Cumpre explicar a actuación política na fusión e privatización das caixas

Cumpre explicar a actuación política na fusión e privatización das caixas

Cumpre explicar a actuación política na fusión e privatización das caixas

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, instou a rematar co proceso da Comisión de Investigación sobre a fusión das caixas galegas e explicar “as actuacións dos responsables políticos en todo este proceso”. Así o dixo logo de coñecer o ingreso en prisión dos cinco ex directivos de Novacaixagalicia polas indemnizacións millonarias.

O responsable socialista sinalou que o fin da “peripecia xudicial” dos ex directivos pon sobre a mesa a necesidade de rematar co traballo da dita Comisión de Investigación, que tivo “unha existencia lánguida” durante a pasada Lexislatura, na que permaneceu conxelada. Instou a “acabar co ditame” para “dar unha resposta dende o ámbito político ás interrogantes razoables dos cidadáns” sobre o proceso.

Fernández Leiceaga urxiu a reactivar a Comisión e apuntou a un prazo de “dous ou tres meses” para “ter un ditame e explicarlle a toda a opinión pública qué foi o que pasou” co proceso de fusión.

Sinalou en calquera caso que a sentenza xudicial vén responder a unha “actuación absolutamente incorrecta e pouco respectuosa cos aforradores” por parte dos ex directivos da institución, tomando decisións a favor do seu lucro persoal que foron consideradas “delictivas”. Sen embargo separou este proceso penal coas “dificultades de carácter financeiro pola incapacidade de adaptarse á burbulla inmobiliaria e á falla de vixilancia adecuada, que non son necesariamente delictivas”.

O portavoz do Grupo socialista subliñou o “respecto absoluto” polas decisións xudiciais “tanto cando nos convencen, como é neste caso, como cando non”, logo desta sentenza. Esta ven demostrar, dixo, que “as institucións do noso sistema democrático funcionan e dan unha resposta acaída de carácter penal ás actuacións incorrectas, desafortunadas e contrarias a toda ética” por parte dos directivos daquela entidade.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar