza unha situación “grave” a “un conflicto entre redactores”. Tamén rebatiu a excusa de que se trataba dun programa non político. “O problema é que vostedes o politizan”, dixo. “O problema non é o cultivo da ostra. É que é a voz dun profesional a que sae na noticia recortada como se a suscribise. Cambien a locución e non comprometan a credibilidade dun xornalista”.

 

Luis Álvarez replicoulle a Sánchez Izquierdo que a súa resposta “non pode ser cuestionalo todo” para defenderse. “Cuestionou vostede o universo completo da CRTVG, o Colexio de Xornalistas, o comité de empresa, que vén de pedir o amparo da Valedora do Pobo. En lugar de cuestionalo todo debera asumir responsabilidades”.

 

Por último, o socialista criticou tamén que para a elaboración da noticia desde a CRTVG lle deran ao xornalista toda a produción pechada, dicíndolle a quen tiña que entrevistar, como e onde. “E aínda así, con todo preparado a verdadeira noticia é que non evitaron que o entrevistado criticase a xestión da Xunta”, ironizou.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar